NAI DE DEUS, NAI NOSA
Todas as festas da Nosa Señora son grandes, porque constitúen ocasións que a Igrexa nos brinda para demostrar con feitos o noso amor a Santa María. Mais se tivese que escoller unha, entre esas festividades, prefiro a de hoxe: a Maternidade divina da Santísima Virxe.
Esta celebración lévanos a considerar algúns dos misterios centrais da nosa fe: a meditar na Encarnación do Verbo, obra das tres Persoas da Trindade Santísima. María, Filla de Deus Pai, pola Encarnación do Señor nas súas entrañas inmaculadas é Esposa de Deus Espírito Santo e Nai de Deus Fillo.
Cando a Virxe respondeu que si, libremente, a aqueles designios que o Creador lle revelaba, o Verbo divino asumiu a natureza humana: a alma racional e o corpo formado no seo purísimo de María. A natureza divina e a humana uníanse nunha única Persoa: Xesucristo, verdadeiro Deus e, desde entón, verdadeiro Home; Unixénito eterno do Pai e, a partir daquel momento, como Home, fillo verdadeiro de María: por iso a Nosa Señora é Nai do Verbo encarnado, da segunda Persoa da Santísima Trindade que uniu a si para sempre —sen confusión— a natureza humana. Podemos dicirlle ben alto á Virxe Santa, como a mellor loanza, esas palabras que expresan a súa máis alta dignidade: Nai de Deus.
Fe do pobo cristián
Esa foi sempre a fe segura. Contra os que a negaron o Concilio de Éfeso proclamou que «se alguén non confesa que o Enmanuel é verdadeiramente Deus, e que por iso a Santísima Virxe é Nai de Deus, posto que xerou segundo a carne ao Verbo de Deus encarnado, sexa anatema»1.
A historia conservounos testemuños da ledicia dos cristiáns ante estas decisións claras, netas, que reafirmaban o que todos crían: «o pobo enteiro da cidade de Éfeso, desde as primeira horas da mañá ata a noite, permaneceu ansioso en espera da resolución... Cando se soubo que o autor das blasfemias fora deposto, todos a unha voz comezaron a glorificar a Deus e a aclamar o Sínodo, porque caera o inimigo da fe. Apenas saímos da igrexa fomos acompañados con fachóns ata as nosas casas. Era de noite: toda a cidade estaba alegre e alumeada»2. Deste xeito escribe san Cirilo, e non podo negar que, aínda a distancia de sete séculos, aquela reacción de piedade impresióname fondamente.
Queira Deus Noso Señor que esta mesma fe arda nos nosos corazóns, e que dos nosos beizos se alce un canto de acción de grazas: porque a Trindade Santísima, ao elixir a María como Nai de Cristo, Home coma nós, púxonos a cada un baixo o seu manto maternal. É Nai de Deus e Nai nosa.
A Maternidade divina de María é a raíz de todas as perfeccións e privilexios que a adornan. Por ese título, foi concibida inmaculada e está chea de graza, é sempre virxe, subiu en corpo e alma aos ceos, foi coroada como Raíña da creación enteira, por riba dos anxos e dos santos. Máis ca Ela, só Deus. «A Santísima Virxe, por ser Nai de Deus, posúe unha dignidade en certo modo infinita, do ben infinito que é Deus»3. Non hai perigo de esaxerar. Nunca profundaremos bastante neste misterio inefable; nunca poderemos agradecer suficientemente á Nosa Nai esta familiaridade que nos deu coa Trindade Beatísima.
Eramos pecadores e inimigos de Deus. A Redención non só nos libera do pecado e nos reconcilia co Señor: convértenos en fillos, entréganos unha Nai, a mesma que xerou ao Verbo, segundo a Humanidade. É posible máis dispendio, máis exceso de amor? Deus ansiaba redimirnos, dispuña de moitos modos para executar a súa Vontade Santísima, segundo a súa infinita sabedoría. Escolleu un, que esvaece todas as posibles dúbidas sobre a nosa salvación e glorificación. «Como o primeiro Adan non naceu de home e de muller, senón que foi plasmado na terra, deste xeito tamén o último Adán, que había de curar a ferida do primeiro, tomou un corpo plasmado no seo da Virxe, para ser, en canto á carne, igual á carne dos que pecaron»4.
