PRESENTACIÓN
Deus sabe máis. Os homes entendemos pouco do modo paternal e delicado de conducirnos cara El. Eu non podería prever, ao escribir en 1973 a presentación de Es Cristo que pasa, que se iría tan cedo á casa do Ceo ese sacerdote santo, a quen milleiros de homes e mulleres de todo o mundo —fillos da súa oración, do seu sacrificio, e do seu abandono á Vontade de Deus— aplicamos con inmenso agradecemento a mesma conmovedora gabanza que santo Agostiño cantou do noso Pai e Señor san Xosé: «cumpriu mellor el a paternidade do corazón que calquera outro a da carne»1. Foise o xoves 26 de xullo de 1975, ao mediodía, nesta Roma a que amaba porque é a sé de Pedro, centro da cristiandade, cabeza da caridade universal da Igrexa santa. E mentres nos oiamos aínda o eco das campás do Ánxelus, o Fundador do Opus Dei escoitaba cunha forza xa sempre viva: amice, ascende superius2, amigo, vén gozar do Ceo.
Nun día corrente do seu traballo sacerdotal, deixou esta terra, metido nun trato pleno con El que é a Vida e, por iso, non morreu: está ao Seu carón. Mentres atendía a súa tarefa de almas, chegoulle ese doce sobresalto —dese xeito exprésase na homilía Cara á santidade3— de atoparse cara a cara con Cristo, de contemplar final-mente o Rostro fermoso polo que tanto suspiraba: Vultum tuum, Domine, requiram! 4.
Desde o mesmo instante do seu nacemento á patria do Ceo, comezáronme a chegar testemuños dun número incalculable de persoas, que coñecían a súa vida de santidade. Foron e son palabras que poden xa rebordarse: antes, calaban por respecto á humildade do que se consideraba un pecador que ama con loucura a Xesucristo. Tiven o consolo de escoitar directamente dos beizos do Santo Pai un dos moitos acesos eloxios ao Fundador do Opus Dei. En xornais e revistas de todo o mundo pódense ler innumerables artigos de recoñecemento, xurdidos do pobo cristián e de persoas que aínda non confesan a Cristo, pero que comezaron a descubrilo a través da palabra e das obras de Mons. Escrivá de Balaguer.
«Mentres teña folgos, non deixarei de predicar a necesidade primordial de ser alma de oración ¡sempre!, en calquera ocasión e nas circunstancias máis dispares, porque Deus non nos abandona nunca»5. Ese foi o seu único oficio: rezar e animar a rezar. Por iso suscitou no medio do mundo unha prodixiosa mobilización de persoas —como lle gustaba dicir— dispostasa tomarse en serio a vida cristiá, mediante un trato filial co Señor. Somos moitos os que temos aprendido deste sacerdote cen por cen «o grande segredo da misericordia divina: que somos fillos de Deus»6.
Neste segundo volume de homilías recollemos algúns textos que se editaron mentres Mons. Escrivá de Balaguer se atopaba aínda ao noso carón, aquí na terra, e outros dos moitos que deixou para publicar máis adiante, porque traballaba sen présa e sen pausa. Non pretendeu xamais ser un autor, a pesar de que figura entre os mestres da espiritualidade cristiá. A súa doutrina amable e esfor-zada, é para vivila no medio do traballo, no fogar, nas relacións humanas, en todas partes. Tiña a arte, tamén humana, de dar lebre por gato. Que ben se lle le! O directo das expresións, a viveza das imaxes, chegan a todos, por riba das diferenzas de mentalidade e cultura. Aprendeu na escola do Evanxeo: de aí a súa claridade, ese ferir no fondo da alma; ese talante para non pasar de moda, por non estar na moda.
Estas dezaoito homilías trazan un panorama das virtudes humanas e cristiás básicas, para o que queira seguir de preto as pegadas do Mestre. Non son nin un traballo teórico, nin un prontuario de boas maneiras do espírito. Conteñen doutrina vivida, onde a fondura do teólogo vai unida á transparencia evanxélica do bo pastor de almas. Con Mons. Escrivá de Balaguer, a palabra faise coloquio con Deus —oración—, sen deixar de ser unha entrañable conversa en sintonía coas inquedanzas as esperanzas dos que o escoitan. Son, pois, estas homilías unha catequese de doutrina e de vida cristiá onde, á vez que se fala de Deus, fálase con Deus: poida que sexa este o segredo da súa grande forza comunicativa, porque sempre se refire ao Amor, «nun mirar a Deus sen descanso e sen cansazo»7.
