COA FORZA DO AMOR
Mesturado entre a multitude, un daqueles peritos que non acertaban a discernir as ensinanzas reveladas de Moisés, enleadas por eles mesmos cunha estéril casuística, fíxolle unha pregunta ao Señor. Abre Xesús os seus beizos divinos para responder a ese doutor da Lei e contéstalle devagar, coa segura persuasión do que o ten ben experimentado: amarás o Señor Deus teu con todo o teu corazón, e con toda a túa alma, e con toda a túa mente. Este é o máximo e primeiro mandamento. O segundo é semellante a este: amarás o teu próximo como a ti mesmo. Nestes dous mandamentos está cifrada toda a Lei e os profetas1.
Fixádevos agora no Mestre reunido cos seus discípulos, na intimidade do Cenáculo. Ao achegarse o momento da Paixón, o Corazón de Cristo, arrodeado polos que El ama, estala en laparadas inefables: douvos un mandamento novo, confíalles: que vos amedes os uns aos outros, como eu vos amei a vós, e que do xeito que eu vos amei así tamén vos amedes reciprocamente. Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos, se vos tedes amor os uns aos outros2.
Para achegarse ao Señor a través das páxinas do Santo Evanxeo, recomendo sempre que vos esforcedes por metervos de tal modo na escena, que participedes coma un personaxe máis. Así —sei de tantas almas normais e correntes que o viven—, ensimesmarédesvos como María, pendente das palabras de Xesús ou, como Marta, atreverédesvos a manifestarlle sinceramente as vosas inquedanzas, ata as máis pequenas3.
Señor, por que chamas novo este mandamento? Como rematamos de escoitar, o amor ao próximo estaba prescrito no Antigo Testamento, e lembrades tamén que Xesús, apenas comeza a súa vida pública, amplía esa esixencia, con divina xenerosidade: oístes que foi dito: amarás ao teu próximo e terás odio ao teu inimigo. Eu pídovos máis: amade os vosos inimigos, facédelles o ben aos que vos aborrecen e orade polos que vos perseguen e calumnian4.
Señor, permítenos insistir: por que continúas chamando novo este precepto? Aquela noite, poucas horas antes de inmolarte na Cruz, durante esa conversa entrañable cos que —a pesar das persoais fraquezas e miserias, como as nosas— te acompañaron ata Xerusalén. Ti reveláchesnos a medida insospeitada da caridade: como eu vos amei. Como non te habían entender os Apóstolos, se foran testemuñas do teu amor insondable!
O anuncio e o exemplo do Mestre resultan claros, precisos. Subliñou con obras a súa doutrina. E, non obstante, moitas veces pensei que, despois de vinte séculos, aínda segue a ser un mandato novo, porque hai moi poucos homes que se preocupasen de practicalo; o resto, a maioría, preferiron e prefiren non se decatar. Cun egoísmo exacerbado, conclúen: para que máis complicacións, abóndame e sóbrame co meu.
Non cabe semellante postura entre os cristiáns. Se profesamos esa mesma fe, se de verdade ambicionamos pisar nas nidias pegadas que deixaron na terra as pisadas de Cristo, non temos que nos conformar con lles evitar aos outros os males que non desexamos para nós mesmos. Isto é moito, pero é moi pouco, cando comprendemos que a medida do noso amor vén definida polo comportamento de Xesús. Ademais, El non nos propón esa norma de conduta como unha meta ao lonxe, como a coroación dunha vida de loita. É —debe ser, insisto, para que o traduzas en propósitos concretos— o punto de partida, porque o Noso Señor o antepón como signo previo: nisto coñecerán que sodes os meus discípulos.
Xesucristo, Noso Señor, encarnouse e tomou a nosa natureza, para mostrarse á humanidade como modelo de todas as virtudes. Aprendede de min, invita, que son manso e humilde de corazón5.