Nai do Amor Fermoso
277 Ego quasi vitis fructificavi...: como vide botei fermosos cotóns e as miñas flores deron saborosos e ricos froitos5. Así limos na Epístola. Que esa suavidade de olor que é a devoción á nosa Nai, abunde na nosa alma e na alma de todos os cristiáns, e nos leve á confianza máis completa en quen vela sempre por nós.
Eu son a Nai do amor fermoso, do temor, da ciencia e da san-ta esperanza6. Leccións que nos lembra hoxe Santa María. Lección de amor fermoso, de vida limpa, dun corazón sensible e apaixonado, para que aprendamos a ser fieis ao servizo da Igrexa. Non é un amor calquera este: é o Amor. Aquí non se dan traizóns, nin cálculos, nin esquecementos. Un amor fermoso, porque ten como principio e como fin o Deus tres ve-ces Santo, que é toda a Fermosura, toda a Bondade e toda a Grandeza.
Pero fálase tamén de temor. Non me imaxino máis temor que o de se arredar do Amor. Porque Deus Noso Señor non nos quere apoucados, timoratos e cunha entrega anódina. Necesítanos audaces, valentes, delicados. O temor que nos lembra o texto Sagrado tráenos a memoria aqueloutra queixa da Escritura: busquei ao amado da miña alma; busqueino e non o atopei7.
Isto pode ocorrer, se o home non comprendeu ata o fondo o que significa amar a Deus. Sucede entón que o corazón se deixa arrastrar por cousas que non conducen ao Señor. E, como consecuencia, perdémolo de vista. Outras veces quizais é o Señor o que se agocha: El sabe por que. Anímanos daquela a buscalo con máis ardor e, cando o descubrimos, exclamamos gozosos: agarreino e xa non o soltarei 8.
O evanxeo da Santa Misa lembrounos aquela escena conmovedora de Xesús, que queda en Xerusalén ensinando no templo. María e Xosé andaron a xornada enteira, preguntando aos parentes e coñecidos. Pero, como non o daban atopado, volveron a Xerusalén na súa procura9. A Nai de Deus, que buscou afanosamente ao seu Fillo, perdido sen culpa súa, que experimentou a maior ledicia ao atopalo, axudaranos a desandar o andado, a rectificar o que sexa preciso cando polas nosas lixeirezas ou pecados non acertamos a distinguir a Cristo. Acadaremos dese xeito a ledicia de abrazarnos de novo a El, para dicirlle que non o perderemos máis.
Nai da ciencia é María, porque con Ela se aprende a lección que máis importa: que nada paga a pena, se non estamos xunta ao Señor; que de nada serven todas as marabillas da terra, todas as ambicións colmadas, se no noso peito non arde a chama do amor vivo, a luz da santa esperanza que é un anticipo do amor interminable na nosa definitiva Patria.
279 En min atópase toda graza de doutrina e de verdade, toda esperanza de vida e de virtude10. Con canta sabedoría a Igrexa puxo estas palabras na boca da nosa Nai, para que os cristiáns non as esquezamos! Ela é a seguridade, o Amor que nunca abandona, o refuxio constantemente aberto, a man que agarima e consola sempre.
Un antigo Padre da Igrexa escribe que temos que procurar conservar na nosa mente e na nosa memoria un ordenado resumo da vida da Nai de Deus11. Folleariades en tantas ocasións eses prontuarios, de medicina, de matemáticas ou doutras materias. Neles enuméranse, para cando se requiran con urxencia, os remedios inmediatos, as medidas que se deben adoptar co fin de non se descamiñar nesas ciencias.
Meditemos frecuentemente todo o que temos oído da Nosa Nai, nunha oración acougada e tranquila. E, como pouso, irase gravando na nosa alma ese compendio, para acudir sen vacilar a Ela, especialmente cando non temos outra agarradoira. Non é isto interese persoal, pola nosa banda? Seica si. Mais, acaso as nais ignoran que os fillos somos de ordina-rio un pouco interesados, e que a miúdo nos diriximos a elas como ao derradeiro remedio? Están convencidas e non lles importa: por iso son nais, e o seu amor desinteresado percibe — no noso aparente egoísmo— o noso afecto filial e a nosa confianza segura.
Non pretendo –nin para min, nin para vós– que a nosa devoción a Santa María se limite a estas chamadas urxentes. Penso —porén— que non nos debe humillar, se nos ocorre iso nalgún momento. As nais non contabilizan os detalles de agarimo que os seus fillos lles demostran; non pensan nin miden con criterios mesquiños. Unha pequena mostra de amor saboréana coma mel, e entréganse concedendo moito máis do que reciben. Se deste xeito reaccionan as nais boas da terra, imaxinade o que poderemos esperar da Nosa Nai Santa María.