Xa no primeiro texto recórdase o que foi pauta constante na predicación de Mons. Escrivá de Balaguer: que Deus chama a todos os homes á santidade. Facéndose eco das palabras do Apóstolo — esta é a vontade de Deus, a vosa santificación8— advirte: «temos que ser santos —diréivolo cunha frase castiza da miña terra— sen que nos falte un pelo: cristiáns de verdade, auténticos, canonizables; e se non, teremos fracasado como discípulos do único Mestre»9. E máis adiante precisa: «a santidade que o Noso Señor che esixe acádase cumprindo con amor de Deus o traballo, as obrigas de acotío, que case sempre se compoñen de realidades miúdas»10.
Onde se apoia, con que títulos conta o cristián para fomentar na súa vida tan asombrosas aspiracións? A resposta é como un retrouso, que volve unha e outra vez, ao longo destas homilías: a humilde audacia «do que, sabéndose pobre e débil, se sabe tamén fillo de Deus»11.
Para Mons. Escrivá de Balaguer é patente a grande alternativa que caracteriza a humana existencia: «escravitude ou filiación divina: velaquí o dilema da nosa vida. Ou fillos de Deus ou escravos da soberbia»12. Axudado polo exemplo santo da entrega fiel e heroica do fundador do Opus Dei, considereino aínda con máis insistencia na miña oración, desde que o Señor se levou ao seu carón a quen eu máis quería: sen a humildade e sinxeleza do neno non podemos dar un paso polo camiño do servizo a Deus. «Humildade é mirarnos como somos, sen paliativos, con verdade. E ao comprender que apenas valemos algo, abrímonos á grandeza de Deus: esta é a nosa grandeza»13.
É preciso que El medre e que eu mingüe14, foi a ensinanza do Bautista, do Precursor. E Cristo di: aprendede de min, que son manso e humilde de corazón15. Humildade non é apoucamento humano; a humildade que latexa na predicación do Fundador do Opus Dei é algo vivo e fondamente sentido, porque «significa recoñecerse pouca cousa diante de Deus: neno, fillo»16. Mons. Escrivá de Balaguer dá cunha expresión que quizais non teña precedentes: vibración de humildade17; porque a pequenez do neno, asistido pola protección omnipotente do seu Pai Deus, vibra en obras de fe, de esperanza e de amor, e de todas as demais virtudes que o Espírito Santo infunde na súa alma.
En ningún momento se arreda do ámbito da primeira homilía: a vida corrente, o habitual, o de acotío. Mons. Escrivá de Balaguer trata de todas as virtudes con referencias continuas á vida do cristián que está no medio do mundo porque ese é o seu sitio, o lugar onde Deus quixo colocalo. Aí despréganse as virtudes humanas: a prudencia, a veracidade, a serenidade, a xustiza, a magnanimidade, a laboriosidade, a temperanza, a sinceridade, a fortaleza, etc. Virtudes humanas e cristiás, porque a temperanza se perfecciona co espírito de penitencia e de mortificación; o austero cumprimento do propio deber engrandécese co toque divino da caridade, «que é como un xeneroso desorbitarse da xustiza»18. Vívese no medio das cousas que usamos, pero desprendido, con corazón limpo.
Como para os que andan en negocios de almas, o tempo é máis que ouro, é gloria! 19, o cristián ten que aprender a empregalo con dilixencia, para manifestar o seu amor a Deus e o seu amor aos demais homes, santificando o traballo, santificándose no traballo, santificando aos demais co traballo: cun solícito coidado das cousas pequenas, é dicir, sen soños estériles, co heroísmo calado, natural e sobrenatural, do que vive con Cristo a realidade cotiá. «En ningures está escrito que o cristián deba ser unha personaxe estraña ao mundo. O Noso Señor Xesucristo, con obras e con palabras, fixo o eloxio doutra virtude humana que me é particularmente querida: a naturalidade, a sinxeleza (...) Sucede, non obstante, que os homes se adoitan acostumar ao que é chan e ordinario, e inconsciente-mente buscan o aparatoso, o artificial. Terédelo comprobado, coma min: encómiase, por exemplo, o primor dunhas rosas frescas, re-cen cortadas, de pétalos finos e olorosos. E o comentario é: parecen de tea!»20.
