O TRATO CON DEUS
O domingo in albis trae á miña memoria unha vella tradición piadosa da miña terra. Neste día, no que a liturxia convida a desexar o alimento espiritual —rationabile, sine dolo lac concupiscite1, apetecede o leite do espírito sen mestura de fraude—, era costume daquela que lles levasen a Sagrada Comuñón aos enfermos —non era preciso que fosen casos graves—, para que puidesen cumprir o precepto pascual.
Nalgunhas cidades grandes, cada parroquia organizaba unha procesión eucarística. Lémbrome dos meus anos de estudante universitario, que resultaba corrente que se cruzasen, polo Coso de Zaragoza, tres comitivas nas que só ían homes —milleiros de homes!—, con grandes cirios ardendo. Xente rexa, que acompañaba o Señor Sacramentado, cunha fe tan grande como aqueles fachóns que pesaban quilos.
Cando esta noite espertei varias veces, repetín, como xaculatoria, quasi modo geniti infantes2: coma nenos de berce... Pensaba que esa invitación da Igrexa nos vén moi ben a todos os que sentimos a realidade da filiación divina. Porque nos cómpre ser moi rexos, moi sólidos, con tempero capaz de influír no ambiente onde nos atopemos; e, porén, diante de Deus, é tan bo que nos consideremos fillos pequenos!
Somos fillos de Deus
Quasi modo geniti infantes, rationabile, sine dolo lacconcupiscite3: como nenos que acaban de chegar ao mundo, bramade polo leite limpo e puro do espírito. É estupendo este versículo de san Pedro, e entendo moi ben que a liturxia engadira a continuación: exultate Deo adiutori nostro: iubilate Deo Iacob4; saltade de xúbilo na honra de Deus: aclamade o Deus de Xacobe, que é tamén Señor e Noso Pai. Pero gustaríame que hoxe, vós e mais eu, meditásemos sobre o Santo Sacramento do Altar, que arrinca do noso corazón as máis altas loanzas a Xesús; querería que nos detivésemos nesta certeza da filiación divina e nalgunhas das súas consecuencias, para todos os que pretenden vivir con nobre empeño a súa fe cristiá.
Por motivos que non veñen ao caso —pero que ben coñece Xesús, que nos preside desde o Sagrario—, a miña vida conduciume a saberme especialmente fillo de Deus, e saboreei a ledicia de meterme no corazón do meu Pai, para rectificar, para purificarme, para servilo, para comprender e desculpar a todos, a base do amor seu e da humillación miña.
Por iso, agora desexo insistir na necesidade de que vós e mais eu nos refagamos, espertemos deste sono de debilidade que tan facilmente nos amodorra, e volvamos percibir, dun xeito máis fondo e á vez máis inmediato, a nosa condición de fillos de Deus.
O exemplo de Xesús, todo o paso de Cristo por aqueles lugares de oriente, axúdanos a penetrar nesta verdade. Se admi-timos o testemuño dos homes —lemos na Epístola—, de maior autoridade é o testemuño de Deus5. E, en que consiste o testemuño de Deus? De novo fala san Xoán: Mirade que amor tivo o Pai cara nós, querendo que nos chamemos fillos de Deus e o sexamos... Carísimos, nós somos xa agora fillos de Deus6.
Ao longo dos anos, procurei apoiarme sen desmaios nesa gozosa realidade. A miña oración, ante calquera circunstancia, foi a mesma, con tons diferentes. Díxenlle: Señor, Ti puxéchesme aquí; Ti confiáchesme iso e aquilo, e eu confío en Ti. Sei que es o meu Pai, e sempre vin que os pequenos están absolutamente seguros dos seus pais. A miña experiencia sacerdotal confirmoume que este abandono nas mans de Deus empuxa ás almas a adquirir unha forte, fonda e serena piedade, que impulsa a traballar constantemente con rectitude de intención.
