TRABALLO DE DEUS

Homilía pronunciada o 6-II-1960

Comezar é de moitos; rematar, de poucos, e entre eses poucos temos que estar os que nos procuramos comportar como fillos de Deus. Non o esquezades: só as tarefas terminadas con amor, ben acabadas, merecen aquel aplauso do Señor, que se le na Sagrada Escritura: mellor é a fin da obra que o seu prin-cipio1.

Quizais me oístes xa noutras charlas esta anécdota; de todos os xeitos, interésame recordárvola de novo porque é moi gráfica, instrutiva. Nunha ocasión, buscaba eu no ritual romano a fórmula para bendicir a última pedra dun edificio, a importan-te, xa que recolle, como un símbolo, o traballo duro, esforzado e perseverante de moitas persoas, perante longos anos. Levei unha sorpresa cando vin que non existía; era necesario conformarse cunha bendictio ad omnia, cunha bendición xenérica. Confésovos que me parecía imposible que se dese esa lagoa, e fun repasando de vagar, pero inutilmente, o índice do ritual.

Moitos cristiáns perderon o convencemento de que a integridade da Vida, reclamada polo Señor aos seus fillos, esixe un auténtico coidado en realizar as súas propias tarefas; que teñen que santificar, descendendo ata os pormenores máis miúdos.

Non podemos ofrecerlle ao Señor algo que, dentro das pobres limitacións humanas, non sexa perfecto, sen tacha, efectuado atentamente tamén nos máis mínimos detalles: Deus non acepta as trapalladas. Non presentaredes nada defectuoso, amoéstanos a Escritura Santa, pois non sería digno del 2. Por iso, o traballo de cada un, ese labor que ocupa as nosas xornadas e as nosas enerxías, ha ser unha ofrenda digna para o Creador, operatio Dei, traballo de Deus e para Deus: nunha palabra un quefacer cumprido, impecable.

Se vos fixades, entre as moitas loanzas que dirixiron a Xesús os que contemplaron a súa vida, hai unha que dalgún xeito comprende todas. Refírome a aquela exclamación, inzada de xestos de asombro e de entusiasmo, que espontaneamente repetía a multitude ao presenciar atónita os seus milagres: bene omnia fecit3, todo o fixo admirablemente ben: os grandes prodixios, e as cousa miúdas, cotiás, que a ninguén abraiaron, pero que Cristo realizou coa plenitude de quen é perfectus Deusper fectus homo4, perfecto Deus e home perfecto.

Toda a vida do Señor namórame. Teño, ademais unha debilidade particular polos seus trinta anos de existencia oculta en Belén, en Exipto e en Nazaret. Ese tempo —longo—, do que apenas se fala no Evanxeo, aparece desprovisto de significado propio aos ollos de quen o considera con superficialidade. E, porén, sempre sostiven que ese silencio sobre a biografía do Mestre é ben elocuente, e encerra leccións de marabilla para os cristiáns. Foron anos intensos de traballo e de oración, nos que Xesucristo levou unha vida corrente —coma a nosa, se queremos—, divina e humana á vez; naquel sinxelo e ignorado obradoiro de artesán, como despois perante a multitude todo o cumpriu á perfección.

O traballo, participación do poder divino

Desde o comezo da súa creación, o home —non o invento eu— tivo que traballar. Abonda abrir a Sagrada Biblia polas primeiras páxinas, e alí se le que —antes que entrara o pecado na humanidade e, como consecuencia desa ofensa, a morte e as penalidades e miserias5— Deus formou a Adán con barro da terra, e creou para el e a súa descendencia este mundo tan fermoso, ut operaretur et custodiret illum6, co fin de que o traballase e o custodiase.

Temos que nos convencer, polo tanto, de que o traballo é unha estupenda realidade, que se nos impón como unha lei inexorable á que todos, dun ou doutro xeito, estamos sometidos, aínda que algúns pretendan eximirse. Aprendédeo ben: esta obriga non xurdiu como unha secuela do pecado orixinal, nin se reduce a un achado dos tempos modernos. Trátase dun medio necesario que Deus nos confía aquí na terra, dilatando os nosos días e facéndonos participes do seu poder creador, para que nos gañemos o sustento e simultaneamente recollamos froitos para a vida eterna7:o home nace para traballar, como as aves para voar8.