Estas palabras do Fundador do Opus Dei chégannos así: co frescor de rosas novas, froito dunha vida enteira de trato con Deus e dun apostolado inmenso, como un mar sen ribeiras. Xunto coa sinxeleza resalta nestes escritos un constante contrapunto de amor apaixonado, desbordante. É unha«forte sacudida no corazón»21, un «tede présa en amar»22, porque «todo o espazo dunha existencia é pouco, para ensanchar as fronteiras da túa caridade»23.
Deste xeito pasamos a outro dos grandes temas que trataba nas súas meditacións: «o urdido divino das tres virtudes teologais, que compoñen a armazón sobre a que se tece a auténtica existencia do home cristián, da muller cristiá»24. As referencias son continuas: «a vivir de fe; a perseverar con esperanza; a permanecer pegados a Xesucristo; a amalo de verdade, de verdade, de verdade»25; «a seguridade de sentirme —de saberme— fillo de Deus éncheme de verdadeira esperanza»26; «chegou a hora, no medio das túas ocupacións ordinarias, de exercitar a fe, de espertar a esperanza, de avivar o amor»27.
Despois das tres homilías sobre a fe, a esperanza e a caridade, vén unha sobre oración; pero a necesidade da vida de trato con Deus está xa presente desde a primeira páxina. «A oración debe prender aos pousos na alma»28, con naturalidade, sinxela e confiadamente, porque «os fillos de Deus non necesitan un método, cuadriculado e artificial, para dirixirse ao seu Pai»29. A oración é o fío deste cánabo das tres virtudes teologais. Todo se fai unha mesma cousa: a vida adquire un son divino e «esa unión co Noso Señor non nos arreda da mundo, non nos transforma en seres estraños, alleos ao decorrer dos tempos»30.
No medio dos comentarios axustados e precisos á Escritura Santa e do recurso asiduo ao tesouro da Tradición cristiá, irrompen uns arranques de amor, como un río impetuoso: «Que grande é o amor, a misericordia do noso Pai! Fronte a estas realidades das súas loucuras divinas polos fillos, querería ter mil bocas, mil corazóns, máis, que me permitisen vivir nunha continua loanza a Deus Pai, a Deus Fillo, a Deus Espírito Santo»31.
Por que un amor tan forte? Porque o infundiu Deus no seu corazón e, á vez, porque o soubo secundar coa súa libre vontade e contaxialo a milleiros e milleiros de almas. Quería nos dous sentidos da palabra: amaba e quería querer, corresponder a esa graza que o Señor puxera na súa alma. A liberdade no amor fíxose paixón: «libremente, sen coacción ningunha, porque me peta, decídome por Deus. E comprométome a servir, a converter a miña existencia nunha entrega aos demais, por amor ao meu Señor Xesús. Esta liberdade anímame a clamar que nada, na terra, me separará da caridade de Cristo»32.
O camiño cara á santidade que nos propón Mons. Escrivá de Balaguer está tendido cun profundo respecto á liberdade. Deléitase o Fundador do Opus Dei coas palabras de santo Agostiño, coas que afirma o Bispo de Hipona que Deus «xulgou que serían mellores os seus servidores se libremente o servían»33. Esa ascensión ao Ceo é, ademais, vieiro apropiado para o que está no medio da sociedade, no traballo profesional, nas circunstancias por veces indiferentes ou decididamente contrarias á lei de Cristo. Non lle fala, o fundador do Opus Dei á xente de invernadoiro; diríxese a persoas que loitan ao aire libre, nas máis diversas situacións da vida. É aí onde se dá, coa liberdade, esa decisión de servir a Deus, de amalo por riba de todo. A liberdade resulta imprescindible e, en liberdade, o amor faise rexo, bota raíces: «o santo non nace: fórxase no continuo xogo da graza divina e da correspondencia humana»34.
Foméntanse, polo tanto, para o noso trato co Señor, dúas paixóns: a do amor e a da liberdade. As súas forzas únense cando a liberdade se decide polo Amor de Deus. E eses torrentes de graza e de correspondencia poden xa contra todas as dificultades: contra o terrorismo psicolóxico35 que se alza contra os que desexan ser fieis ao Señor; contra as miserias persoais que non desaparecen nunca, pero que se converten en ocasións para afirmar de novo, coa liberdade do arrepentimento, o amor; contra os atrancos do ambiente que temos que superar cunha sementeira de paz e de ledicia36.