Máis tarde, cando lles explica aos Apóstolos o sinal polo que os recoñecerán como cristiáns, non di: porque sodes humildes. El é a pureza máis sublime, o Año inmaculado. Nada podía manchar a súa santidade perfecta, sen tacha6. Pero tampouco indica: decataranse de que están ante os meus discípulos porque sodes castos e limpos.
Pasou por este mundo co máis completo desprendemento dos bens da terra. Sendo Creador e Señor de todo o universo, faltoulle incluso o lugar onde pousar a cabeza7. Con todo, non comenta: saberán que sodes dos meus, porque non vos apegades ás riquezas. Permanece corenta días coas súas noites no deserto, en xaxún rigoroso8, antes de se dedicar á predicación do Evanxeo. E, do mesmo xeito, non asegura aos seus: compren-derán que servides a Deus, porque non sodes comellóns nin bebedores.
A característica que distinguirá aos apóstolos, aos cristiáns auténticos de todos os tempos, oímola: nisto —precisamente nisto— coñecerán todos que sodes os meus discípulos, en que vos teñades amor os uns aos outros9.
Paréceme perfectamente lóxico que os fillos de Deus se quedaran sempre removidos —coma ti e mais eu, nestes momentos— ante esa insistencia do Mestre. «O Señor non establece como proba da fidelidade dos seus discípulos, os prodixios ou os milagres inauditos, malia que lles conferiu o poder de facelos, no Espírito Santo. Que lles comunica? Coñecerán que sodes os meus discípulos se vos amades reciprocamente»10.
Pedagoxía divina
Non odiar ao inimigo, non devolver mal por mal, renunciar á vinganza, perdoar sen rancor, considerábase daquela — e tamén agora, non nos enganemos— unha conduta insólita, demasiado heroica, fóra do normal. Ata aquí chega a mesquindade das criaturas. Xesucristo, que veu salvar a todas as xentes e desexa asociar os cristiáns á súa obra redentora, quixo ensinar aos seus discípulos —a ti e mais a min— unha caridade grande, sincera, máis nobre e valiosa: debemos amarnos mutuamente como Cristo nos ama a cada un de nós. Só deste xeito, imitando —dentro da propia persoal rudeza— os modos divinos, lograremos abrir o noso corazón a todos os homes, querer dun modo máis alto, enteiramente novo.
Que ben puxeron en práctica os primeiros cristiáns esta caridade ardente, que sobresaía con exceso máis alá das cimas da simple solidariedade humana ou da benignidade de carácter. Amábanse entre si, doce e fortemente, desde o Corazón de Cristo. Un escritor do século II, Tertuliano, transmitiunos o comentario dos pagáns, conmovidos ao contemplar o porte dos fieis daquela, tan cheo de atractivo sobrenatural e humano: «mirade como se aman»11, repetían.
Se percibes que ti, agora ou en tantos detalles da xornada, non es merecente desa loanza; que o teu corazón non reacciona como debera ante os requirimentos divinos, pensa tamén que che chegou o tempo de rectificar. Atende á invitación de san Paulo: fagamos o ben a todos e especialmente a aqueles que pertencen, mediante a fe, á mesma familia ca nós12, ao Corpo Místico de Cristo.
O principal apostolado que os cristiáns temos que realizar no mundo, o mellor testemuño de fe, é contribuír a que dentro da Igrexa se respire o clima da auténtica caridade. Cando non nos amamos de verdade, cando hai ataques, calumnias e tirapuxas, quen se sentirá atraído polos que sosteñen que predican a Boa Nova do Evanxeo?
Resulta moi fácil, moi á moda, afirmar coa boca que se ama a todas as criaturas, crentes e non crentes. Mais se o que así fala maltrata os irmáns na fe, dubido de que na súa conduta exista algo distinto dunha parolada hipócrita. Pola contra, cando amamos no Corazón de Cristo aos que «somos fillos dun mesmo Pai, estamos asociados nunha mesma fe e somos herdeiros dunha mesma esperanza»13, a nosa alma engrandécese e arde co afán de que todos se acheguen ao Noso Señor.