Dirédesme que pasaron moitos séculos e que moi poucos pensan deste xeito; que a maioría, se acaso, afánase por motivos ben diversos: uns, polos cartos; outros, por manter unha familia, outros, por conseguir unha certa posición social, por desenvolver as súas capacidades, por satisfacer as súas desordenadas paixóns, por contribuír ao progreso social. E, en xeral, enfróntanse coas súas ocupacións como cunha necesidade da que non se poden evadir.

Fronte a esta visión chata, egoísta, rastreira, ti e mais eu temos que lembrarnos e lembrarlles aos demais que somos fillos de Deus, aos que, como a aqueles personaxes da parábola evanxélica, noso Pai dirixiunos idéntica invitación: fillo, vai traballar amiña viña9. Asegúrovos que, se nos empeñamos acotío en considerar así as nosas obrigas persoais, coma un requirimento divino, aprenderemos a rematar a tarefa coa maior perfección humana e sobrenatural de que sexamos capaces. Poida que nalgunha ocasión nos rebelemos —coma o fillo ma ior que respondeu: non quero10—, pero saberemos reaccionar, arrepentidos, e dedicarémonos con maior esforzo ao cumprimento do deber.

«Se a soa presenza dunha persoa de categoría, digna de consideración, abonda para que se comporten mellor os que están diante, como é que na presenza de Deus, constante, difundida por todos os recunchos, coñecida polas nosas potencias e amada gratamente, non nos fai sempre mellores en todas as nosas palabras, actividades e sentimentos?»11. Verdadeiramente, se esta realidade de que Deus nos ve estivese ben gravada nas nosas conciencias, e nos désemos conta de que todo o noso labor, absolutamente todo —non hai nada que escape á súa mirada— se desenvolve na súa presenza, con que coidado terminariamos as cousas ou que distintas serían as nosas reaccións! E este é o segredo da santidade que veño predicando desde hai tantos anos: Deus chamounos a todos para que o imitemos; e a vós e a min para que, vivindo no medio do mundo —sendo persoas da rúa!—, saibamos colocar a Cristo Noso Señor no cume de todas as actividade humanas honestas.

Agora comprenderedes aínda mellor que se alguén de vós non amase o traballo, o que lle corresponde!, se non se sentise autenticamente comprometido nunha das nobres ocupacións terreas para santificala, se carecese dunha vocación profesional, non chegaría xamais a calar no cerne sobrenatural da doutrina que expón este sacerdote, precisamente porque lle faltaría unha condición indispensable: a de ser un traballador.

Advírtovos, e non hai presunción da miña parte, que deseguida me decato de se esta conversación miña cae en saco roto ou esvara por riba do que me escoita. Deixádeme que vos abra o meu corazón, para que me axudedes a dar grazas a Deus. Cando no 1928 vin o que o Señor quería de min, inmediatamente comecei o labor. Naqueles anos —grazas, meu Deus, porque houbo moito que sufrir e moito que amar!—, tomáronme por tolo; outros, nun alarde de comprensión, chamábanme soñador, pero soñador de soños imposibles. Malia todo, e da miña propia miseria, continuei sen desanimarme; como aquilo non era meu, foise abrindo camiño no medio das dificultades, e hoxe é unha realidade estendida pola terra enteira, de polo a polo, que parece tan natural á maioría porque o Señor se encargou de que se recoñecese como cousa súa.

Dicíavos que, apenas cruzo dúas palabras cunha persoa, decátome de se entende ou non. Non me pasa como á galiña choca que está cubrindo a niñada, e unha man allea endósalle un ovo de parrula. Transcorren os días, e só cando os pitos rompen a casca, e ve corricar aquel cacho de la, polos seus andares desleixados —unha zanca aquí e outra acolá— advirte que ese non é dos seus; que non aprenderá nunca a piar, por máis que se empeñe. Nunca maltratei a ninguén que me volvese as costas, nin sequera cando aos meus desexos de axudar me pagaron cun descaro. Por iso, alá polo ano 1939, chamoume a atención un letreiro que atopei nun edificio, no que daba un curso de retiro a uns universitarios. Rezaba así: cada camiñante siga o seu camiño; era un consello aproveitable.