Hai momentos en que, nas anotacións sobre ese xogo divino e humano da liberdade e do amor, albíscase un pouco do sufrimento —da dor de amor, pola falta de correspondencia da humanidade á misericordia divina— que acompañou sempre a vida de Mons. Escrivá de Balaguer. Era difícil decatarse, véndoo. Poucas persoas pasarán por este mundo con tanta ledicia, con tan bo humor, con tal sentido da mocidade e de vivir ao día. Non era nostálxico de nada, salvo do Amor de Deus. Pero sufriu. Moitos dos seus fillos que o coñeceron de preto, comentáronme logo: como era posible que o noso Pai padecese tanto? Vímolo sempre ledo, atento aos máis pequenos detalles, entregado a todos nós.
A resposta, indirecta, está nalgunhas destas homilías: «non esquezades que estar con Xesús é, seguramente, atoparse coa súa Cruz. Cando nos abandonamos nas mans de Deus, é frecuente que El permita que saboreemos a dor, a soidade, as contradicións, as calumnias, as difamacións, as burlas, por dentro e por fóra: porque nos quere conformar á súa imaxe e semellanza, e tolera tamén que nos chamen tolos e que nos tomen por necios»37.
Por ese saberse abrazar apaixonadamente á Cruz do Señor, Mons. Escrivá de Balaguer podía dicir que «a miña vida conduciume a saberme especialmente fillo de Deus, e saboreei a ledicia de meterme no corazón do meu Pai, para rectificar, para purificarme, para servilo, para comprender e desculpar a todos, a base do amor seu e da humillación miña»38. Sempre secundou docilmente as mocións do Espírito Santo, de xeito que a súa conduta fose un reflexo da imaxe fermosa de Cristo. Cría ao pé da letra as palabras de Mestre, e con frecuencia foi atacado polos que non parecen soportar que se poida vivir de fe, con esperanza e con amor. «Quizais alguén pense que son un inxenuo. Non me importa. Malia que me cualifiquen dese xeito, porque aínda creo na caridade, asegúrovos que crerei ¡sempre! E, mentres El me conceda vida, continuarei ocupándome —como sacerdote de Cristo— de que haxa unidade e paz entre os que, por ser fillos do mesmo Pai Deus, son irmáns; de que a humanidade se comprenda; de que todos compartan o mesmo ideal: o da Fe!»39.
A paixón do amor e da liberdade, a conciencia de que nos temos que mover no ámbito divino da fe e da esperanza, fanse apostolado. Unha homilía —Para que todos se salven— está integramente dedicada a este tema. «Xesús está xunto ao lago de Xenesaret e as xentes axúntanse ao ser redor, ansiosas de escoitar a palabra de Deus (Lc V, 1). Como hoxe! Non o vedes? Están desexando oír a mensaxe de Deus, aínda que externamente o disimulen. Quizais algúns esqueceron a doutrina de Cristo; outros —sen culpa da súa parte— non a aprenderon nunca, e pensan na relixión como en algo estraño. Pero, convencédevos dunha realidade sempre actual: chega sempre un momento no que a alma non pode máis, non lle bastan as explicacións habituais, non lle compracen as mentiras dos falsos profetas. E, aínda que non o admitan entón, esas persoas senten fame de saciar a súa inquedanza coa ensinanza do Señor»40.
O nervio do apostolado, esa apaixonada comunicación do amor impaciente de Deus polos homes, atravesa as fibras de todas as páxinas deste volume. Trátase de «pacificar ás almas con auténtica paz» e de «transformar a terra»41. Mons. Escrivá de Balaguer volve con continuidade a súa mirada ao Mestre, que ensinou aos homes a falar da felicidade eterna co paso terrestre das súas pegadas divinas. Non me resisto a transcribir unha páxina de Cara a santidade, na que o fundador do Opus Dei comenta unha escena evanxélica que o namoraba: o apostolado de Xesús cos dous discípulos de Emaús, que poida que tiveran perdido a esperanza.
«O seu paso era normal, como o de tantos outros que transitaban por aquel lugar. E alí, con naturalidade, aparéceselles Xesús, e anda con eles, cunha conversa que diminúe a fatiga. Imaxínome a escena, alá polo serán. Sopra unha brisa suave. Arredor, campos sementados de trigo xa medrado, e as oliveiras vellas, coas ramas prateadas pola luz morna»42.