Estouvos lembrando as esixencias da caridade, e poida que alguén opinará que falta precisamente esa virtude nas palabras que remato de pronunciar. Nada máis oposto á realidade. Pó dovos asegurar que, con santo orgullo e sen falsos ecumenismos, enchinme de gozo cando no pasado Concilio Vaticano II tomaba corpo con renovada intensidade esa preocupación por levar a Verdade aos que andan afastados do único Camiño, do de Xesús, xa que devezo coa fame de que se salve a humanidade enteira.
Abofé que foi moi grande a miña alegría, tamén porque se vía confirmado novamente un apostolado tan preferido polo Opus Dei, o apostolado ad fidem, que non rexeita a ningunha persoa, e admite os non cristiáns, os ateos, os pagáns, para que no posible participen dos bens espirituais da nosa Asociación*: isto ten unha longa historia, de dor e de lealdade, que teño contado noutras ocasións. Por iso repito, sen medo, que considero un celo hipócrita, embusteiro, o que empurra a tratar ben aos que están lonxe, de paso que se asoballa e despreza aos que viven connosco a mesma fe. Tampouco creo que te intereses polo último pobre da rúa, se martirizas os da túa casa; se permaneces indiferente nas súas alegrías, nas súas magoas e nos seus desgustos; se non te esforzas en comprender ou en pasar por alto os seus defectos, sempre que non sexan ofensa a Deus.
Non vos conmove que o Apóstolo Xoán, xa ancián, empregue a maior parte dunha da súas epístolas en exhortarnos para que nos comportemos segundo esa doutrina divina? O amor que debe mediar entre os cristiáns nace de Deus, que é Amor. Queridiños, amémonos os uns aos outros, porque a caridade procede de Deus, e todo o que ama é nacido de Deus e a Deus coñece. O que non ama non coñece a Deus, porque Deus é Amor14. Detense na caridade fraterna, pois por Cristo fomos convertidos en fillos de Deus: vede que amor tivo o Pai por nós, querendo que nos chamemos fillos de Deus e que o sexamos15.
E, mentres golpea rexamente as nosas conciencias para que se troquen máis sensibles á graza divina, insiste en que temos recibido unha proba marabillosa do amor do Pai polos homes: nisto demostrouse a caridade de Deus cara nós, en que Deus enviou o seu Fillo Unixénito ao mundo, para que por El teñamos vida16. O Señor tomou a iniciativa, vindo ao noso encontro. Deunos ese exemplo, para que acudamos con El a servir os demais, para que —gústame repetilo— poñamos xenerosamente o noso corazón no chan, de xeito que os outros pisen en brando, e resúltelles máis amable a loita. Debémonos comportar deste xeito, fomos feitos fillos do mesmo Pai, dese Pai que non dubidou en nos entregar ao seu Fillo moi amado.
A caridade non a construímos nós; invádenos coa graza de Deus: porque El nos amou primeiro17. Cómpre que nos empapemos ben desta verdade fermosísima: «se podemos amar a Deus, é porque fomos amados por Deus»18. Ti e mais eu estamos en condicións de desbaldir agarimo cos que nos arrodean, porque nacemos á fe, polo amor do Pai. Pedide con ousadía ao Señor este tesouro, esta virtude sobrenatural da caridade, para exercitala ata no último detalle.
Con frecuencia, os cristiáns non sabemos corresponder a este don; por veces rebaixámolo, de xeito que se limitase a unha esmola, sen alma, fría; ou o reducimos a unha conduta de beneficencia máis ou menos de fórmulas. Expresaba ben esta aberración a resignada queixa dunha enferma: aquí me tratan con caridade, pero a miña nai coidábame con agarimo. O amor que nace do corazón de Cristo non pode dar lugar a esa clase de distincións.