Perdoádeme esta digresión e, aínda que non nos apartamos do tema, volvamos ao fío condutor. Convencédevos de que a vocación profesional é parte esencial, inseparable, da nosa condición de cristiáns. O Señor quérevos santos no lugar onde estades, no oficio que elixistes polos motivos que sexan: a min, todos me parecen bos e nobres —mentres non se opoñan á lei divina—, e capaces de ser elevados ao plano sobrenatural, é dicir, inxectados nesa corrente de Amor que define a vida dun fillo de Deus.

Non podo evitar certo desacougo cando alguén, ao falar do seu traballo, pon cara de vítima, afirma que lle ocupa non sei cantas horas ao día e en realidade, non desenvolve nin a metade do labor de moitos dos seus compañeiros de profesión que, á fin e ao cabo, quizais só se moven por criterios egoístas ou, polo menos, soamente humanos. Todos os que estamos aquí, mantendo un diálogo persoal con Xesús, desempeñamos unha ocupación ben precisa: médico, avogado, economista... Pensade un pouco nos vosos colegas que destacan polo seu prestixio profesional, pola súa honradez, polo seu servizo abnegado: non dedican moitas horas na xornada —e aínda na noite— a esas tarefas? Non teremos nada que aprender deles?

Mentres falo, eu tamén examino a miña conduta e confésovos que, ao formularme esta pregunta, sinto un pouco de vergoña e o desexo inmediato de pedir perdón a Deus, pensando na miña resposta tan débil, tan afastada da misión que Deus nos confiou no mundo. «Cristo —escribe un Padre da Igrexa— deixounos para que fósemos coma lámpadas; para que nos convertésemos en mestres dos demais; para que actuásemos como lévedo, para que vivísemos como anxos entre os homes, como adultos entre os nenos, como espirituais entre xente soamente racional; para que fósemos semente; para que producísemos froito. Non sería necesario abrir a boca, se a nosa vida resplandecese deste xeito. Sobrarían as palabras, se mostrásemos as obras. Non habería nin un só pagan, se nós fósemos verdadeiramente cristiáns»12.

Valor exemplar da vida profesional

Temos que evitar o erro de considerar que o apostolado se reduce ao testemuño dunhas prácticas piadosas. Ti e mais eu somos cristiáns, pero á vez, sen solución de continuidade, cidadáns e traballadores, cunhas obrigas claras que temos que cumprir dun xeito exemplar, se de veras queremos santificarnos. É Xesucristo o que nos aprema: vós sodes a luz do mundo: non se pode encubrir unha cidade edificada sobre un monte, nin se acende a luz para poñela debaixo dun celamín, senón sobre o candeeiro, co fin de que alume a todos os da casa; brille así a vosa luz diante dos homes, de xeito que miren as vosas boas obras e glorifiquen ao voso Pai que está nosceos13.

O traballo profesional —sexa o que sexa— convértese nun candeeiro que alumea aos vosos colegas e amigos. Por iso adoito repetir aos que se incorporan ao Opus Dei, e a miña afirmación vale para todos os que me escoitades: que me importa que me digan que fulano é un bo fillo meu —un bo cristián—, pero un mal zapateiro! Se non se esforza por aprender ben o seu oficio, ou en executalo con esmero, non poderá santificalo nin ofrecerllo ao Señor; e a santificación do traballo ordinario constitúe coma o gonzo da verdadeira espiritualidade para os que —inmersos nas realidades temporais— estamos decididos a tratar a Deus.

Loitade contra esa excesiva comprensión que cada quen ten de si mesmo: esixídevos! Ás veces pensamos de máis na saúde; no descanso, que non debe faltar, precisamente porque é necesario para volver ao traballo con renovadas forzas. Mais ese descanso —escribín hai xa tantos anos— non é non facer nada: é distraernosen actividades que esixen menos esforzo.