É Cristo que pasa. Aqueles dous homes, cando ven que Xesús fai ademán de continuar o camiño, dinlle: continúa connosco, porque é tarde e xa o día vai de devalo43. «Así somos: sempre pouco atrevidos, quizais por insinceridade, ou quizais por pudor. No fondo, matinamos: queda connosco, porque as tebras nos arrodean a alma, e só Ti es luz, só Ti podes calmar esta ansia que nos consome»44.
Este desexo de Deus, que todos levamos dentro, ofrece o terreo diario para o apostolado do cristián. Os homes estamos clamando por El, e buscámolo aínda no medio das conciencias dubidosas ou cos ollos pegados ao chan. «E Xesús queda. Ábrense os nosos ollos coma os de Cleofás e o seu compañeiro, cando Cristo parte o pan; e aínda que El volva desaparecer da nosa vista, seremos tamén quen de emprender de novo a marcha —anoitece—, para falarlles os demais del, porque tanta ledicia non cabe nun só peito»45.
Eu volvo coa memoria —que é presente: non o esquezo nun-ca— a aquel 26 de xuño de 1975. Mons. Escrivá de Balaguer naceu definitivamente ao Amor, porque o seu corazón necesitaba xa un Emaús interminable, quedarse para sempre xunto a Cristo. En Cara a santidade escribira: «nace unha sede de Deus, unha ansia de corresponder ás súas bágoas; de ver o seu sorriso, o seu rostro (...) E a alma avanza metida en Deus, endeusada: fíxose o cristián viaxeiro sedento, que abre a súa boca ás augas da fonte»46. E máis adiante: «gústame falar de camiño, porque somos viandantes, dirixímonos á casa do Ceo, á nosa Patria»47.
Alí habita, a Trindade Beatísima; con María, a Santa Nai de Deus e Nai nosa; con san Xosé, a quen tanto amaba. Moitos, en todas partes, confiámoslle as nosas oracións, seguros de que Deus Noso Señor se comprace en quen quixo ser —e o foi durante a súa vida nesta terra— un servo bo e fiel 48.
Os escritos do Fundador do Opus Dei publicados ata o de agora —e especialmente Camino, Santo Rosario, Es Cristo que pasa, Conversaciones— superaron os cinco millóns de exemplares e están traducidos a máis de trinta idiomas. Sae á luz este segundo volume de homilías, co mesmo fin: servir de instrumento para achegar almas a Deus. A Igrexa atravesa momentos difíciles, e o Santo Pai non se cansa de exhortar aos seus fillos á oración, á visión sobrenatural, á fidelidade ao sagrado depósito da Fe, á comprensión fraterna, á paz. Nestas circunstancias non nos podemos sentir desanimados: é a hora de pór en práctica, ata o heroísmo, as virtudes que definen e trazan a imaxe do cristián, fillo de Deus, que procura «que a cabeza toque o ceo, pero que as plantas pisen ben seguras na terra»49, mentres camiña pola cidade temporal.
A vida do cristián que se decide a comportarse de acordo coa grandeza da súa vocación, vén ser como un prolongado eco daquelas palabras do Señor: xa non vos chamarei servos, pois o servo non é sabedor do que fai o seu amo. Mais a vós heivos de chamar amigos, porque vos din a coñecer cantas cousas oín do meu Pai50. Prestarse docilmente a secundar a Vontade divina, desprega in sospeitados horizontes. Mons. Escrivá de Balaguer gózase ao subliñar ese fermoso paradoxo: «nada hai mellor que se saber, por Amor, escravos de Deus. Porque nese momento perdemos a situación de escravos, para convertérmonos en amigos, en fi llos»51.
Fillos de Deus, Amigos de Deus: esa é a verdade que Mons. Escrivá de Balaguer quixo gravar a fogo nos que o trataban. A súa predicación é un constante mover ás almas para que non pensen «na amizade divina exclusivamente como nun recurso extremo»52. Xesucristo é verdadeiro Deus e verdadeiro Home: o noso Irmán, o noso Amigo; se procuramos tratalo con intimidade, «participaremos na dita da divina amizade»53; se facemos o posible por acompañalo desde Belén ata o Calvario, compartindo os seus gozos e sufrimentos, farémonos dignos da súa conversación amigable: calicem Domini biberunt —canta a Liturxia das Horas— et amici Dei facti sunt, beberon o cáliz do Señor e chegaron a ser amigos de Deus54.