O exemplo de Xesucristo
144 Quasi modo geniti infantes... Deume ledicia difundir por todas partes esta mentalidade de fillos de Deus, que nos fará gustar as palabras que tamén se recollen na liturxia da Misa: todo o que naceu de Deus vence ao mundo7, supera as dificultades, logra a vitoria, nesta grande batalla pola paz das almas e da sociedade.
A nosa sabedoría e a nosa forza están precisamente en ter a convicción da nosa pequenez, da nosa nada diante dos ollos de Deus; pero é El quen nos estimula para que nos movamos, ao tempo, cunha segura confianza e prediquemos a Xesucristo, o seu Fillo Unixénito, malia os nosos erros e as nosas miserias persoais, sempre e cando, xunto á fraqueza, non falte a loita co fin de superala.
Escoitariádesme repetir con frecuencia aquel consello da Escritura Santa: discite benefacere8, porque é certo que debemos aprender e ensinar a facer o ben. Temos que comezar por nós mesmos, empeñándonos en descubrir cal é o ben que temos que ambicionar para cada un de nós, para cada un dos nosos amigos, para cada un dos homes. Non coñezo camiño mellor para considerar a grandeza de Deus: aprender a servir, co punto de mira inefable e sinxelo de que El é o noso Pai e nós somos fillos seus.
Poñamos de novo os ollos no Mestre. Poida que ti tamén escoites neste momento o reproche dirixido a Tomé: mete aquí o teu dedo e rexistra as miñas mans; e trae a túa man, e métea no meu costado, e non sexas incrédulo senón fiel 9; e, co Apóstolo, sairá da túa alma, con sincera contrición, aquel grito: Meu Señor e meu Deus!10, recoñézote definitivamente por Mestre, e xa para sempre —co teu auxilio— vou atesourar as túas ensinanzas e esforzareime en seguilas con lealdade.
Unhas páxinas antes, no Evanxeo, revivimos esa escena na que Xesús se retirou en oración, e os discípulos están preto, probablemente contemplándoo. Cando rematou, un decidiuse a suplicarlle: Señor, apréndenos a orar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos. E Xesús respondeulles: cando vos poñades a orar, debedes dicir: Pai, sexa santificado o teu nome11.
Notade o sorprendente da resposta: os discípulos conviven con Xesucristo e, no medio das súas conversas, o Señor indícalles como han rezar; revélalles o grande segredo da misericordia divina: que somos fillos de Deus, e que podemos entreternos confiadamente con El, como un fillo fala co seu pai.
Cando vexo como algúns formulan a vida de piedade, o trato dun cristián co seu Señor, e preséntanme esa imaxe desagradable, teórica, de fórmulas, chea de cantilenas sen alma, que máis favorecen o anonimato que a conversa persoal de ti a Ti, co Noso Pai Deus —a auténtica oración vogal xamais supón anonimato—, lémbrome daquel consello do Señor: na oración non afectedes falar moito, como fan os xentís, que imaxinan van ser oídos a forza de palabras. Non queirades, pois, imitalos, que ben sabe o voso Pai o que precisades, antes de que llo pidades12. E comenta un Padre da Igrexa: «penso que Cristo nos manda que evitemos as longas oracións; pero longa, non en canto ao tempo, senón pola multitude inacabable de palabras... O Señor mesmo púxonos o exemplo da viúva que, a forza de súplicas, venceu a reticencia do xuíz inicuo; e o outro daquel inoportuno que chegou a deshora na noite e, pola súa teimosía máis que pola amizade, conseguiu que se erguese da cama o amigo (cfr. Lc XI, 5-8; XVIII, 1-8). Con estes dous exemplos, mándanos que pidamos constantemente, pero non compoñendo oracións interminables, senón contándolle con sinxeleza as nosas necesidades»13.
De todos os xeitos, se ao iniciar a vosa meditación non logrades concentrar a vosa atención para conversar con Deus, e vos atopades secos e a cabeza parece que non e quen de expresar unha idea, ou os vosos afectos permanecen insensibles, aconséllovos o que eu procurei practicar sempre nesas circunstancias: poñédevos en presenza do voso Pai, e manifestádelle polo menos: Señor, que non sei rezar, que non se me ocorre nada para contarche!... E estade seguros de que nese mesmo instante, teredes comezado a facer oración.