Nai da Igrexa
Gústame volver coa imaxinación a aqueles anos en que Xesús permaneceu a carón da súa Nai, que abarcan toda a vida do Noso Señor neste mundo. Védeo pequeno, cando María o coida, o bica, o entretén. Védeo medrar, ante os ollos namorados da súa Nai e de Xosé, o seu pai na terra. Con canta tenrura e con canta delicadeza María e o Santo Patriarca se preocuparían de Xesús durante a súa infancia e, en silencio, aprenderían moito e constantemente del. As súas almas iríanse afacendo a alma daquel Fillo, Home e Deus. Por iso a Nai —e, despois dela, Xosé— coñece como ninguén os sentimentos do Corazón de Cristo, e os dous son o camiño mellor, afirmaría que o único, para chegar ao Salvador.
«Que en cada un de vós, escribía santo Ambrosio, estea a alma de María, para louvar ao Señor; que en cada un estea o espírito de María, para gozarse en Deus». E este Padre da Igrexa engade unhas consideracións que a primeira vista resultan atrevidas, pero que teñen un sentido espiritual claro para a vida do cristián. «Segundo a carne, unha soa é a Nai de Cristo; segundo a fe, Cristo é froito de todos nós»12.
Se nos identificamos con María, se imitamos as súas virtudes, poderemos lograr que Cristo naza, pola graza, na alma de moitos que se identificarán con El pola acción do Espírito Santo. Se imitamos a María, dalgún xeito participaremos na súa maternidade espiritual. En silencio, como a Nosa Señora; sen que se note, case sen palabras, co testemuño íntegro e coherente dunha conduta cristiá, coa xenerosidade de repetir sen cesar un fiat que se renova como algo íntimo entre nós e Deus.
O seu moito amor a Nosa Señora e a súa falta de cultura teolóxica, levou, a un bo cristián, a facerme coñecer certa anécdota que vos vou narrar, porque —con toda a súa inxenuidade— é lóxica en persoa de poucas letras.
Tómeo —dicíame— como un desafogo: comprenda a miña tristeza ante algunhas cousas que suceden nestes tempos. Durante a preparación e o desenvolvemento do actual Concilio, propúxose incluír o tema da Virxe. Así: o tema. Falan dese xeito os fillos? É esa a fe que profesaron sempre os fieis? Desde cando o amor á Virxe é un tema, sobre o que se admita emprender unha disputa a propósito da súa conveniencia?
Se algo é incompatible co amor, é a cativeza. Non me importa ser moi claro; se non o fose —continuaba— pareceríame unha ofensa á Nosa Nai Santa. Discutiuse se era ou non opor-tuno chamar a María Nai da Igrexa. Moléstame descender a máis detalles. Pero a Nai de Deus e, por iso, Nai de todos os cristiáns, non será Nai da Igrexa, que é a reunión de todos os que foron bautizados e renaceron en Cristo, fillo de María?
Non me explico —seguía— de onde nace a cativeza de escatimar este título en loanza da Nosa Señora. Que diferente é a fe da Igrexa! O tema da Virxe. Pretenden os fillos formular o tema do amor á súa nai? Quérena e xa está. Quérena moito, se son bos fillos. Do tema —ou do esquema— falan os estraños, os que estudan o caso coa frialdade do enunciado dun problema. Ata aquí o desafogo recto e piadoso, pero inxusto, daquela alma simple e moi devota.
Sigamos nós agora considerando este misterio da Maternidade divina de María, nunha oración calada, afirmando desde o fondo da alma: Virxe, Nai de Deus: Aquel a quen os Ceos non poden conter, agochouse no teu seo para tomar a carne de home13.
Mirade o que nos fai recitar hoxe a liturxia: benaventuradas sexan as entrañas da Virxe María, que acolleron ao Fillo do Pai eterno14. Unha exclamación vella e nova, humana e divina. É dicir ao Señor, como se adoita dicir nalgúns sitios para gabar a unha persoa: bendita sexa a nai que te trouxo ao mundo!
Mestra de fe, de esperanza e de caridade
284 «María cooperou coa súa caridade para que nacesen na Igrexa os fieis, membros daquela Cabeza da que é efectivamente nai segundo o corpo»15. Como Nai, ensina; e, tamén como Nai, as súas leccións non son ruidosas. É preciso ter na alma unha base de fineza, un toque de delicadeza, para comprender o que nos manifesta, máis que con promesas, con obras.
