92
Se o cristián loita por adquirir estas virtudes, a súa alma disponse a recibir eficazmente a graza do Espírito Santo: e as boas calidades humanas refórzanse polas mocións que o Paráclito pon na súa alma. A Terceira Persoa da Trindade Beatísima —doce hóspede da alma24— regala os seus dons: don de sabedoría, de entendemento, de consello, de fortaleza, de ciencia, de piedade, de temor de Deus25.
Nótanse entón o gozo e a paz26, a paz gozosa, o xúbilo interior coa virtude humana da ledicia. Cando imaxinamos que todo se afunde ante os nosos ollos, non se afunde nada, porque Ti es, Señor, a miña fortaleza27. Se Deus habita na nosa alma, todo o demais, por importante que pareza, é accidental, transitorio; en cambio, nós, en Deus, somos o permanente.
O Espírito Santo, co don da piedade, axúdanos a considerarnos con certeza fillos de Deus. E os fillos de Deus, por que imos estar tristes? A tristura é a escoura do egoísmo; se queremos vivir para o Señor, non nos faltará a ledicia, aínda que descubramos os nosos erros e as nosas miserias. A ledicia métese na vida de oración, ata que non queda máis remedio que romper a cantar: porque amamos, e cantar é cousa de namo-rados.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/92/ (14-12-2025)