Noutras ocasións, con falsas escusas, somos demasiado cómodos, esquecémonos da bendita responsabilidade que pesa sobre os nosos ombreiros, conformámonos co que abonda para saír do paso, deixámonos levar por razoadas senrazóns para estar man sobre man, mentres Satanás e os seus aliados non se toman vacacións. Escoita con atención, e medita, o que lles escribía san Paulo aos cristiáns que eran por oficio servos: urxíalles para que obedecesen aos seus amos, sen servilos só cando teñen os ollos postos sobre vós, coma se non pensásedes máis que en compracer os homes, senón como servos de Cristo, que fan de corazón a vontade de Deus; e servídeos con amor; facéndovos cargo de que servides o Señor e non os homes14. Que bo consello para que o sigamos ti e mais eu!

Imos pedir luz a Xesucristo Noso Señor, e pregarlle que nos axude a descubrir, en cada instante, ese sentido divino que  transforma a nosa vocación profesional no gonzo sobre o que se fundamenta e xira a nosa chamada á santidade. No Evanxeo atoparedes que Xesús era coñecido como faber, filius Mariae15, o obreiro, o fillo de María: pois tamén nós con orgullo santo, teremos que demostrar con feitos que somos traballadores!, homes é mulleres de labor!

Posto que nos temos que comportar sempre como enviados de Deus, debemos ter moi presente que non lle servimos con lealdade cando abandonamos a nosa tarefa; cando non compartimos cos demais o empeño e a abnegación no cumprimento dos compromisos profesionais; cando nos poidan sinalar como lacazáns, informais, frívolos, desordenados, preguiceiros, inútiles... Porque quen descoida estas obrigas, en aparencia menos importantes, dificilmente vencerá nas outras da vida interior, que certamente son máis custosas. Quen é fiel no pouco, tamén o será no moito,e quen é inxusto no pouco, tamén o será no moito16.

Non estou a falar de ideais imaxinarios. Atéñome a unha realidade moi concreta, de importancia capital, capaz de cambiar o ambiente máis pagán e máis hostil ás exixencias divinas, como aconteceu naquela primeira época da era da nosa salvación. Saboreade estas palabras dun autor anónimo deses tempos, que resume así a grandeza da nosa vocación: os cristiáns «son para o mundo a que a alma para o corpo. Viven no mundo, pero non son mundanos, como a alma está no corpo, pero non é corpórea. Habitan en todas as vilas, como a alma está en todas as partes do corpo. Actúan pola súa vida interior sen se facer notar, como a alma pola súa esencia... Viven como peregrinos entre cousas perecedoiras na esperanza da incorruptibilidade dos ceos, como a alma inmortal vive agora nunha tenda mortal. Multiplícanse de día en día baixo as persecucións, como a alma se embelece mortificándose... E non lles é lícito aos cristiáns abandonar a súa misión no mundo, como á alma non lle está permitido separarse voluntariamente do corpo»17.

Polo tanto, equivocariamos o camiño se nos desentendésemos dos afáns temporais: aí agárdanos tamén o Señor; estade certos de que á través das circunstancias da vida ordinaria, ordenadas ou permitidas pola Providencia na súa sabedoría infinita, os homes temos que nos achegar a Deus. Non lograremos ese fin se non tendemos a rematar ben a nosa tarefa; se non perseveramos no empuxe do traballo comezado con ilusión humana e sobrenatural; se non desempeñamos o noso oficio como o mellor e se é posible —penso que se ti verdadeiramente queres, serao— mellor que o mellor, porque usaremos todos os medios terreos honrados e os espirituais necesarios, para ofrecerlle ao Noso Señor un labor primoroso, acabado, coma unha filigrana, cabal.

Facer do traballo oración

Acostumo dicir con frecuencia que, nestes momentos de conversa con Xesús, que nos ve e nos escoita desde o Sagrario, non podemos caer nunha oración impersoal; e comento que, para meditar de xeito que se instaure axiña un diálogo co Señor —non se precisa o ruído de palabras—, temos que saír do anonimato, poñérmonos na súa presenza tal como somos, sen emboscarnos na multitude que inza a igrexa, nin diluírnos nunha sarta de verborrea oca, que non agroma do corazón, como moito dun costume despoxado de contido.