Mestra de fe. Benaventurada ti, que criches! 16, deste xeito saúdaa Sabela, a súa curmá, cando a Nosa Señora sobe á montaña para visitala. Fora marabilloso aquel acto de fe de Santa María: Velaquí a escrava do Señor, fágase en min segundo a túa palabra17. No Nacemento do seu Fillo contempla as grandezas de Deus na terra: hai un coro de anxos, e tanto os pastores coma os poderosos da terra veñen adorar o Neno. Mais despois a Sagrada Familia ten que fuxir a Exipto, para escapar dos intentos criminais de Herodes. Logo, o silencio: trinta anos de vida sinxela, ordinaria, como a dun fogar máis dunha pequena vila de Galilea.
O Santo Evanxeo, brevemente, facilítanos o camiño para entender o exemplo da Nosa Nai: María conservaba todas estas cousas dentro de si, ponderándoas no seu corazón18. Procuremos nós imitala, tratando co Señor, nun diálogo namorado, de todo o que nos pasa, ata dos acontecementos máis miúdos. Non esquezamos que temos que pesalos, valoralos, velos con ollos de fe, para descubrir a Vontade de Deus.
Se a nosa fe é feble, acudamos a María. Conta san Xoán que polo milagre das vodas de Caná, que Cristo realizou a pedimento da súa Nai, creron nel os seus discípulos19. A Nosa Nai intercede sempre ante o seu Fillo para que nos atenda e se nos mostre, de tal xeito, que poidamos confesar: Ti es o Fillo de Deus.
Mestra de esperanza. María proclama que a chamarán benaventurada todas as xeracións20. Humanamente falando, en que motivos se apoiaba esa esperanza? Quen era Ela para os homes e mulleres daquela? As grandes heroínas do Vello Testamento —Xudit, Ester, Débora— acadaron xa na terra unha gloria humana, foron aclamadas polo pobo, enxalzadas. O tro-no de María, como o do seu Fillo, é a Cruz. E durante o resto da súa existencia, ata que subiu en corpo e alma aos Ceos, é a súa calada presenza o que nos impresiona. San Lucas, que a coñecía ben, anota que está a carón dos primeiros discípulos, en oración. Así remata os seus días terreos, a que ía ser loada polas criaturas ata a eternidade.
Como contrasta a esperanza da Nosa Señora coa nosa impaciencia! Con frecuencia reclamámoslle a Deus que nos pague deseguido o pouco ben que temos efectuado. Apouco de aflorar a primeira dificultade, xa nos queixamos. Somos, moitas veces, incapaces de soster o esforzo, de manter a esperanza. Porque nos falta fe: benaventurada ti, que criches! Porque se cumprirán as cousas que se che teñen declarado de parte do Señor21.
Mestra de caridade. Lembrade aquela escena da presentación de Xesús no templo. O ancián Simón asegurou a María, a súa Nai: mira, este neno está destinado para ruína e para resurrección de moitos en Israel e para ser branco da contradición; o que será para ti mesma unha espada que traspasará a túa alma, o fin de que sexan descubertos os pensamentos agochados nos corazóns de moitos22. A inmensa caridade de María pola humanidade fai que se cumpra, tamén nela, a afirmación de Cristo: ninguén ten amor máis grande que o que dá a súa vida polos seus amigos23.
Con razón os Romanos Pontífices chamaron a María Corredentora: «de tal xeito, xuntamente co seu Fillo paciente e agonizante, padeceu e case morreu; e de tal xeito, pola salvación dos homes, abdicou dos dereitos maternos sobre o seu Fillo, e inmolouno, en canto dela dependía, para aplacar a xustiza de Deus, que se pode dicir con razón que Ela redimiu o xénero humano xuntamente con Cristo»24. Así entendemos mellor aquel momento da Paixón do Noso Señor, que nunca nos cansaremos de meditar: stabat autem iuxta crucem Iesu ma ter eius25, estaba onda a cruz de Xesús a súa Nai.
Observariades como algunhas nais, movidas dun lexítimo orgullo, apresúranse a poñerse ao carón dos seus fillos cando estes trunfan, cando reciben un público recoñecemento. Ou tras en troques, incluso neses momentos permanecen en segundo plano, amando en silencio. María era así, e Xesús sa bíao.