Para que se vos metese ben no maxín esta verdade, dunha forma gráfica, prediquei en milleiros de ocasións que nós non posuímos un corazón para amar a Deus, e outro para querer ás criaturas: este pobre corazón noso, de carne, quere cun agarimo humano que, se está unido ao amor de Cristo, é tamén sobrenatural. Esa, e non outra, é a caridade que temos que cultivar na alma, a que nos levará a descubrir nos demais a imaxe do Noso Señor.
Universalidade da caridade
«Co nome de próximo, di san León Magno, non debemos considerar só aos que se unen a nós con lazos de amizade ou de parentesco, senón a todos os homes, cos que temos unha común natureza... Fíxonos un só Creador, un só Creador deunos a alma. Todos gozamos do mesmo ceo e do mesmo aire, dos mesmos días e das mesmas noites e, aínda que uns son bos e outros son malos, uns xustos e outros inxustos, Deus, non obstante, é xeneroso e benigno con todos»19.
Os fillos de Deus forxámonos na práctica dese mandamento novo, na Igrexa aprendemos a servir e non a ser servidos20, e atopámonos con forzas para amar a humanidade dun xeito novo, que todos advertirán como froito da graza de Cristo. O noso amor non se confunde cunha postura sentimental, tampouco coa simple camaradería, nin co pouco claro afán de axudar os outros para demostrármonos a nós mesmos que somos superiores. É convivir co próximo, venerar —insisto— a imaxe de Deus que hai en cada home, procurando que tamén el a contemple, para que se saiba dirixir a Cristo.
Universalidade da caridade significa, por iso, universalidade do apostolado; tradución en obras e de verdade, pola nosa banda, do grande empeño de Deus, que quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade21.
Se temos que amar tamén aos inimigos —refírome aos que nos colocan entre os seus inimigos: eu non me sinto inimigo de ninguén nin de nada—, haberá que amar con máis razón aos que só están lonxe, aos que nos caen menos simpáticos, aos que, pola súa lingua, pola súa cultura ou pola súa educación, parecen o oposto a ti ou a min.
De que amor se trata? A Sagrada Escritura fala de dilectio, para que se entenda ben que non se refire só ao afecto sensi-ble. Expresa máis ben unha determinación firme, da vontade. Dilectio deriva de electio, de elixir. Eu engadiría que amar en cristián significa, querer, decidirse en Cristo a buscar o ben das almas sen discriminación de ningún xénero, logrando para elas, antes que nada, o mellor: que coñezan a Cristo, que se namoren del.
Señor úrxenos: portádevos ben cos que vos aborrecen e orade polos que vos perseguen e calumnian22. Podemos non nos sentir humanamente atraídos polas persoas que nos rexeitarían, se nos achegásemos. Malia todo Xesús esíxenos que non lles devolvamos mal por mal; que non desaproveitemos as ocasións de servilos con todo o corazón, aínda que nos custe; que non deixemos nunca de as ter presentes nas nosas oracións.
Esa dilectio, esa caridade, énchese de matices máis entrañables cando se refire aos irmáns na fe, e especialmente aos que, porque así o estableceu Deus, traballan máis preto de nós: os pais, o marido ou a muller, os fillos e os irmáns, os amigos e os colegas, os veciños. Se non existise ese agarimo, amor humano nobre e limpo, ordenado a Deus e fundado nel, non habería caridade.
Manifestacións do amor
Gústame recoller unhas palabras que o Espírito Santo nos comunica por boca do profeta Isaías: disciti benefacere23, aprendede a facer o ben. Adoito aplicar este consello aos distintos aspectos da nosa loita interior, porque a vida cristiá nunca se ten que dar por rematada, xa que o crecemento nas virtudes vén como consecuencia dun empeño efectivo e cotián.
