95

Non vos tedes fixado nas familias, cando conservan unha peza decorativa de valor e fráxil —un xerro por exemplo— como o coidan para que non se rompa? Ata que un día o neno, xogando, chímpao ao chan, e aquel recordo precioso esnaquízase en varios cachos. O desgusto é grande, mais deseguido vén o arranxo; recomponse, pégase coidadosamente e, restaurado, ao remate queda tan fermoso coma antes.

Pero, cando o obxecto é de louza ou de barro cocido, de ordinario bastan unhas canterlas, eses arames de ferro ou doutro metal, que manteñen unidos os anacos. E o cacharro, así reparado, adquire un orixinal encanto.

Levemos isto á vida interior. Ante as nosas miserias e os nosos pecados, ante os nosos erros —aínda que pola graza divina, sexan de pouca monta—, vaiamos á oración e digamos ao noso Pai: Señor, na miña pobreza, na miña fraxilidade, neste barro meu de vasilla rota, Señor, colócame unhas canterlas e —coa miña dor e co teu perdón— serei máis forte e máis gracioso que antes! Unha oración consoladora, para que a repitamos cando se crebe este pobre barro noso.

Que non nos chame a atención se somos crebadizos, que non nos choque comprobar que a nosa conduta se quebranta por menos de nada; confiade no Señor, que sempre ten preparado o auxilio: o Señor é a miña luz e a miña salvación, a quen temerei? 3. A ninguén: tratando deste xeito ao noso Pai do Ceo, non admitamos medo de ninguén nin de nada.

Notas
3

Ps XXVI, 1 (Introito da Misa).

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma