PORQUE VERÁN A DEUS
Que Xesucristo é o noso modelo, e o de todos os cristiáns, coñecédelo perfectamente porque o tedes oído e meditado con frecuencia. Tédelo ensinado ademais a tantas almas, nese apostolado —trato humano con sentido divino— que xa forma parte do voso eu; e tédelo lembrado, cando era conveniente, servíndovos dese medio marabilloso da corrección fraterna, para que o que vos escoitaba comparase o seu comportamento co do noso Irmán primoxénito, o fillo de María, Nai de Deus e Nai nosa.
Xesús é o modelo. Dixo El: discite a me1, aprendede de Min. E hoxe desexo falarvos dunha virtude que sen ser a única nin a primeira, porén, actúa na vida cristiá coma o sal que preserva da corrupción, e constitúe a pedra de toque para a alma apostólica: a virtude da santa pureza.
Certamente, a caridade teologal móstrasenos como a virtude máis alta; pero a castidade resulta a condición sine qua non, un medio imprescindible para acadar ese diálogo íntimo con Deus; e cando non se garda, se non se loita, remátase cego; non se ve nada, porque o home animal non pode percibir as cousas que son do Espírito de Deus2.
Nós queremos mirar con ollos limpos, animados pola predi-cación do Mestre: benaventurados os que teñen puro o seu corazón, porque eles verán a Deus3. A Igrexa presentou sempre estas palabras como unha invitación á castidade. «Gardan un corazón san, escribe san Xoán Crisóstomo, os que posúen unha conciencia completamente limpa ou os que aman a castidade. Ningunha virtude lles é tan necesaria coma esta para ver a Deus»4.
O exemplo de Cristo
Xesucristo, Noso Señor, ao longo da súa vida terrea, foi cuberto de improperios, maltratárono de todos os xeitos posibles. Lembrádesvos? Propalan que se comporta como un revoltoso e afirman que está endemoñado5. Noutra ocasión interpretan mal as manifestacións do seu Amor infinito, e táchano de amigo de pecadores6.
Máis tarde, a El, que é a penitencia e a temperanza, bótanlle en cara que frecuenta a mesa dos ricos7. Tamén o chaman despectivamente faber filius8, fillo do traballador, do carpinteiro, como se fose unha inxuria. Permite que o apostrofen como bebedor e comellón... Deixa que o acusen de todo, menos de que non é casto. Tapoulles a boca niso, porque quere que nós conservemos ese exemplo sen sombras: un modelo marabilloso de pureza, de limpeza, de luz, de amor que sabe queimar todo o mundo para purificalo.
A min, gústame referirme á santa pureza contemplando sempre a conduta do Noso Señor. El puxo de manifesto unha grande delicadeza nesta virtude. Fixádevos no que relata san Xoán cando Xesús, fatigatus ex itinere, sedebat sic supra fontem9, cansado do camiño, sentou riba do peitoril do pozo.
Recollede os ollos da alma e revivide devagar a escena: Xesucristo, perfectus Deus, perfectus homo10, está fatigado polo camiño e polo traballo apostólico. Como poida que vos sucedese algunha vez a vós, que rematades rendidos, porque non aguantades máis. É conmovedor observar ao Mestre esgotado. Ademais, ten fame: os discípulos foron ao pobo veciño, para buscar algo de comer. E ten sede.
Pero máis cá fatiga do corpo, consúmeo a sede de almas. Por isto, ao chegar a samaritana, aquela muller pecadora, o corazón sacerdotal de Cristo afánase, dilixente, para recuperar á ovella perdida: esquecendo o cansazo, a fame e a sede.
Ocúpase o Señor naquela grande obra de caridade, mentres volvían os Apóstolos da cidade, e mirabantur quia cum muliere loquebatur11, quedaron abraiados de que falase a soas cunha muller. Que tino! Que amor á virtude encantadora da santa pureza, que nos axuda a ser máis fortes, máis rexos, máis fecundos, máis capaces de traballar por Deus, máis capaces de todo o grande!
177 Esta é a vontade de Deus, a vosa santificación... Que saiba cada un de vós usar do seu corpo santa e honestamente, sen abandonarse ás paixóns, como fan os pagáns, que non coñecen a Deus12. Pertencemos totalmente a Deus, con alma e corpo, coa carne e cos ósos, cos sentidos e coas potencias. Pregádelle con confianza: Xesús, garda o noso corazón!, un corazón grande, forte e tenro e afectuoso e delicado, desbordante de caridade para Ti, para servir a todas as almas.
O noso corpo é santo, templo de Deus, precisa san Paulo. Esta exclamación do Apóstolo trae á miña memoria a chamada universal á santidade, que o Mestre dirixe aos homes: estote vos perfecti sicut et Pater vester caelestis perfectus est13. A todos, sen discriminacións de ningún xénero, pide o Señor correspondencia á graza; a cada quen, de acordo coa súa situación persoal, esixe a práctica das virtudes propias dos fillos de Deus.
Por iso, ao lembrarvos agora que o cristián ten que gardar unha castidade perfecta, estoume referindo a todos: aos solteiros, que se han de ater a unha completa continencia; e aos casados, que viven castamente cumprindo as obrigas propias do seu estado.
Co espírito de Deus a castidade non resulta un peso molesto e humillante. É unha afirmación gozosa: o querer, o dominio, o vencemento, non o dá a carne nin vén do instinto; procede da vontade sobre todo se está unida á Vontade do Señor. Para ser castos —e non simplemente continentes ou honestos—, temos que someter as paixóns á razón, mais por un motivo alto, por un impulso de Amor.
Comparo esta virtude a unhas ás que nos permiten transmitir os mandatos, a doutrina de Deus, por todos os ambientes da terra, sen temor a quedar enlamados. As ás —tamén as desas aves maxestosas que se remontan onde non acadan as nubes— pesan, e moito. Pero se faltasen, non habería voo. Gravádeo nas vosas cabezas, decididos a non ceder se notades a poutada da tentación, que se insinúa presentando á pureza como unha carga insoportable: ánimo!, arriba!, ata o sol, á caza do Amor.
Levar a Deus nos nosos corpos
Sempre me causou moita magoa a norma dalgúns —de tantos!— que escollen, como pauta constante das súas ensinanzas, a impureza; co que logran —comprobeino en bastantes almas— o contrario do que pretenden, porque é materia máis pegañenta que a pez, e deforma as conciencias con complexos e con medos, como se a limpeza da alma fose un atranco pouco menos que insuperable. Nós, non; nós temos que tratar da santa pureza con razoamentos positivos e limpos, con palabras modestas e claras.
Matinar sobre este tema significa dialogar sobre o Amor. Veño de sinalarvos que me axuda, para isto, acudir á Humanidade Santísima do Noso Señor, a esa marabilla inefable de Deus que se humilla ata se facer home, e que non se sente degradado por ter tomado carne como a nosa, con todas as súas limitacións e fraquezas, menos o pecado; e isto, porque nos ama con loucura! El non se rebaixa co seu anonadamento; en cambio, a nós, elévanos, deifícanos no corpo e na alma. Responder que si ao seu Amor, cun agarimo claro, ardente e ordenado, iso é a virtude da castidade.
Temos que lle berrar ao mundo enteiro, coa boca e co testemuño da nosa conduta: non empezoñemos o corazón, como se fósemos pobres bestas, dominados polos instintos máis baixos. Un escritor cristián explícao deste xeito: «mirade que non é pequeno o corazón do home, pois abraza tantas cousas. Me dide esa grandeza non nas súas dimensións físicas, senón no poder do seu pensamento, capaz de acadar o coñecemento de tantas verdades. No corazón é posible preparar o camiño do Señor, debuxar unha senda dereita, para que por alí pasen o Verbo e a Sabedoría de Deus. Cunha conduta honesta, con obras irreprochables, preparade o camiño do Señor, achandade o sendeiro, para que o Verbo de Deus camiñe convosco sen tropezo e vos dea o coñecemento dos seus misterios e da súa vinda»14.
A Sagrada Escritura revélanos que esa obra grandiosa da santificación, tarefa oculta e magnífica do Paráclito, verifícase na alma e no corpo. Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo?, clama o Apóstolo. Hei de abusar dos membros de Cristo para facelos membros dunha prostituta? (...) Por ventura non sabedes que os vosos corpos son templos do Espírito Santo, que habita en vós, o cal recibistes de Deus, e que xa non vos pertencedes, dado que fostes mercados a grande prezo? Glorificade a Deus e levádeo no voso corpo15.
Algúns, por aí, escoitan falar de castidade e sorrín. É un riso —unha garatuxa— sen ledicia, morta, de cabezas retortas: a grande maioría —repiten— non cre niso! Eu, aos mozos que viñan na miña compaña polos barrios e hospitais da periferia de Madrid —pasaron xa tantos, tantos anos—, adoitáballes dicir: considerade que hai un reino mineral; outro, o reino vexetal —máis perfecto— no que, á existencia, se lle engadiu a vida; e despois vén o reino animal, formado por seres con sensibilidade e movemento, case sempre.
Explicáballes, dun xeito quizais pouco académico, pero gráfico, que deberiamos instituír outro reino, o hominal, o reino dos humanos: porque a criatura racional posúe unha intelixencia admirable, chispazo da Sabedoría divina, que lle permite razoar pola súa conta; e esa estupenda liberdade, pola que pode aceptar ou rexeitar unha cousa ou outra, ao seu arbitrio.
Pois este reino dos homes —comentáballes coa experiencia que proviña do meu abondoso labor como sacerdote—, para unha persoa normal, o tema do sexo ocupa un cuarto ou quinto lugar. Primeiro están as aspiracións da vida espiritual, a que cada quen teña; inmediatamente, moitas cuestións que lle interesan ao home e muller corrente: o seu pai, a súa nai, o seu fogar, os seus fillos. Máis tarde a súa profesión. E alá, no cuarto ou quinto termo, aparece o impulso sexual.
Por isto, cando coñecín xente que convertía este punto no argumento central da súa conversa, dos seus intereses, pensei que son anormais, pobres desgraciados, quizais enfermos. E engadía —con isto había un momento de risa e de broma, entre o rapaces aos que me dirixía— que eses pobres desventurados me producían tanta magoa como ma producía un neno deforme coa cabeza gorda, gorda, dun metro de perímetro. Son individuos infelices e pola nosa banda —amais das oracións por eles— agroma unha fraterna compaixón, porque desexamos que se curen da súa triste enfermidade; pero, desde logo, non son xamais nin máis homes nin máis mulleres que os que non andan obsesionados polo sexo.
A castidade é posible
Todos arrastramos paixóns; todos nos atopamos coas mesmas dificultades, a calquera idade. Por iso temos que loitar. Lembrádevos do que escribía san Paulo: datus est mihi stimulus carnis meae, angelus Satanae, qui me colaphizet16, rebélase o estímulo da carne, que é como un anxo de Satanás, que lle losquea, porque se non, sería soberbio.
Non se pode levar unha vida limpa sen a asistencia divina. Deus quere que sexamos humildes e que lle pidamos o seu socorro. Débeslle suplicar confiadamente á Virxe, agora mesmo, na soidade acompañada do teu corazón, sen ruído de palabras: miña Nai, este pobre corazón meu sublévase atordadamente... Se ti non me protexes... E ampararate para que o gardes puro e percorras o camiño ao que Deus te chamou.
Fillos: humildade, humildade; aprendamos a ser humildes. Para custodiar o Amor precísase a prudencia, vixiar con tino e non se deixar dominar polo medo. Entre os autores clásicos de espiritualidade, moitos comparan ao demo cun can rabioso, suxeito por unha cadea: se non nos achegamos, non nos morderá, aínda que ladre continuamente. Se nas vosas almas fomentades a humildade, é seguro que evitaredes as ocasións, reaccionaredes coa valentía de fuxir; e acudiredes decotío ao auxilio do Ceo, para avanzar con garbo por este vieiro de namorados.
Mirade que o que está apodrentado pola concupiscencia da carne, espiritualmente non consegue andar, é incapaz dunha obra boa, é un eivado que permanece tirado como un farrapo. Non vistes a eses pacientes con parálise progresiva, que non se conseguen valer, nin se pór en pé? Ás veces, nin sequera moven a cabeza. Iso ocorre no sobrenatural aos que non son humildes e se entregaron covardemente á luxuria. Non ven, nin oen, nin entenden nada. Están paralíticos e como tolos. Cada un de nós debe invocar ao Señor, á Nai de Deus, e pregar que nos conceda a humildade e a decisión de aproveitar con piedade o divino remedio da confesión. Non permitades que na vosa alma aniñe un foco de podremia, aínda que sexa moi pequeno. Fala-de. Cando a auga corre, é limpa; cando repocha forma unha fochanca chea de porcallada repugnante, e de auga potable pasa a ser un caldo de bechos.
Que a castidade é posible e que constitúe unha fonte de alegría, sabédelo o mesmo ca min; tamén vos consta que esixe de cando en vez un pouquiño de loita. Escoitemos de novo a san Paulo: comprázome na lei de Deus segundo o home interior, pero ao mesmo tempo veño a ver outra lei nos meus membros, a cal resiste á lei do meu espírito e prémeme á lei do pecado, que está nos membros do meu corpo. Oh que home tan infeliz son! Quen me librará deste corpo de morte?17. Berra ti máis, se che fai falta, pero non esaxeremos: sufficit tibi gatia mea18, abóndache a miña graza, contéstanos o Noso Señor.
Nalgúns momentos téñome fixado como escintilaban os ollos dun deportista, ante os obstáculos que debía superar. Que vitoria! Observade como domina esas dificultades! Dese xeito nos contempla Deus o Noso Señor, que ama a nosa loita: sempre seremos vencedores, porque non nos nega xamais a omnipotencia da súa graza. E non importa entón que haxa contenda, porque El non nos abandona.
É combate, pero non renuncia; respondemos cunha afirmación gozosa, cunha entrega libre e alegre. O teu comportamento non se ha de limitar a esquivar a caída, a ocasión. Non se ha de reducir de ningún xeito a unha negación fría e matemática. Convencícheste de que a castidade é unha virtude e de que, como tal, debe medrar e perfeccionarse? Non basta, insisto, ser continente, cada quen segundo o seu estado; temos que vivir castamente, con virtude heroica. Esta postura comporta un acto positivo, co que aceptamos de boa gana o requirimento divino: praebe, fili mi, cor tuum mihi et oculi tui vias meas custodiant19, entrégame, meu fillo, o teu corazón, e espalla a túa mirada polos meus campos de paz.
E pregúntoche agora: como afrontas esta pelexa? Ben coñeces que a loita, se a mantés desde o comezo, xa está vencida. Arrédate inmediatamente do perigo, en canto percibas os primeiros chispazos da paixón, e aínda previamente. Fala ademais axiña con quen dirixa a túa alma; mellor antes, se é posible, porque, se abrides o corazón de par en par, non seredes derrotados. Un acto e outro forman un hábito, unha inclinación, unha facilidade. Por iso hai que batallar para acadar o hábito da virtude, o hábito da mortificación para non rexeitar ao Amor dos Amores.
Meditade o consello de san Paulo a Timoteo: te ipsum cas tum custodi 20, para que tamén esteamos sempre vixiantes, decididos a custodiar ese tesouro que Deus nos entregou. Ao longo da miña vida, a cantas persoas oín exclamar: Ai, se rompese no comezo! E dicíano cheas de aflición e de vergonza.
Todo o corazón entregado
Necesito lembrarvos que non encontraredes a felicidade fóra das vosas obrigas cristiás. Se as abandonarades, quedaríavos un remordemento salvaxe, e seriades uns desgraciados. Ata as cousas máis correntes que traen un chisco de felicidade, e que son lícitas, poden virar entón amargas coma o fel, agres coma o vinagre, repugnantes coma o acebre.
Cada un de vós, e eu tamén, confiamos a Xesús: ¡Señor, que eu me propoño loitar e sei que Ti non perdes batallas; e comprendo que se algunha vez as perdo, é porque me arredei de Ti! Lévame da túa man, non te fíes de min, non me soltes!
Pensaredes: Padre, se son tan feliz! Se amo a Xesucristo! Se, aínda que son de barro, desexo chegar á santidade coa axuda de Deus e da súa Santísima Nai! Non o dubido; unicamente prevéñoche con estas exhortacións por se acaso, por se puidese aparecer unha dificultade.
Ao tempo, heiche de repetir que a existencia do cristián — a túa e a miña— é de Amor. Este corazón noso naceu para amar. E cando non se lle dá un afecto puro, limpo e nobre, víngase e asolágase de miseria. O verdadeiro amor de Deus — limpeza de vida polo tanto— atópase igualmente lonxe da sensualidade que da insensibilidade, de calquera sentimentalismo como da ausencia ou dureza de corazón.
É unha magoa non ter corazón. Son uns desventurados os que non aprenderon nunca a amar con tenrura. Os cristiáns estamos namorados do Amor: o Señor non nos quere secos, tensos, como unha materia inerte. Quérenos impregnados do seu agarimo! O que por Deus renuncia a un amor humano non é un solteirón, ao xeito desas persoas apesaradas, infelices e apoucadas, porque desprezaron a xenerosidade de amar limpamente.
Amor humano e castidade
Para manter o trato co meu Señor, téñovolo explicado frecuentemente, servíronme tamén —non me importa que se saiba— esas cancións populares, que se refiren case sempre ao amor: gústanme de veras. A min e a algún de vós, o Señor escolleunos totalmente para El; e trasladamos ao divino ese amor nobre das coplas humanas. Faino o Espírito Santo no Cantar dos Cantares; e fixérono os grandes místicos de todos os tempos.
Reparade nestes versos da Santa de Ávila: «Se queredes que estea folgando, / quero por amor folgar; / se me mandades traballar, / morrer quero traballando. / Dicide onde, como e cando? / Dicide, doce Amor, dicide: / Que mandades facer de min?»21. Ou aquela cantiga de san Xoán da Cruz, que comeza dun xeito encantador: «Un pastoriño senlleiro está magoado, / alleo de pracer e de contento, / e na súa pastora posto o pensamento / e o peito de amor moi lacerado»22.
O amor humano, cando é limpo, prodúceme un inmenso respecto, unha veneración indicible. Como non imos estimar eses agarimos santos, nobres, dos nosos pais, aos que debemos unha grande parte da nosa amizade con Deus? Eu bendigo ese amor coas dúas mans; e cando me teñen preguntado porque digo coas dúas mans, a miña resposta inmediata foi: porque non teño catro!
Bendito sexa o amor humano! Pero a min o Señor pediume máis. E, isto afírmao a teoloxía católica, entregarse por amor ao Reino dos ceos só a Xesús e, por Xesús, a todos os homes, é algo máis sublime que o amor matrimonial, aínda que o matrimonio sexa un sacramento e sacramentum magnum23.
Mais, en calquera caso, cadaquén no seu sitio, coa vocación que Deus lle infundiu na alma —solteiro, casado, viúvo, sacerdote— ten que se esforzar en vivir delicadamente a castidade, que é virtude para todos e de todos esixe loita, delicadeza, primor, afouteza, esa fineza que só se entende cando nos colocamos a carón do Corazón namorado de Cristo na Cruz. Non vos preocupedes se nalgún momento sentides a tentación que vos axexa. Unha cousa é sentir, e outra consentir. A tentación pódese rexeitar facilmente coa axuda de Deus. O que non cómpre de ningún xeito é dialogar.
Os medios para vencer
Vexamos con que recursos contamos sempre os cristiáns para vencer nesta loita por gardar a castidade: non como anxos, senón como mulleres e homes sans, fortes, normais! Venero con toda a miña alma os anxos, úneme a ese exército de Deus unha grande devoción; pero compararnos con eles non me gusta, porque os anxos teñen unha natureza distinta da nosa, e esa equiparación suporía unha desorde.
En moitos ambientes xeneralizouse un clima de sensualidade que, unido á confusión doutrinal, leva a tantos a xustificar calquera aberración ou, polo menos, a demostrar a tolerancia máis indiferente por todo tipo de costumes licenciosos.
Temos que ser o máis limpos que poidamos, con respecto ao corpo, sen medo, porque o sexo é algo santo e nobre — participación no poder creador de Deus—, feito para o matrimonio. E, así, limpos e sen medo, coa vosa conduta daredes o testemuño da posibilidade e da fermosura da santa pureza.
En primeiro termo, empeñarémonos en afinar a nosa conciencia, afondando o necesario ata ter a seguridade de adquirirmos unha boa formación, distinguindo ben entre a conciencia delicada —auténtica graza de Deus— e a conciencia escrupulosa, que é algo distinto.
Coidade con moito esmero a castidade, e tamén aqueloutras virtudes que forman o seu cortexo —a modestia e o pudor—, que resultan como a súa salvagarda. Non pasedes con lixeireza por riba desas normas que son tan eficaces para conservarse dignos da mirada de Deus: a custodia atenta dos sentidos e do corazón; a valentía —a valentía de ser covarde— para fuxir das ocasións; a frecuencia dos sacramentos, de xeito particular da Confesión sacramental; a sinceridade plena na dirección espiritual persoal; a dor, a contrición, a reparación despois das faltas. E todo unxido cunha tenra devoción a Nosa Señora, para que Ela nos obteña de Deus o don dunha vida santa e limpa.
Se, por desgraza, se cae, hai que se erguer decontado. Coa axuda de Deus, que non faltará cando se poñen os medios, hase de chegar canto antes ao arrepentimento, á sinceridade humilde, á reparación, de xeito que a derrota momentánea se transforme nunha grande vitoria de Xesucristo.
Acostumádevos tamén a levar a loita a puntos que estean afastados dos muros da fortaleza. Non se pode andar a facer equilibrios nas fronteiras do mal: temos que evitar con afouteza o voluntario in causa, temos que rexeitar ata o máis pequeno desamor; temos que fomentar as ansias dun apostolado cristián, continuo e fecundo, que precisa a santa pureza como alicerce e como un dos seus froitos máis característicos. Ademais debemos encher sempre o tempo cun traballo intenso e responsable, buscando a presenza de Deus, porque non debemos esquecer xamais que fomos mercados a grande prezo, e que somos templos do Espírito Santo.
E que outros consellos vos suxiro? Pois os procedementos que utilizaron sempre os cristiáns que pretendían de verdade seguir a Cristo, os mesmos que empregaron aqueles primeiros que percibiron o alentar de Xesús: o trato asiduo co Señor na Eucaristía, a invocación filial á Santísima Virxe, a humildade, a temperanza, a mortificación dos sentidos —«que non compre mirar o que non é lícito desexar», advertía san Gregorio Magno24— e a penitencia.
Dirédesme que todo iso resume, sen máis, a vida cristiá. Certamente, non cabe separar a pureza, que é amor, da esencia da nosa fe, que é caridade, o renovado namorarse de Deus que nos creou, que nos redimiu e que nos colle continuamente da man, aínda que non o advirtamos en multitude de circunstancias. Non pode abandonarnos. Sión dicía: Iavé abandonoume, o Señor esqueceuse de min. Pode a muller esquecerse do froito do seu ventre, non se compadecer do fillo das súas entrañas? Pois aínda que ela se esquecese, Eu nunca te esquecería25. Non vos infunden estas palabras un gozo inmenso?
Adoito afirmar que tres son os puntos que nos enchen de contento na terra e que nos acadan a felicidade eterna do Ceo: unha fidelidade firme, delicada, alegre e indiscutida á fe, á vocación que cada quen recibiu e á pureza. O que se quede amarrado ás silveiras do camiño —a sensualidade, a soberbia...—, quedarase pola súa propia vontade e, se non rectifica, será un desgraciado por terlle dado as costas ao Amor de Cristo.
Volvo a afirmar que todos temos miserias. Mais as nosas miserias non nos deberán mover nunca a nos desentender do Amor de Deus, senón a acollernos a ese Amor, a meternos dentro desa bondade divina, como os guerreiros antigos se metían dentro da súa armadura: aquel ecce ego, quia vocasti me26 — conta comigo, porque me chamaches—, é a nosa defensa. Non temos que nos arredar de Deus, porque descubramos as nosas fraxilidades; temos que atacar as miserias, precisamente porque Deus confía en nós.