Pois agora engado que tamén o teu traballo debe ser oración persoal, hase converter nunha grande conversa co Noso Pai que está no Ceo. Se buscas a santificación en e a través da túa actividade profesional, necesariamente terás que te esforzar en que se converta nunha oración sen anonimato. Tampouco estes afáns teus poden caer na escuridade anódina dunha tarefa rutineira, impersoal, porque nese mesmo instante morrería o aliciente divino que anima o teu quefacer cotián.

Véñenme agora á memoria as miñas viaxes ás frontes de batalla durante a guerra civil española. Sen contar con medio humano ningún, acudía onde se atopaba calquera que necesitase do meu labor de sacerdote. Naquelas circunstancias tan peculiares, que quizais daban pé a moitos para xustificar os seus abandonos e os seus desleixos, non me limitaba a suxerir un consello simplemente ascético. Movíame entón a mesma preocupación que sinto agora, e que estou tratando de que o Señor esperte en cada un de vós: interesábame polo ben da súas almas, e tamén pola súa alegría aquí na terra; animábaos a que aproveitasen o tempo con tarefas útiles; a que a guerra non constituíse como unha especie de paréntese pechada na súa vida; pedíalles que non se abandonasen, que fixesen o posible por non converter a trincheira e a garita nunha especie de sala de espera das estacións de ferrocarril de entón, onde a xente mataba o tempo, agardando aqueles trens que parecía que non ían chegar nunca...

Suxeríalles concretamente que se ocupasen nalgunha actividade de proveito —estudar, aprender idiomas, por exemplo— compatible co seu servizo de soldados; aconselláballes que non deixasen nunca de ser homes de Deus e procurasen que toda a súa conduta fose operatio Dei, traballo de Deus. E conmovíame ao comprobar que aqueles mozos, en situacións nada fáciles, respondían marabillosamente: notábase a solidez da súa afouteza interior.

Recordo tamén a tempada da miña estancia en Burgos, durante esa mesma época. Alí acudían tantos, para pasar uns días comigo, nos períodos de permiso, á parte dos que permanecían destacados nos cuarteis da zona. Como vivenda compartía, cuns poucos fillos meus, o mesmo cuarto dun estrangallado hotel e, malia que careciamos do máis imprescindible, organizabámonos de xeito que os que viñan —eran centos!— non lles faltase o necesario para descansar e repor as forzas.

Tiña o costume de saír de paseo pola beira do Arlanzón, mentres conversaba con eles, mentres escoitaba as súas confidencias, mentres trataba de orientalos co consello oportuno que lles confirmase ou lles abrise horizontes novos de vida interior; e sempre, coa axuda de Deus, animábaos, estimulábaos, e acendíaos na súa conduta de cristiáns. Ás veces, as nosas camiñadas levábannos ao mosteiro de Las Huelgas, e noutras ocasións escapabamos ata a Catedral.

Gustábame subir a unha torre, para contemplar de preto o coroamento, un auténtico encaixe de pedra, froito dun labor paciente, custoso. Nesas charlas facíalles notar que aquela marabilla non se vía desde abaixo. E, para materializar o que con repetida frecuencia lles explicara, comentáballes: isto é traballo de Deus, obra de Deus!: rematar a tarefa persoal con perfección, con beleza, co primor desas delicadas blondas de pedra. Comprendían, ante esa realidade que entraba polos ollos, que todo iso era oración, un diálogo fermoso co Señor. Os que gastaron as súas enerxías nesa tarefa, sabían perfectamente que desde as rúas da cidade ninguén apreciaría o seu esforzo: era só para Deus. Entendes como nos pode achegar ao Señor a vocación profesional? Fai ti o mesmo que aqueles canteiros, e o teu traballo será tamén operatio Dei, un labor humano con entrañas e perfís divinos.

66 «Convencidos de que Deus se atopa en toda partes, nós cultivamos as leiras loando ao Señor, sucamos os mares e realizamos todos os demais oficios nosos cantando as súas misericordias»18. Deste xeito estamos unidos a Deus en todo momento. Aínda cando vos atopedes illados, fóra do voso ambiente habitual —como aqueles mozos na trincheira—, viviredes metidos no Señor, á través dese traballo persoal e esforzado, continuo, que saberedes converter en oración, porque o comezastes e rematastes na presenza de Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo.