Piedade, trato de fillos
A piedade que nace da filiación divina é unha actitude profunda da alma, que remata por informar toda a existencia enteira: está presente en todos os pensamentos, en todos os desexos, en todos os afectos. Non tedes observado que, nas familias, os fillos, aínda sen se decatar, imitan aos seus pais: repiten os seus xestos, os seus costumes, coinciden en tantos modos de comportarse?
Pois o mesmo sucede na conduta do bo fillo de Deus: acádase tamén, —sen que se saiba como, nin por que camiño— ese endeusamento marabilloso, que nos axuda a enfocar os acontecementos co relevo sobrenatural da fe; ámase a todos os homes como Noso Pai do Ceo os ama e —isto é o que máis conta— obtense un brío novo no noso esforzo cotián por achegármonos ao Señor. Non importan as miserias, insisto, porque aí están os brazos agarimosos do Noso Pai Deus para nos levantar.
Se vos fixades, existe unha grande diferenza cando cae un neno e cando cae unha persoa maior. Para os nenos, a caída de ordinario non ten importancia: tropezan con tanta frecuencia! E cando se lles soltan as lágrimas, o seu pai explícalles: os homes non choran. Así conclúe o incidente, co empeño do rapaz por contentar a seu pai.
Mirade, en cambio, o que sucede se perde o equilibrio un home adulto, e vén dar cos fociños no chan. Se non fose pola compaixón, provocaría hilaridade, risa. Pero, ademais, o golpe poida que traia consecuencias graves, e, nun ancián, incluso produza unha fractura irreparable. Na vida interior, convennos a todos ser quasi modo geniti infantes, coma eses pequechos, que parecen de goma, que se folgan ata coas súas zoupadas porque axiña se erguen e continúan co seu corricar; e porque tampouco lles falta —cando resulta preciso— o consolo dos seus pais.
Se nos procuramos portar coma eles, os tropezóns e os fracasos —polo demais inevitables— na vida interior non desembocarán nunca en amargura. Reaccionaremos con dor mais sen desánimo, e cun sorriso que brota, como auga limpa, da ledicia da nosa condición de fillos dese Amor, desa grandeza, desa sabedoría infinita, desa misericordia, que é o noso Pai. Aprendín, durante os meus anos de servizo ao Señor, a ser fillo pequeno de Deus. E isto pídovolo a vós: que sexades quasi modo geniti infantes, nenos que desexan a palabra de Deus, o pan de Deus, o alimento de Deus, a fortaleza de Deus, para conducírmonos en adiante como homes cristiáns.
Que sexades moi nenos! E canto máis, mellor. Dívolo a experiencia deste sacerdote, que se tivo que erguer moitas veces ao longo destes trinta e seis anos —que longos e que curtos se me fixeron!—, que leva tratando de cumprir unha Vontade precisa de Deus. Unha cousa axudoume sempre: que sigo sendo neno, e métome continuamente no colo da miña Nai e no Corazón de Cristo, o meu Señor.
As grandes caídas, as que causan grandes desfeitas na alma, e en ocasións con resultados case irremediables, proceden sempre da soberbia de crerse maiores, autosuficientes. Neses casos, predomina na persoa como unha incapacidade de pedir asistencia ao que lla pode facilitar: non só a Deus; ao amigo, ao sacerdote. E aquela pobre alma, illada na súa desgraza, afúndese na desorientación, no descamiño.
Roguemos a Deus, agora mesmo, que non permita xamais que nos sintamos satisfeitos, que acrecente sempre en nós a ansia do seu auxilio, da súa palabra, do seu Pan, do seu consolo, da súa fortaleza: rationabile, sine dolo lac concupiscite: fomentade a fame, a aspiración de ser como nenos. Convencédevos de que é o xeito mellor de vencer a soberbia. Persuadídevos de que é o único remedio para que a vosa maneira de obrar sexa boa, sexa grande, sexa divina. En verdade dígovos, que se non vos volvedes e facedes semellantes aos nenos, non entraredes no reino dos ceos14.