En calquera tarefa da sociedade, como aprendemos? Primeiro, examinamos o fin desexado e os medios para acadalo. Despois, perseveramos no emprego deses recursos, unha e outra vez, ata crear un hábito arraigado e firme. No momento en que aprendemos algo, descubrimos outras cousas que ignorabamos e que constitúen un estímulo para continuar este traballo sen dicir nunca basta.
A caridade co próximo é unha manifestación do amor a Deus. Por iso, ao esforzármonos por mellorar nesa virtude, non nos podemos fixar límite ningún. Co Señor, a única medida é amar sen medida. Por unha banda, porque nunca chegaremos a agradecer bastante o que o Señor fixo por nós; doutra, porque o mesmo amor de Deus ás súas criaturas revélase dese xeito: con exceso, sen cálculo, sen fronteiras.
A todos os que estamos dispostos a abrirlle os oídos da alma, Xesucristo ensina no sermón da Montaña o mandato divino da caridade. E, ao rematar, coma resumo explica: amade os vosos inimigos, facede ben e prestade sen esperanza de recibir nada a cambio, e será grande a vosa recompensa, e seredes fillos do Altísimo, porque El é bo aínda cos ingratos e malos. Sede, pois, misericordiosos, así como tamén o voso Pai é misericordioso24.
A misericordia non se queda nunha simple actitude de compaixón: a misericordia identifícase coa superabundancia da caridade que, ao mesmo tempo, trae consigo a superabundancia da xustiza. Misericordia significa manter o corazón en carne viva, humana e divinamente transido por un amor rexo, sacrificado, xeneroso. Así glosa a caridade san Paulo no seu canto a esa virtude: a caridade é sufrida, benfeitora; a caridade non ten envexa, non obra precipitadamente, non se ensoberbece, non é ambiciosa, non anda a procura dos seus intereses, non se alporiza, non pensa mal, non se folga da inxustiza, comprácese na verdade; a todo se acomoda, cre en todo, espérao todo e sopórtao todo25.
Unha das súas primeiras manifestacións concrétase en iniciar á alma nos camiños da humildade. Cando sinceramente nos consideramos nada; cando comprendemos, que sen o auxilio divino, a máis feble e fraca das criaturas sería mellor ca nós; cando nos vemos capaces de todos os erros e de todos os horrores; cando nos sabemos pecadores aínda que pelexemos con empeño para arredarnos de tantas infidelidades, como imos pensar mal dos demais?, como se poderá alimentar no corazón o fanatismo, a intolerancia, a altiveza?
A humildade lévanos como da man a ese xeito de tratar o próximo, que é o mellor: o de comprender a todos, convivir con todos, desculpar a todos; non crear divisións nin barreiras; comportarse —sempre!— como instrumentos de unidade. Non en van existe no home unha aspiración forte cara á paz, cara á unión cos seus semellantes, cara ao mutuo respecto dos dereitos da persoa, de xeito que ese miramento se transforme en fraternidade. Reflicte a pegada do máis valioso da nosa condición humana: se todos somos fillos de Deus, a fraternidade nin se reduce a un tópico, nin resulta un ideal ilusorio: resalta como meta difícil, pero real.
Fronte a todos os cínicos, aos escépticos, aos sen amor, aos que converteron a propia covardía nunha mentalidade, os cristiáns temos que demostrar que ese agarimo e posible. Poida que existan moita dificultades para comportarse así, porque o home foi creado libre, e na súa man está enfrontarse inútil e amargamente contra Deus: pero é posible e real, porque esa conduta nace necesariamente como consecuencia do amor de Deus e do amor a Deus. Se ti e mais eu queremos, Xesucristo tamén quere. Daquela entenderemos con toda a súa fondura e con toda a súa fecundidade a dor, o sacrificio e a entrega desinteresada na convivencia diaria.