Como lograremos superar esas mesquindades? Insisto, pola súa importancia capital: con humildade, e con sinceridade na dirección espiritual e no Sacramento da Penitencia. Ide aos que orientan as vosas almas co corazón aberto; non o pechedes, porque cando se mete o demo mudo, é difícil de sacar.
Perdoade a miña teimosía, mais xulgo imprescindible que se grave a fogo na vosa intelixencia, que a humildade e —a súa consecuencia inmediata— a sinceridade enlazan os outros medios, e móstranse como algo que fundamenta a eficacia para a vitoria. Se o demo mudo se introduce nunha alma, bótao todo a perder; en cambio, cando se chimpa fóra inmediatamente, todo sae ben, somos felices, a vida marcha rectamente: sexamos sempre salvaxemente sinceros, pero con prudente educación.
Quero que isto quede claro; a min non me preocupan tanto o corazón e a carne, como a soberbia. Humildes. Cando pensedes que tedes toda a razón, non tedes razón ningunha. Ide á dirección espiritual coa alma aberta: non a pechedes, porque —repito— se mete o demo mudo, que é difícil de sacar.
Acordádevos daquel pobre endemoñado, que non conseguiron liberar os discípulos; só o Señor obtivo a súa liberdade, con oración e xaxún. Naquela ocasión o Mestre obrou tres milagres: o primeiro, que oíse: porque cando nos domina o demo mudo, a alma négase a oír; o segundo, que falase; e o terceiro, que se fose o diabo.
Contade primeiro o que desexariades que non se soubese. Fóra o demo mudo! Dunha cuestión pequena, dándolle voltas, facedes unha bola grande, como coa neve, e pechádesvos dentro. Por que? Abride a alma! Eu asegúrovos a felicidade, que é fidelidade ao camiño cristián, se sodes sinceros. Claridade, sinxeleza: son disposicións absolutamente necesarias; temos que abrir a alma, de par en par, de xeito que entre o sol de Deus e a claridade do Amor.
Para arredarse da sinceridade total non é preciso sempre unha motivación turbia; ás veces, basta un erro de conciencia. Algunhas persoas formáronse —deformáronse— de tal xeito a conciencia que o seu mutismo, a súa falta de sinxeleza, parécelles unha cousa recta: pensan que é bo calar. Sucede incluso con almas que recibiron unha excelente preparación, que coñecen as cousas de Deus; quizais por iso atopan motivos para convencerse de que cómpre calar. Pero están enganados. A sinceridade é necesaria sempre; non valen escusas, aínda que parezan boas.
Rematamos este tempo de conversa, no que ti e mais eu fixemos a nosa oración ao Noso Pai, pregándolle que nos conceda a graza de vivir esa afirmación gozosa da virtude cristiá da castidade.
Pedímosllo por intercesión de Santa María, que é a pureza inmaculada. Acudimos a Ela —tota pulchra!—, cun consello que eu daba, xa hai moitos anos, aos que se sentían inquedos na súa loita diaria por seren humildes, limpos, sinceros, ledos, xenerosos. Todos os pecados da túa vida parece que se puxesen de pé. Non desconfíes. Pola contra, chama a túa Nai Santa María, con fe e abandono de neno. Ela traerá o acougo á túa alma27.
Mt XI, 29.
1 Cor II, 14.
Mt V, 8.
San Xoán Crisóstomo. In Matthaeum homiliae, 15, 4 (PG 57, 227).
Cfr. Mt XI, 18.
Cfr. Mt IX, 11.
Cfr. Lc XIX, 7.
Mt XIII, 55.
Ioh IV, 6.
Símbolo Quicumque.
Ioh IV, 27.
Oríxenes, In Lucam homiliae, XXI (PG 13, 1856).
1 Cor VI, 15, 19-20.
Santa Tareixa de Xesús, Vuestra soy, para Vos nací. Poesías, 5, 9.
San Xoán da Cruz, Otras canciones a lo divino de Cristo y el alma. Poesías, 10.
Eph V, 32.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/porque-veran-a-deus/ (14-12-2025)