De novo veñen a miña memoria as lembranzas da miña mocidade. Que demostración de fe aquela! Paréceme oír aínda o canto litúrxico, respirar o arrecendo do incenso, ver milleiros e milleiros e milleiros de homes, cada un co seu gran cirio –que é como o símbolo da súa miseria–, mais cun corazón de nenos: unha criatura que quizais non logra alzar os seus ollos cara a faciana do seu pai. Recoñece e advirte can malo e amargo é para ti terte apartado do teu Deus15. Renovemos a firme decisión de non nos apartar nunca do Señor polos afáns da terra. Aumentemos, con propósitos concretos para a nosa conduta, a sede de Deus: como criaturas que recoñecen a propia indixencia, e buscan, chaman, incesantemente ao seu Pai.
Pero, volvo ao que vos comentaba antes: hai que aprender a ser como nenos, hai que aprender a ser fillo de Deus. E, de paso, transmitir aos demais esa mentalidade que, no medio das naturais fraquezas, faranos fortes na fe16, fecundos nas obras, e seguros no camiño, de xeito que calquera que sexa a especie do erro que poidamos cometer, aínda o máis desagradable, non vacilaremos nunca en reaccionar, e en retornar a esa senda mestra da filiación divina que remata nos brazos abertos e expectantes do noso Pai Deus.
Quen de vós non se lembra dos brazos do seu pai? Probablemente non serían tan aloumiñeiros, doces e delicados coma os da nai. Mais aqueles brazos robustos, fortes, apertábannos con calor e con seguridade. Señor, grazas por eses brazos duros. Grazas por esas mans fortes. Grazas por ese corazón tenro e rexo. Ía darche grazas tamén polos meus erros! Non, que non os queres! Pero compréndeos, descúlpaos, perdóaos.
Esta é a sabedoría que Deus espera que exercitemos no trato con El. Esa si que é unha manifestación de ciencia matemática: recoñecermos que somos un cero á esquerda... Pero Noso Pai Deus ámanos a cada un tal como somos; tal como somos! Eu, —e non son máis ca un pobre home— quérovos a cada un como sodes; imaxinade como será o Amor de Deus!, con tal de que loitemos, con tal de que nos empeñemos en pór a vida na liña da nosa conciencia, ben formada.
Plan de vida
Ao examinarmos como é e como debería ser a nosa piedade; en que puntos determinados debería mellorar a nosa relación persoal con Deus, se me entendestes, rexeitaredes a tentación de imaxinar fazañas insuperables, porque teredes descuberto que o Señor se contenta con que lle ofrezamos pequenas mostras de amor en cada momento.
Procura axustarte a un plan de vida, con constancia: uns minutos de oración mental; a asistencia á Santa Misa —acotío, se che é posible— e a Comuñón frecuente; acudir regularmente ao Santo Sacramento do Perdón —aínda que a túa conciencia non te acuse de falta mortal—; a visita a Xesús no Sagrario; o rezo e contemplación dos misterios do Santo Rosario, e tantas prácticas estupendas que ti coñeces ou podes aprender.
Non se han converter en normas ríxidas, coma compartimentos estancos; sinalan un itinerario flexible, acomodado a túa condición de home que vive no medio da rúa, cun traballo profesional intenso, e uns deberes e relacións sociais que non has descoidar, porque neses quefaceres continúa o teu encontro con Deus. O teu plan de vida ha ser como esa luva de goma que se adapta con perfección a man que a usa.
Tampouco me esquezas que o importante non consiste en facer moitas cousas; limítate con xenerosidade a aquelas que poidas cumprir cada xornada, con ganas ou sen ganas. Esas prácticas levarante case sen te decatar, á oración contemplativa. Abrollarán na túa alma máis actos de amor, xaculatorias, accións de grazas, actos de desagravio, comuñóns espirituais. E isto, mentres atendes ás túas obrigas: ao coller o teléfono, ao subir a un medio de transporte, ao pechar ou abrir unha porta, ao pasar por diante dunha igrexa, ao comezar unha nova tarefa, ao realizala e ao concluíla; referiralo todo ao teu Pai Deus.