O exercicio da caridade
Pecaría de inxenuo o que se imaxinase que as esixencias da caridade cristiá se cumpren facilmente. Demóstrase moi distinto o que experimentamos no quefacer habitual da humani-dade e, por desgraza, no ámbito da Igrexa. Se o amor non obrigase a calar, cada quen contaría longamente de divisións, de ataques, de inxustizas, de murmuracións, de insidias. Temos que admitilo con sinxeleza, para tratar de pór pola nosa banda o oportuno remedio, que se ha de traducir nun esforzo persoal por non ferir, por non maltratar, por corrixir sen deixar afundido a ninguén.
Non son cousas de hoxe. Poucos anos despois da Ascensión de Cristo aos ceos, cando aínda andaban dun sitio para o outro case todos os apóstolos, e era xeral un fervor estupendo de fe e de esperanza, xa comezaban tantos, non obstante, a descamiñarse, a non vivir a caridade do Mestre.
Habendo entre vós celos e discordias —escribe san Paulo aos de Corinto— non é claro que sodes carnais e procededes coma homes? Porque dicindo un: eu son de Paulo, e o outro: eu de Apolo, non estades mostrando ser aínda homes26, que non comprenden que Cristo veu superar todas esas divisións? Que é Apolo? Que é Paulo? Ministros de Aquel en quen crestes, e iso segundo o que a cada un lle concedeu o Señor27.
O Apóstolo non rexeita a diversidade: cada quen ten de Deus o seu propio don, quen dunha maneira, quen doutra28. Mais esas diferenzas teñen que estar ao servizo do ben da Igrexa. Eu síntome agora movido a pedirlle ao Señor —unídevos, se queredes, a esta oración miña— que non permita que na súa Igrexa a falta de Amor emporque as almas. A caridade é o sal do apostolado dos cristiáns; se perde o seu sabor, como nos poderemos presentar ante o mundo e explicar, coa cabeza alta, aquí está Cristo?
Polo tanto, repítovos con san Paulo: aínda que eu falase todas as linguas dos homes e a linguaxe dos anxos, se non tivese caridade, veño a ser como un metal que resoa, ou campá que repenica. E cando tivese o don de profecía e penetrase todos os misterios e posuíse todas as ciencias, cando tivese toda a fe, de xeito que trasladase dunha á outra parte os montes, non tendo caridade son nada. Aínda que eu distribuíse todos os meus bens para sustento dos pobres, e aínda que entregase o meu corpo ás lapas, se a caridade me falta, todo iso non me serve de nada29.
Ante estas palabras do Apóstolo das xentes, non faltan os que coinciden con aqueles discípulos de Cristo, que, cando o Noso Señor lles anunciou o Sacramento da súa Carne e do seu Sangue, comentaron: dura é esta doutrina, quen a pode escoi-tar? 30. É dura, si. Porque a caridade que describe o Apóstolo non se limita á filantropía, ao humanitarismo, á lóxica conmiseración ante o sufrimento alleo: esixe o exercicio da virtude teologal do amor a Deus e do amor, por Deus, aos demais. Por iso, a caridade nunca fenece, mentres que as profecías rematarán e cesarán as linguas, e acabará a ciencia... Agora permanecen estas tres virtudes, a fe, a esperanza e a caridade; pero das tres a caridade é a máis excelente de todas31.
O único camiño
Convencémonos de que a caridade non ten nada que ver con esa caricatura que, ás veces, se pretendeu trazar da virtude central da vida do cristián. Daquela, por que esta esixencia de predicala continuamente? Xorde como tema obrigado, mais con poucas posibilidades de que se manifeste en feitos concretos?
Se miramos ao noso redor, encontrariamos quizais razóns para pensar que a caridade é unha virtude ilusoria. Mais, considerando as cousas con sentido sobrenatural, descubrirás tamén a raíz desa esterilidade: a ausencia dun trato intenso e continuo, de ti a Ti, co Noso Señor Xesucristo; e o descoñecemento da obra do Espírito Santo na alma, cuxo primeiro froito é precisamente a caridade.
