HUMILDADE
Imos considerar por uns instantes os textos desta Misa do martes de Paixón, para que saibamos distinguir o endeusamento bo do endeusamento malo. Imos falar de humildade, porque esta é unha virtude que nos axuda a coñecer, de xeito simultáneo, a nosa miseria e a nosa grandeza.
A nosa miseria resalta con demasiada evidencia. Non me refiro ás limitacións naturais: a tantas aspiracións grandes coas que o home soña e que, en troques, non efectuará nunca, aínda que só sexa por falta de tempo. Penso no que realizamos mal, nas caídas, nas equivocacións que se poderían evitar e non se evitan. Continuamente experimentamos a nosa persoal ineficacia. Mais, ás veces, parece como se todas estas cousas se xuntasen, como se con maior relevo se nos manifestasen, para que nos deamos conta do pouco que somos. Que facer?
Expecta Dominum1, espera no Señor; vive da esperanza, suxírenos a Igrexa, con amor e con fe. Viriliter age2, pórtate virilmente. Que importa que sexamos criaturas de lodo, se temos a esperanza posta en Deus? E se nalgún momento a alma sofre unha caída, un retroceso —non é necesario que suceda—, aplícase o remedio, como se procede normalmente na vida ordinaria coa saúde do corpo, e a recomezar de novo!
Non vos tedes fixado nas familias, cando conservan unha peza decorativa de valor e fráxil —un xerro por exemplo— como o coidan para que non se rompa? Ata que un día o neno, xogando, chímpao ao chan, e aquel recordo precioso esnaquízase en varios cachos. O desgusto é grande, mais deseguido vén o arranxo; recomponse, pégase coidadosamente e, restaurado, ao remate queda tan fermoso coma antes.
Pero, cando o obxecto é de louza ou de barro cocido, de ordinario bastan unhas canterlas, eses arames de ferro ou doutro metal, que manteñen unidos os anacos. E o cacharro, así reparado, adquire un orixinal encanto.
Levemos isto á vida interior. Ante as nosas miserias e os nosos pecados, ante os nosos erros —aínda que pola graza divina, sexan de pouca monta—, vaiamos á oración e digamos ao noso Pai: Señor, na miña pobreza, na miña fraxilidade, neste barro meu de vasilla rota, Señor, colócame unhas canterlas e —coa miña dor e co teu perdón— serei máis forte e máis gracioso que antes! Unha oración consoladora, para que a repitamos cando se crebe este pobre barro noso.
Que non nos chame a atención se somos crebadizos, que non nos choque comprobar que a nosa conduta se quebranta por menos de nada; confiade no Señor, que sempre ten preparado o auxilio: o Señor é a miña luz e a miña salvación, a quen temerei? 3. A ninguén: tratando deste xeito ao noso Pai do Ceo, non admitamos medo de ninguén nin de nada.
Para oír a Deus
Se acudimos á Sagrada Escritura, veremos como a humildade é un requisito indispensable para dispoñerse a oír a Deus. Onde hai humildade, hai sabedoría4, explica o libro dos Proverbios. Humildade é mirarnos como somos, sen paliativos, con verdade. E ao comprender que apenas valemos algo, abrímonos á grandeza de Deus: esta é a nosa grandeza.
Que ben o entendía a Nosa Señora, a Santa Nai de Xesús, a criatura máis excelsa de cantas existiron e existirán sobre a terra! María glorifica o poder do Señor, que derrubou do solio aos poderosos e enxalzou aos humildes5. E canta que nela se realizou nunha vez máis esta providencia divina: porque puxo os seus ollos nabaixeza da súa escrava, polo tanto xa desde agora chamaranme benaventurada todasas xeracións6.
María móstrase santamente transformada, no seu corazón purísimo, ante a humildade de Deus: o Espírito Santo descenderá sobre ti e a virtude do Altísimo cubrirate coa súa sombra, por cuxa causa o santo que de ti nacerá será chamado Fillode Deus7. A humildade da Virxe é consecuencia dese abismo insondable de graza, que se opera na Encarnación da Segunda Persoa da Trindade Beatísima nas entrañas da súa Nai sempre Inmaculada.