Descansade na filiación divina. Deus é un Pai cheo de tenrura, de infinito amor. Chámalle Pai moitas veces ao día, e dille —a soas, no teu corazón— que lle queres, que o adoras; que sentes o orgullo e a forza de ser fillo seu. Supón un auténtico programa de vida interior, que lle hai que dar canle a través das túas relacións de piedade con Deus —poucas, pero constantes, insisto—, que che permitan adquirir os sentimentos e as maneiras dun bo fillo.
Necesito previrte aínda contra o perigo da rutina —verdadeiro sartego da piedade—, que se presenta frecuentemente disfrazada con ambicións de realizar ou emprender xestas importantes, mentres se descoida comodamente a debida ocupación cotiá. Cando percibas esas insinuacións, ponte con sinceridade diante do Señor: pensa se non te terás fartado de loitar sempre no mesmo, porque non buscabas a Deus; mira se decaeu —por falta de xenerosidade, de espírito de sacrificio— a perseveranza fiel no traballo. Entón, as túas normas de piedade, as pequenas mortificacións, a actividade apostólica que non recolle un froito inmediato, aparecen como tremendamente estériles. Estamos baldeiros, e poida que comecemos a soñar con novos plans, para facer calar a voz do noso Pai do Ceo, que reclama unha total lealdade. E cun pesadelo de grandeza na alma, damos ao esquecemento a realidade máis certa, o camiño que sen dúbida nos conduce dereitos á santidade: claro sinal de que perdemos o punto de mira sobrenatural; o convencemento de que somos nenos pequenos; a persuasión de que o noso Pai obrará en nós marabillas, se recomezamos con humildade.
Os paus pintados de vermello
Quedaron moi gravadas na miña memoria de neno aqueles sinais que, nas montañas da miña terra, colocaban á beira dos camiños; chamáronme a atención uns paus altos, ordinariamente pintados de vermello. Explicáronme daquela que, cando cae a neve, e cobre vereas, sementeiras e pastos, bosques, rochas e barrancos, esas estacas sobresaen como un punto de referencia seguro, para que todo o mundo saiba sempre por onde vai a rota.
Na vida interior, sucede algo semellante. Hai primaveras e veráns, pero tamén chegan os invernos, días sen sol, e noites orfas de lúa. Non podemos permitir que o trato con Xesucristo dependa do noso estado de humor, dos cambios do noso carácter. Esas posturas delatan egoísmo, comodidade, e abofé que non se compaxinan co amor.
Por iso, nos momentos de nevarada e de coriscada, unhas practicas piadosas sólidas —nada sentimentais—, ben enraizadas e axustadas ás circunstancias propias de cada un, serán como eses paus pintados de vermello, que continúan marcándonos o rumbo, ata que o Señor decida que brille de novo o sol, se derretan os xeos, e o corazón volva vibrar, acendido cun lume que en realidade non estivo apagado nunca: foi só rescaldo agochado pola cinza dunha tempada de proba, ou de menor empeño, ou de escaso sacrificio.
Non vos escondo que, ao longo destes anos, achegáronseme algúns, e compunxidos de dor dixéronme: Padre, non sei que me pasa, atópome canso e frío; a miña piedade, antes tan segura e plana, paréceme unha comedia... Pois aos que atravesan esa situación, e a todos vós, lles contesto: unha comedia? Grande cousa! O Señor está xogando convosco como un pai cos seus fillos.