Filiación e amizade son dúas realidades inseparables para os que aman a Deus. A El acudimos como fillos, nun confiado diálogo que ten que encher toda a nosa vida; e como amigos, porque «os cristiáns estamos namorados do Amor»55. Do mesmo xeito, a filiación divina empurra a que a abundancia de vida interior se traduza en feitos de apostolado, como a amizade con Deus leva a pórse «ao servizo de todos: utilizar eses dons de Deus como instrumentos para axudar a descubrir a Cristo»56.
Engánanse os que ven un foxo entre a vida corrente, entre as cousas do tempo, entre o transcorrer da historia, e o Amor de Deus. O Señor é eterno; o mundo é obra súa e púxonos aquí para que o percorramos facendo o ben, ata arribar á definitiva Patria. Todo ten importancia na vida do cristián, porque todo pode ser ocasión de encontro co Señor e, por iso mesmo, acadar un valor imperecedoiro. «Menten os homes, cando din para sempre en cousas temporais. Só é verdade, cunha verdade total, o para sempre cara a Deus; e dese xeito tes que vivir ti, cunha fe que che axude a sentir sabores de mel, dozuras de ceo, ao pensar na eternidade que de verdade é para sempre»57.
Mons. Escrivá de Balaguer coñece agora directamente eses sabores e dozuras de Deus. Entrou na eternidade. Por iso as súas pala-bras, tamén as destas homilías que presento, teñen adquirido —se cabe— máis forza, penetran máis fondamente nos corazóns, arrastran. Remato cun texto que pode servir para contaxiarnos doutra das súas paixóns dominantes:
«Amade á Igrexa, servídea coa ledicia consciente de quen se soubo decidir a ese servizo por Amor. E se vísemos que algúns andan sen esperanza, como os dous de Emaús, acheguémonos con fe —non en nome propio, senón en nome de Cristo—, para asegurarlles que a promesa de Xesús non pode fallar, que El vela pola súa Esposa sempre: que non a abandona. Que pasarán as tebras, porque somos fillos da luz (cfr. Eph V, 8) e estamos chamados a unha vida perdurable»58.
Álvaro del Portillo
Santo Agostiño, Sermo 51, 26 (PL 38, 348).
Lc XIV, 10.
Cara á santidade, n. 296.
Ps XXIV, 8.
Vida de oración, n. 247.
O trato con Deus, n. 145.
Cara á santidade, n. 296.
1 Thes IV, 3.
A grandeza da vida corrente, n. 5.
Ibidem, n. 7.
Humildade, n. 108.
A liberdade, don de Deus, n. 38.
Humildade, n. 96.
Ioh III, 30.
Mt XI, 29.
Humildade, n. 108.
Vida de fe, n. 202.
Vivir cara a Deus e cara aos homes, n. 173.
Cfr. Camino, n. 355.
Virtudes humanas, n. 89.
Cara á santidade, n. 294.
Tras os pasos do Señor, n. 140.
O tesouro do tempo, n. 43.
A esperanza do cristián, n. 208.
A grandeza da vida corrente, n. 22.
A esperanza do cristián, n. 205.
Traballo de Deus, n. 71.
Cara á santidade, n. 295.
Vida de oración, n. 255.
Ibidem, n. 251.
A liberdade, don de Deus, n. 33.
Ibidem, n. 35.
Santo Agostiño, De vera religione, 14, 27 (PL 34, 134).
A grandeza da vida corrente, n. 7.
Cara á santidade, n. 298.
Humildade, n. 105.
Cara á santidade, n. 301.
O trato con Deus, n. 143.
Vivir cara a Deus e cara aos homes, n. 174.
Para que todos se salven, n. 260.
Cara á santidade, n. 294.
Ibidem, n. 313.
Lc XXIV, 29.
Cara á santidade, n. 314.
Ibidem, n. 314.
Ibidem, n. 310.
Ibidem, n. 313.
Mt XXV, 21.
Virtudes humanas, n. 75.
Ioh XV, 15.
A liberdade, don de Deus, n. 35.
Vida de oración, n. 247.
Cara á santidade, n. 300.
Responsorio da segunda lectura, do oficio na Dedicación das Basílicas dos Santos Apóstolos Pedro e Paulo.
Porque verán a Deus, n. 183.
Para que todos se salven, n. 258.
Vida de fe, n. 200.
Cara á santidade, n. 316.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/intro/presentacion/ (14-12-2025)