Cando san Paulo evoca este misterio prorrompe tamén nun himno gozoso, que hoxe podemos saborear detidamente: porque tedes que abrigar no voso corazón os mesmos sentimentos que Xesucristo no seu, o cal, tendo a natureza de Deus, non foi por usurpación, senón por esencia, o ser igual a Deus; e non obstante, anonadouse a si mesmo, tomando a forma de servo, feito semellante aos homes e reducido á condición de home. Humillouse a si mesmo, facéndose obediente ata a morte e morte de Cruz8.
Xesucristo, Noso Señor, con moita frecuencia proponnos na súa predicación o exemplo da súa humildade: aprendede de min, que son manso e humilde de corazón9. Para que ti e mais eu saibamos que non hai outro camiño, que só o coñecemento sincero da nosa nada encerra a forza de atraer cara a nós a divina graza. «Por nós Xesucristo veu padecer fame e a alimentar, veu sentir sede e a dar de beber, veuse vestir da nosa mortalida-de e a vestir de inmortalidade, veu pobre para facer ricos»10.
98 Deus resiste aos soberbios, mais aos humildes dá a súa graza11, ensina o apóstolo san Pedro. En calquera época, en calquera situación humana, non existe máis camiño –para vivir vida divina– que o da humildade. É que o Señor se goza acaso na nosa humillación? Non. Que acadaría co noso abatemento o que creou todo e mantén e goberna canto existe? Deus unicamente desexa a nosa humildade, que nos baleiremos de nós mesmos, para poder enchernos; pretende que non lle poñamos atrancos, para que —falando ao xeito humano— caiba máis graza súa no noso pobre corazón. Porque o Deus que nos inspira ser humildes é o mesmo que transformará ocorpo da nosa humildade e farao conforme ao seu glorioso, coa mesma virtude eficaz co que pode tamén suxeitar ao seu imperio todas as cousas12. O Noso Señor fainos seus, endéusanos cun endeusamento bo.
A soberbia, o inimigo
E que é o que impide esta humildade, este endeusamento bo? A soberbia. Ese é o pecado capital que conduce ao endeusamento malo. A soberbia leva a seguir, quizais nas cuestións máis miúdas, a insinuación que Satanás presentou aos nosos primeiros pais: abriranse os vosos ollos e seredes como Deus, coñecedores do ben e do mal13. Lese tamén na Escritura que o principio da soberbia é arredarse de Deus14. Porque este vicio, unha vez enraizado, inflúe en toda a existencia do home, ata converterse no que san Xoán chama superbia vitae15, soberbia da vida.
Soberbia? De que? A Sagrada Escritura recolle acentos, tráxicos e cómicos a un tempo, para estigmatizar a soberbia: de que te ensoberbeces, po e cinza? Xa en vida vomitas as entrañas. Unha lixeira enfermidade: o médico sorrí. O home que hoxe é rei, mañá estará morto16.
Cando o orgullo se fai dono da alma, non é estraño que detrás, como unha reata, veñan todos os vicios: a avaricia, as intemperanzas, a envexa, a inxustiza. O soberbio intenta inutilmente sacar do solio a Deus, que é misericordioso con todas as criaturas, para acomodarse el, que actúa con entrañas de crueldade.
Temos que pedir ao Señor que non nos deixe caer nesta tentación. A soberbia é o peor dos pecados e o máis ridículo. Se logra atenazar coas súas múltiples alucinacións, a persoa atacada vístese de aparencia, énchese de baleiro, enfónchase coma o sapo da fábula, que inchaba o papo, presumindo, ata que estoupou. A soberbia é desagradable, tamén humanamente: o que se considera superior a todos e a todo, está continuamente contemplándose a si mesmo e desprezando aos demais, que lle corresponden burlándose da súa vana fatuidade.
Oímos falar de soberbia, e quizais nos imaxinamos unha conduta despótica, asoballante: grandes ruídos de voces que aclaman e o triunfador que pasa, como un emperador romano, baixo os altos arcos, con ademán de inclinar a cabeza, porque teme que a súa fronte gloriosa toque o branco mármore.
Sexamos realistas: esa soberbia só cabe nunha tola fantasía. Temos que loitar contra outras formas máis sutís, máis frecuentes: o orgullo de preferir a nosa excelencia á do próximo; a vaidade nas conversacións, nos pensamentos e nos xestos; unha susceptibilidade case enfermiza, que se sente ofendida ante palabras e accións que non significan de ningún xeito un agravio.