Recollendo uns consellos do Apóstolo —levade uns as cargas dos outros así cumpriredes a lei de Cristo32— engade un Padre da Igrexa: «amando a Cristo soportaremos facilmente a debilidade dos demais, tamén daquel ao que non amamos aínda, porque non ten obras boas»33.
Por aí sube o camiño que nos fai medrar en caridade. Se imaxinásemos que antes nos temos que exercitar en actividades humanitarias, en labores asistenciais, excluíndo o amor do Señor, equivocariámonos. «Non descoidemos a Cristo por mor da preocupación polo próximo enfermo, xa que debemos amar o enfermo por mor de Cristo»34.
Mirade constantemente a Xesús que, sen deixar de ser Deus, se humillou tomando forma de servo35, para poder servirnos, porque só nesa dirección se abren os afáns que merecen a pena. O amor busca a unión, identificarse coa persoa amada: e, ao unirnos a Cristo, atraeranos a ansia de secundar a súa vida de entrega, de amor inconmensurable, de sacrificio ata a morte. Cristo sitúanos ante o dilema definitivo: ou consumir a propia existencia dun xeito egoísta e solitario, ou se dedicar con todas as forzas a unha tarefa de servizo.
Ímoslle pedir agora ao Señor, para rematar este momento de conversa con El, que nos conceda repetir con san Paulo que trunfamos por virtude daquel que nos amou. Polo cal estou seguro que nin a morte, nin a vida, nin os anxos, nin os principados, nin as virtudes, nin o presente, nin o vindeiro, nin a forza, nin o que hai de máis alto, nin de máis profundo, nin calquera outra criatura poderá xamais afastarnos do amor de Deus, que está en Xesucristo Noso Señor36.
A Escritura canta tamén deste amor con palabras acesas: as augas abondosas non puideron extinguir a caridade, nin os ríos arrastrala37. Este amor colmou sempre o Corazón de Santa María, ata enriquecela con entrañas de Nai para a humanidade enteira. Na Virxe, o amor a Deus confúndese tamén coa solicitude por todos os seus fillos. Debeu sufrir moito o seu Corazón docísimo, atento, ata aos miúdos detalles —non teñen viño38—, ao presenciar aquela crueldade colectiva, aquela saña que foi, de parte dos verdugos, a Paixón e a Morte de Xesús. Pero María non fala. Como o seu Fillo, ama, cala e perdoa. Esa é a forza do amor.
Mt XI, 29.
Cfr. Ioh VIII, 46.
Cfr. Mt VIII, 20.
Cfr. Mt IV, 2.
Ioh XIII, 35.
San Basilio. Regulae fusius tractatae, 3, 1 (PG 31, 918).
*“Mons. Escrivá de Balaguer chama Asociación ao Opus Dei, porque ata 1982 non foi erixida esta institución en Prelatura persoal. É de xustiza sinalar que, non obstante, xa desde a década de 1930, Mons Escrivá de Balaguer tiña previsto que a fórmula xurídica do Opus Dei se debería atopar entre as institucións de xurisdición persoal e secular; que logo foi guiando ao Opus Dei cara esa solución xurídica e que antes de falecer, no 1975, deixáraa preparada”.
1 Ioh IV, 7-8.
1 Ioh III, 1.
1 Ioh IV, 9.
1 Ioh IV, 10.
Oríxenes, Commentarii in Epistolam ad Romanos, 4, 9 (PG 14, 997).
San León Magno, Sermo XII, 2 (PL 54, 170).
Cfr. Mt XX, 28.
1 Tim II, 4.
Gal VI, 2
Santo Agostiño, De diversis quaestionibus LXXXIII, 71, 7 (PL 40, 83).
Santo Agostiño, Ibidem.
Cfr. Phil II, 6-7.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/coa-forza-do-amor/ (14-12-2025)