Pero non me esquezades que estades tamén na presenza dos homes, e que esperan de vós —de ti!— un testemuño cristián. Por iso, na ocupación profesional, no humano, temos que obrar de tal xeito que non poidamos sentir vergoña se nos ve traballar quen nos coñece e nos ama, nin lle deamos motivo para que se arroibe. Se vos conducides de acordo con este espírito que vos procuro aprender, non avergonzaredes a aque-les que confían en vós, nin vos sairán as cores á cara; e tampouco vos sucederá como a aquel home da parábola que se propuxo edificar unha torre: despois de ter botado os cimentos e non podendo concluíla, todos os que o vían comezaban a burlarse del, dicindo: velaí un home que comezou a edificar e non puido rematar19.

Asegúrovos que, se non me perdedes o punto de mira sobrenatural, coroaredes a vosa tarefa, acabaredes a vosa catedral, ata colocar a derradeira pedra.

67 Possumus! 20, podemos vencer esa batalla, coa axuda do Señor. Persuadídevos de que non resulta difícil converter o traballo nun diálogo de oración. Nada máis ofrecelo e poñer mans á obra, Deus xa escoita, xa alenta. Acadamos o estilo das almas contemplativas, no medio do labor cotián! Porque nos invade a certeza de que El nos mira, ao tempo que nos pide un vencemento novo: ese pequeno sacrificio, ese sorriso ante a persoa inoportuna, ese comezar polo quefacer menos agradable pero máis urxente, ese coidar os detalles de orde, con perseveranza no cumprimento do deber cando tan fácil sería abandonalo, ese non deixar para mañá o que temos que rematar hoxe: todo por darlle gusto a El, ao Noso Pai Deus! E quizais sobre a túa mesa, ou nun lugar discreto que non chame a atención, pero que a ti che serva como espertador do espírito contemplativo, colocas o crucifixo, que xa é para a túa alma e para a túa mente o manual onde aprendes as leccións de servizo.

Se te decides —sen rarezas, sen abandonar o mundo, no medio das túas ocupacións habituais— a entrar por estes camiños de contemplación, deseguido sentiraste amigo do Mestre, co divino encargo de abrir os vieiros divinos na terra á humanidade enteira. Abofé, con ese labor teu contribuirás a que se estenda o reinado de Cristo en todos os continentes. E sucederanse, unha tras outra, as horas de traballo ofrecidas polas afastadas nacións que nacen á fe, polos pobos de oriente impedidos barbaramente de profesar con liberdade as súas crenzas, polos países de antiga tradición cristiá onde parece que se escureceu a luz do Evanxeo e se debaten as almas nas sombras da ignorancia... Entón, que valor adquire esa hora de traballo!, ese continuar co mesmo empeño un anaco máis, uns minutos máis, ata rematar a tarefa. Convertes, dun xeito práctico e sinxelo, a contemplación en apostolado, coma unha necesidade imperiosa do corazón, que latexa ao unísono co docísimo e misericordioso Corazón de Xesús, Noso Señor.

Facelo todo por Amor

E como conseguirei —parece que me preguntas— actuar sempre con ese espírito, que me leve a concluír con perfección o meu labor profesional? A resposta non é miña, vén de san Paulo: traballade como homes rexos e alentádevos más e máis: todas as vosascousas fáganse con caridade21. Facédeo todo por Amor e libremente; non deades nunca paso ao medo e a rutina: servide ao Noso Pai Deus.

Gústame moito repetir —porque o teño ben experimentado— aqueles versos de escasa arte, pero moi gráficos: a miña vida é toda de amor / e, se en amor estou sabido / é por forza da dor / que non hai amante mellor / que o que ten moito sufrido. Ocúpate dos teus deberes profesionais por Amor: leva a cabo todo por Amor, insisto, e comprobarás —precisamente porque amas, aínda que saborees a amargura da incomprensión, da inxustiza, do desagradecemento e aínda do mesmo fracaso humano— as marabillas que produce o teu traballo. Froitos saborosos, semente de eternidade!