Agora, pola contra, no escándalo do Sacrificio da Cruz, Santa María estaba presente, oíndo con tristeza aos que pasaban por alí, e blasfemaban meneando a cabeza e gritando: Ti, que derrubas o templo de Deus, e en tres días reedifícao, sálvate a ti mesmo!; se es o Fillo de Deus, descende da Cruz26. Nosa Señora escoitaba as palabras do seu Fillo, uníndose á súa dor: MeuDeus, meu Deus, por que me desamparaches? 27. Que podía facer Ela? Fundirse co amor redentor do seu Fillo, ofrecer ao Pai a dor inmensa —como unha espada afiada— que traspasaba o seu Corazón puro.
De novo Xesús séntese confortado, con esa presenza discreta e amorosa da súa Nai. Non grita María, non corre dun lado para ao outro. Stabat: está de pé, a carón do Fillo. É daquela cando Xesús a mira, dirixindo despois a vista a Xoán. E exclama: Muller, velaí tes ao teu fillo. Despois dille ao discípu-lo: velaí tes á túa Nai 28. En Xoán, Cristo confía á súa Nai todos os homes e especialmente aos seus discípulos: os que habían crer nel.
Felix culpa29, canta a Igrexa, feliz culpa, porque acadou ter tal e tan grande Redentor. Feliz culpa, podemos engadir tamén, que nos mereceu recibir por Nai a Santa María. Xa estamos seguros, xa nada nos debe preocupar: porque a Nosa Señora, coroada Raíña de ceos e terra, é a omnipotencia suplicante ante Deus. Xesús non lle pode negar nada a María, nin tampouco a nós, fillos da súa mesma Nai.
Nai nosa
Os fillos, especialmente cando aínda son pequenos, tenden a preguntarse que han de realizar por eles os seus pais, esquecendo en cambio as obrigas de piedade filial. Somos os fillos, de ordinario, moi interesados, aínda que esa conduta —xa o fixemos notar— non parece importar moito ás nais, porque teñen suficiente amor nos seus corazóns e queren co mellor agarimo: o que se dá sen esperar correspondencia.
Deste xeito ocorre tamén con Santa María. Pero hoxe, na festa da súa Maternidade divina, temos que nos esforzar nunha observación máis devagar. Teñen que nos doer, se as atopa-mos, as nosas faltas de delicadeza con esta Nai boa. Pregúntovos —e me pregunto eu—, como a honramos?
Volvemos de novo á experiencia de cada día. Ao trato coas nosas nais na terra. Por riba de todo, que desexan, dos seus fillos, que son carne da súa carne e sangue do seu sangue? A súa maior ilusión é telos preto. Cando os fillos medran e non é posible que continúen ao seu carón, agardan con impaciencias as súas noticias, emociónalles todo o que lles ocorre: desde unha lixeira enfermidade ata os sucesos máis importantes.
Mirade: para a nosa Nai Santa María xamais deixamos de ser pequenos, porque Ela nos abre o camiño cara o Reino dos Ceos, que lles será dado aos que se fan nenos30. Da Nosa Señora non nos debemos arredar nunca. Como a honraremos? Tratándoa, falándolle, manifestándolle o noso agarimo, ponderando no noso corazón as escenas da súa vida na terra, contándolle as nosas loitas, os nosos éxitos e os nosos fracasos.
Descubrimos así —como se as recitásemos por vez primeira— o sentido das oracións marianas, que se rezaron sempre na Igrexa. Que son o Ave María e o Ánxelus senón loanzas acesas á Maternidade divina? E no Santo Rosario –esa marabillosa devoción, que nunca me cansarei de aconsellar a todos os cristiáns– pasan pola nosa cabeza e polo noso corazón os miste-rios da conduta admirable de María, que son os mesmos misterios fundamentais da fe.
O ano litúrxico aparece espallado de festas en honor a Santa María. O fundamento deste culto é a Maternidade divina da Nosa Señora, orixe da plenitude de dons de natureza e de graza con que a Trindade Beatísima a adornou. Demostraría escasa formación cristiá —e moi pouco amor de fillo— quen temese que o culto á Santísima Virxe puidese diminuír a adoración que se lle debe a Deus. A Nosa Nai, modelo de humildade, cantou: chamaranme benaventurada todas as xeracións, porque fixo en min cousas grandes aquel que é Todopoderoso, cuxo nome é santo, e cuxa misericordia espállase de xeración en xeración para os que o temen31.