Todo isto si que pode ser, que é, unha tentación corrente. O home considérase, a si mesmo, como o sol e o centro dos que están ao seu arredor. E non raramente recorre, co seu afán morboso, ata a simulación da dor, da tristura e da enfermidade: para que os demais o coiden e o agarimen.
A maior parte dos conflitos, que se presentan na vida interior de moitas xentes, fabrícaos a imaxinación: que se dixeron, que se pensarán, que se me consideran... E esa pobre alma sofre, pola súa triste fatuidade, con sospeitas que non son reais. Nesa aventura desgraciada, a súa amargura é continua e procu-ra producir desasosego nos demais: porque non sabe ser humilde, porque non aprendeu a esquecerse de si mesma para darse, xenerosamente, ao servizo dos outros por amor a Deus.
Un burro por trono
Acudamos de novo ao Evanxeo. Mirémonos no noso modelo, en Cristo Xesús.
Santiago e Xoán, por medio da súa nai, solicitaron de Cristo colocarse á súa esquerda e a súa dereita. Os demais discípulos alporízanse con eles. E o Noso Señor, que contesta?: quen se queira facer maior, ha ser o voso criado; e quen quixese ser entre vós o primeiro, debe facerse servo de todos; porque aínda o Fillo do home non veu a que o servisen, senón a servir, e a dar a súa vida pola redención de moitos17.
Noutra ocasión indo a Cafarnaúm, quizais Xesús —coma noutras xornadas— ía diante deles. E estando xa na casa preguntoulles: de que iades tratando no camiño? Mais os discípulos calaban, e é que tiveran —unha vez máis— unha disputa entre si, sobre quen deles era o maior de todos. Entón Xesús, sentándose, chamou aos doce, e díxolles: se alguén pretende ser o primeiro, fágase o último de todos e o servo de todos. E collendo a un neno púxoo no medio deles e despois de abrazalo, proseguiu: calquera que acollese a un destes nenos polo meu amor, a min me acolle, e calquera que me acolle, non só me acolle a min, senón tamén ao que a min me enviou18.
Non vos namora este xeito de proceder de Xesús? Ensínalles a doutrina e, para que entendan, ponlles un exemplo vivo. Chama a un neno dos que correrían por aquela casa, e apértao contra o seu peito. Este silencio elocuente do Noso Señor! Xa o dixo todo: El ama aos que se fan coma nenos. Despois engade que o resultado desta sinxeleza, desta humildade de espírito é poder abrazalo a El e ao Pai que está nos ceos.
Cando se achega o momento da Paixón, e Xesús quere mostrar dun modo gráfico a súa realeza, entra triunfante en Xerusalén, montado nun burro! Estaba escrito que o Mesías había ser un rei de humildade: anunciade á filla de Sión: mira que vén a ti o teu Rei cheo de mansedume, sentado nunha asna e o seu burriño, fillo da que está afeita ao xugo19.
Agora, na Última Cea, Cristo preparou todo para despedirse dos seus discípulos, mentres eles se enlean na enésima contenda sobre quen dese grupo escollido sería considerado o maior. Xesús levántase da mesa e saca os seus vestidos e tomando unha toalla, cínguea. Bota despois auga nunha tina e ponse a lavar os pés dos discípulos e a limpárllelos coa toalla que se cinguira20.
De novo predicou co exemplo, coas obras. Ante os discípulos, que discutían por motivos de soberbia, e de fachenda, Xesús inclínase e cumpre gustosamente o oficio de servo. Logo cando volve á mesa, coméntalles: comprendedes o que remato de facer convosco? Vós chamádesme Mestre e Señor, e dicides ben, porque o son. Mais se eu, que son o Mestre e o Señor, vos lavei os pés, deberiades tamén vós lavar os pés un ao outro21. A min conmóveme esta delicadeza do noso Cristo. Porque non afirma: se eu ocúpome disto, canto máis teriades que realizalo vós? Coló-case ao mesmo nivel, non coacciona: fustriga amorosamente a falta de xenerosidade daqueles homes.