Lese nas Escrituras: ludens in orbe terrarum17, que El xoga en toda a redondez da terra. Pero Deus non nos abandona, porque inmediatamente engade: deliciae meae esse cun filiis hominum18, son as miñas delicias estar cos fillos dos homes. O Señor xoga connosco! E cando nos veña á cabeza que estamos interpretando unha comedia, porque nos sintamos xeados, desleixados; cando esteamos desgustados e sen vontade; cando nos resulte arduo cumprir o noso deber e acadar as metas espirituais que nos propuxeramos, soou a hora de pensar que Deus xoga connosco, e esperar que saibamos representar a nosa comedia con galladía.
Non me importa contarvos que o Señor, en ocasións, me concedeu moitas grazas; pero de ordinario vou a contrapelo. Sigo o meu plan non porque me guste, senón porque debo facelo, por Amor. Pero, Padre, pódese interpretar unha comedia con Deus?, non é unha hipocrisía? Queda tranquilo: para ti chegou o instante de participar nunha comedia humana cun espectador divino. Persevera, que o Pai, o Fillo e o Espírito Santo, contemplan esa comedia túa; realiza todo por amor a Deus, por agradarlle, aínda que a ti che custe.
Que bonito é ser xograr de Deus! Que fermoso recitar esa comedia por Amor, con sacrificio, sen ningunha satisfacción persoal, por agradar ao Noso Pai Deus, que xoga connosco! Encárate co Señor, e confíalle: non teño ningunhas ganas de ocuparme disto, pero ofrecereino por Ti. E ocúpate de verdade dese labor, aínda que penses que é unha comedia. Bendita comedia! Asegúrocho: non se trata de hipocrisía, porque os hipócritas necesitan público para as súas pantomimas. En cambio, os espectadores desa comedia nosa —déixame que cho repita— son o Pai, o Fillo e o Espírito Santo; a Virxe Santísima, san Xosé e todos os Anxos e Santos do Ceo. A nosa vida interior non encerra máis espectáculo ca ese: é Cristo que pasa quasi in occulto19.
153 Iubilate Deo. Exultate Deo adiutori nostro20. Loade a Deus. Saltade de ledicia no Señor, a nosa única axuda. Xesús, quen non o comprenda, non coñece nada de amores, nin de pecados, nin de miserias! Eu son un pobre home, e entendo de pecados, de amores e de miserias. Sabedes o que é estar levantado ata o corazón de Deus? Comprendedes que unha alma se enfronte co Señor, lle abra o seu corazón e lle conte as súas queixas? Eu quéixome, por exemplo, cando se leva xunta El a xente de idade temperá, cando aínda poderían servilo e amalo moitos anos na terra; porque non o entendo. Mais son xemidos de confianza, pois sei que, se me apartase dos brazos de Deus, tropezaría axiña. Por iso, inmediatamente, sen présa, mentres acepto os designios do Ceo, engado: fágase, cúmprase, sexa loada e eternamente enxalzada a xustísima e amabilísima Vontade de Deus, sobre todas as cousas. Amén. Amén.
Este é o xeito de proceder que nos ensina o Evanxeo, a pillaría máis santa e a fonte de eficacia para o traballo apostólico; e este é o manancial do noso amor e da nosa paz de Fillos de Deus, e a senda pola que podemos transmitir agarimo e serenidade aos homes, e só por isto lograremos rematar no Amor os nosos días, tendo santificado o noso traballo, e buscando aí a felicidade escondida das cousas de Deus. Conducirémonos coa santa desvergoña dos nenos, e rexeitaremos a vergoña —a hipocrisía— dos maiores, que lles amedrenta volver ao seu pai, cando pasaron polo fracaso dunha caída.
Remato co saúdo do Señor, que recolle hoxe o Santo Evanxeo: pax, vobis! A paz sexa convosco... E enchéronse de gozo os discípulos vendo ao Señor21, ese Señor que nos acompaña ao Pai.
1 Pet II, 2 (Introito da Misa).
Ibidem.
Ibidem.
Ps LXXX, 2 (Introito da Misa).
Ioh XX, 27.
Ioh XX, 28.
Lc XI, 1-2.
Mt VI, 7-8.
San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 19, 4 (PG 57, 278).
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/o-trato-con-deus/ (14-12-2025)