Nas festas da Nosa Señora non escatimemos as mostras de agarimo; elevemos con máis frecuencia o noso corazón para pedirlle o que necesitamos, agradecéndolle a súa solicitude maternal e constante, encomendándolle ás persoas que estimamos. Pero, se nos pretendemos comportar como fillos, todos os días serán ocasión propicia de amor a María, como o son todos os días para os que se queren de verdade.
Quizais agora algún de vós poida pensar que a xornada ordinaria, o habitual ir e vir da nosa vida, non se presta moito a manter o corazón nunha criatura tan pura como a Nosa Señora. Eu invitaríavos a reflexionar un pouco. Que buscamos sempre, aínda sen especial atención, en todo o que facemos? Cando nos move o amor de Deus e traballamos con rectitude de intención, buscamos o bo, o limpo, o que trae paz á conciencia e felicidade á alma. Que non nos faltan as equivocacións? Abofé que si; pero precisamente, recoñecer eses erros, é descubrir con maior claridade que a meta é esa: unha felicidade non pasaxeira, senón fonda, serena, humana e sobrenatural.
Existe unha criatura que logrou nesta terra esa felicidade, porque é a obra mestra de Deus: a Nosa Nai Santísima, María. Ela vive e protéxenos; está xunta o Pai, e o Fillo e o Espírito Santo, en corpo e alma. É a mesma que naceu en Palestina, que se entregou ao Señor desde nena, que recibiu o anuncio do Arcanxo Gabriel, que deu a luz ao Noso Salvador, que estivo onda El ao pé da Cruz.
Nela adquiren realidade todos os ideais; mais non debemos concluír que a seu valor sublime e grandeza nola presentan inaccesible e distante. É a chea de graza, a suma de todas as perfeccións: e é Nai. Co seu poder diante de Deus acadaranos o que lle pedimos; como Nai quere concedérnolo. E tamén como Nai entende e comprende as nosas fraquezas, alenta, escusa, facilita o camiño, ten sempre preparado o remedio, malia que pareza que nada é posible.
Canto medrarían en nós as virtudes sobrenaturais, se lográsemos tratar de verdade a María, que é Nai Nosa! Que non nos importe repetirlle durante o día —co corazón, sen necesidade de palabras— pequenas oracións, xaculatorias. A devoción cristiá reuniu moitos deses eloxios apaixonados nas Ladaíñas que acompañan o Santo Rosario. Pero cada quen é libre de aumentalas, dirixíndolle novas loanzas, dicíndolle o que —por un santo pudor que Ela entende e aproba— non nos atreveriamos a pronunciar en voz alta.
Aconsélloche —para rematar— que fagas, se aínda non o fixeches, a túa experiencia particular do amor materno de María. Non basta saber que Ela é Nai, considerala dese xeito, falar así dela. É a túa Nai e ti es o seu fillo; quérete como se foses o seu fillo único neste mundo. Trátaa en consecuencia: cóntalle todo o que che pasa, hónraa, quérea. Ninguén o fará por ti, tan ben coma ti, se ti non o fas.
Asegúroche que, se emprendes este camiño, atoparás deseguida todo o amor de Cristo: e veraste metido nesta vida inefable de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo. Sacarás forzas para cumprir rematadamente a Vontade de Deus, encheraste de desexos de servir a todos os homes. Serás o cristián que por veces soñas ser: cheo de obras de caridade e de xustiza, alegre e forte, comprensivo cos demais e exixente contigo mesmo.
Esa, e non outra, é a ousadía da nosa fe. Acudamos a Santa María, que Ela nos acompañará cun andar firme e constante.
Concilio de Éfeso, can. 1, Denzinger-Schön, 252 (113).
San Cirilo de Alexandría, Epistolae, 24 (PG 77, 138).
San Tomé de Aquino, Summa Theologiae, I, q. 25, a. 6.
San Basilio, Commentarius in Isaiam, 7, 201 (PG 30, 466).
Ecclo XXIV, 25.
Cfr. san Xoán Damasceno, Homiliae in dormitionem B. V. Mariae, 2, 19 (PG 96, 751).
Aleluia da Misa da Maternidade divina de María.
Antífona ad Communionem na Misa común da B. M. Virxe.
Santo Agostiño, De Sancta Virginitate, 6 (PL 40, 399).
Lc, I, 45.
Lc I, 38.
Lc II, 34-35.
Ioh XV, 13.
Benedicto XV, Carta Inter sodalicia, 22-V-1918, ASS 10 (1918), 182.
Ioh XIX, 25.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/nai-de-deus-nai-nosa/ (14-12-2025)