Do mesmo xeito que aos primeiros doce, tamén a nós o Señor pode insinuarnos e nolo insinúa continuamente: exemplum dedi vobis22, deivos exemplo de humildade. Convertinme en servo, para que vós saibades, co corazón manso e humilde, servir a todos os homes.
Froitos da humildade
104 Canto máis grande sexas, humíllate máis e atoparás graza ante o Señor23. Se somos humildes, Deus non nos abandonará nunca. El humilla a altiveza do soberbio, pero salva aos humildes. El libera ao inocente, que pola pureza das súas mans será rescatado24. A infinita misericordia do Señor non tarda en acudir en socorro do que o chama desde a humildade. E daquela actúa como quen é: como Deus Omnipotente. Aínda que haxa moitos perigos, aínda que a alma pareza acosada, aínda que se atope cercada por todas partes polos inimigos da salvación, non perecerá. E isto non é só tradición doutros tempos: segue sucedendo agora.
Ao ler a Epístola de hoxe, vía a Daniel metido entre aqueles leóns famentos, e, sen pesimismo —non podo dicir que calquera tempo pasado foi mellor, porque todos os tempos foron bos e molos—, consideraba que tamén nos momentos actuais andan moitos leóns soltos, e nós temos que vivir neste ambiente. Leóns que buscan a quen devorar: tamquam leo rugens circuit quaerens quem devoret25.
Como evitaremos esas feras? Quizais non nos ocorra como a Daniel. Eu non son milagreiro, pero amo esa grandiosidade de Deus, e entendo que lle fora máis fácil aplacar a fame do profeta, ou poñerlle diante un alimento; e non o fixo. Dis-puxo, en cambio, que desde Xudea se trasladase milagrosamente outro profeta, Habacuc, para levarlle a comida. Non lle importou obrar un prodixio grande, porque Daniel non se atopaba naquel pozo porque si, senón por unha inxustiza dos secuaces do diabo, por ser servidor de Deus e destrutor de ídolos.
Nós, sen portentos espectaculares, con normalidade de ordinaria vida cristiá, cunha sementeira de paz e de ledicia, temos que destruír tamén moitos ídolos: o da incomprensión, o da inxustiza, o da ignorancia, o da pretendida suficiencia humana que volve fachendosa as costas a Deus.
Non vos asustedes, nin temades ningún dano, aínda que as circunstancias en que traballedes sexan tremendas, peores cás de Daniel na foxa con aqueles animais voraces. As mans de Deus son igualmente poderosas e, se fose necesario, farían marabillas. Fieis! Cunha fidelidade amorosa, consciente, leda, á doutrina de Cristo, persuadidos de que os anos de agora non son peores cós doutros séculos, e de que o Señor é o de sempre.
Coñecín a un ancián sacerdote, que afirmaba —riseiro— de si mesmo: eu estousempre tranquilo, tranquilo. E así temos que encontrarnos sempre nós, metidos no mundo, arrodeados de leóns famentos, mais sen perder a paz: tranquilos. Con amor, con fe, con esperanza, sen esquecer xamais que, se cómpre, o Señor multiplicará os milagres.
Recórdovos que se sodes sinceros, se vos mostrades como sodes, se vos endeusades, a base de humildade, non de soberbia, vós e mais eu permaneceremos seguros en calquera ambiente: poderemos falar sempre de vitorias, e chamarémonos vencedores. Con esas íntimas vitorias de amor de Deus, que traen a serenidade, a felicidade da alma, a comprensión.
A humildade empúxanos a que levemos a cabo grandes labores; pero a condición de que non perdamos de vista a conciencia da nosa pequenez cun convencemento da nosa pobre indixencia que medre cada día. «Admite sen vacilacións que es un servidor obrigado a realizar un grande número de servizos. Non te enfonches por ser chamado fillo de Deus —recoñezamos a graza mais non esquezamos a natureza—; non te arrufes se serviches ben, porque cumpriches co que tiñas que facer. O sol realiza a súa tarefa, a lúa obedece; os anxos desenvolven o seu cometido. O instrumento escollido polo Señor para os xentís, di: eu non merezo o nome de Apóstolo, porque perseguín á Igrexa de Deus (1 Cor XV, 9)... Tampouco nós pretendamos ser gabados por nós mesmos»26: polos nosos méritos, sempre mesquiños.
Humildade e alegría
107 Líbrame de todo o malo e perverso que hai no home27. De novo o texto da Misa fálanos do bo endeusamento: destaca ante os nosos ollos a mala pasta de que estamos formados, con todas as malvadas inclinacións; e despois suplica: emitte lucem tuam28, envía a túa luz e a túa verdade, que me guiaron e trouxeron ao teu monte santo. Non me importa contarvos que me emocionei ao recitar estas palabras do Gradual.
Como nos temos que comportar para adquirir ese endeusa-mento bo? No Evanxeo lemos que Xesús non quería ir a Xudea porque os xudeus o buscaban para matalo29. El, que cun desexo da súa vontade podería eliminar aos seus inimigos, poñía tamén os medios humanos. El, que era Deus e bastáballe unha decisión súa para cambiar as circunstancias, deixounos unha lec-ción encantadora: non foi a Xudea. Os seus parentes dixéronlle: arrédate deste país e vai a Xudea, para que os teus discípulos admiren as túas obras30. Pretendían que fixese espectáculo. Védelo? Vedes que é unha lección de endeusamento bo e endeusamento malo?
Endeusamento bo: esperen en Ti —canta o Ofertorio— todos os que coñecen o teunome, Señor, porque nunca abandonas aos que te buscan31. E vén a alegría deste barro cheo de can-terlas, porque non se esqueceu das oracións dos pobres32, dos humildes.
Non concedades ningún creto aos que presentan a virtude da humildade como un apoucamento humano, ou como unha condena perpetua á tristura. Sentirse barro, recomposto con canterlas, é fonte continua de ledicia; significa recoñecerse pouca cousa diante de Deus: neno, fillo. E hai maior ledicia que a do que, sabéndose pobre e débil, se sabe tamén fillo de Deus? Por que nos entristecemos os homes? Porque a vida na terra non se desenvolve ao xeito que nós persoalmente esperabamos, porque xorden obstáculos que impiden ou dificultan seguir adiante na satisfacción do que pretendemos.
Nada disto ocorre, cando a alma vive esa realidade sobrenatural da filiación divina. Se Deus está por nós, quen contra nós?33. Que estean tristes os que se empeñan en non se recoñecer fillos de Deus, veño repetindo desde sempre.
Para rematar, descubrimos na liturxia de hoxe dúas peticións que han saír como setas, da nosa boca e do noso corazón: concédenos, Señor Todopoderoso, que realizando sempre os divinos misterios merezamos achegármonos aos dons celestiais34. E, pregámosche, Señor, que nos concedas servirte constantemente segundo a túa vontade35. Servir, servir, meus fillos, é o noso; ser criados de todos, para que nos nosos días o pobo fiel aumente en mérito e número36.
Mirade a María. Xamais criatura ningunha se entregou con máis humildade aos designios de Deus. A humildade da ancilla Domini 37, a escrava do Señor, é o motivo de que a invoquemos como causa nostrae laetitiae, causa da nosa alegría. Eva, despois de pecar querendo na súa loucura igualarse a Deus, escondíase do Señor e avergoñábase: estaba triste. María, ao confesarse escrava do Señor, é feita Nai do Verbo divino, e énchese de gozo. Que este xúbilo seu, de Nai boa, se nos pegue a todos nós: que saiamos nisto a Ela —a Santa María—, e así nos asemellaremos máis a Cristo.
Ps XXVI, 14 (Introito da Misa).
Ps XXVI, 14 (Introito da Misa).
Cfr. Phil II, 5-8.
Mt XI, 29.
Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 49, 19 (PL 36, 577).
Gen III, 5.
Ecclo X, 14.
1 Ioh II, 16.
Cfr. Ecclo X, 9, 11-12.
Mt XXI, 5; Zach IX, 9.
Ioh XIII, 4-5.
Ioh XIII, 12-14.
Ioh XIII, 15.
Cfr. Ps XLII, 1 (Gradual da Misa).
Ps XLII, 3 (Gradual da Misa).
Ioh VII, 1.
Ioh VII, 3.
Ps IX, 11.
Ps IX, 13.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/humildade/ (14-12-2025)