Sucede, non obstante, que algúns —son bos, bondadosos— aseguran de palabra que aspiran a difundir o ideal fermoso da nosa fe, mais na práctica conténtanse cunha conduta profesio nal lixeira, descoidada: parecen toleiráns. Se tropezamos con estes cristiáns que falan por falar, temos que lles axudar con agarimo e con clareza; e, recorrer, cando sexa necesario, a ese remedio evanxélico da corrección fraterna: se alguén como home que é, caese desgraciadamente nalgunha falta, ao tal instruí-deo con espírito de mansedume, estando atento con un mesmo, para non caer na mesmatentación. Levade uns as cargas dos outros e así cumpriredes a Lei de Cristo22. E, se sobre a súa profesión de católicos engádense outros motivos: máis anos, experiencia ou responsabilidade, entón, con maior razón temos que falar, temos que procurar que reaccionen, para que consigan maior peso na súa vida de traballo, orientándoos como un bo pai, como un mestre, sen humillar.

Remóveme moito meditar devagar o comportamento de san Paulo: ben sabedes vós mesmos o que debedes facer para imitarnos, posto que non andamos desordenadamente entre vós nin comemos de moca o pan á conta de outro, senón que con esforzo e fatiga, traballando noite e día, por non vos ser gravosos a ninguén... Así é que cando andaba entre vós intimabamos isto: quen non queira traballar, que tampouco coma23.

Por amor a Deus, por amor ás almas e por corresponder á nosa vocación de cristiáns, temos que dar exemplo. Para non escandalizar, para non producir nin a sombra da sospeita de que os fillos de Deus son febles ou non serven, para non ser causa de desedificación..., vós tedes que vos esforzar en ofrecer coa vosa conduta a medida xusta, o bo talante dun home responsable. Tanto o campesiño que ara a terra mentres alza decontino o seu corazón a Deus, coma o carpinteiro, o ferreiro, o oficinista, o intelectual —todos os cristiáns— teñen que ser modelo para os seus colegas, sen orgullo, posto que ben claro queda nas nosas almas o convencemento de que unicamente se contamos con El conseguiremos acadar a vitoria: nós, sós, non podemos nin levantar unha palla do chan24. Polo tanto, cadaquén na súa tarefa, no lugar que ocupa na sociedade ha sentir a obriga de facer un traballo de Deus, que semente en todas partes a paz e a ledicia do Señor. «O perfecto cristián leva sempre consigo serenidade e gozo. Serenidade, porque se sente en presenza de Deus; gozo porque se ve arrodeado dos seus dons. Un cristián verdadeiramente é un personaxe real, un sacerdote santo de Deus»25.

Para lograr esta meta, témonos que conducir movidos polo Amor, nunca como o que soporta o peso dun castigo ou unha maldición: todo canto facedes, sexa de palabra ou de obra, facédeo todo no nome do Noso Señor Xesucristo, dando por medio del grazas a Deus Pai 26. E deste xeito rematamos o noso quefacer con perfección, enchendo o tempo, porque seremos instrumentos namorados de Deus, que advirten toda a responsabilidade e toda a confianza que o Señor deposita sobre os seus ombreiros, a pesar da súa propia debilidade. En cada unha das túas actividades, porque contas coa fortaleza de Deus, haste de comportar como quen se move exclusivamente por Amor.

Pero non pechemos os ollos á realidade, conformándonos cunha visión inxenua, superficial, que nos leve a idea de que nos agarda un camiño fácil, e que bastan para percorrelo uns propósitos sinxelos e uns desexos ardentes de servir a Deus. Non o dubidedes: ao longo dos anos, presentaranse —quizais antes do que pensamos— situacións particularmente custosas, que esixirán moito espírito de sacrificio e un maior esquecemento dun mesmo. Fomenta entón a virtude da esperanza e, con audacia, fai teu o berro do Apóstolo: en verdade, estou persuadido de que ossufrimentos da vida presente non son de comparar con aquela gloria vindeira que sevai manifestar en nós27; medita con seguridade e con paz: que será o Amor infinito de Deus vertido sobre esta pobre criatura! Chegou a hora, no medio das túas ocupacións ordinarias, de exercitar a fe, de espertar a esperanza, de avivar o amor; é dicir, de activar as tres virtudes teologais, que nos impulsan a rexeitar enseguida, sen disimulos, sen amaños, sen arrodeos, os equívocos na nosa conduta profesional e na nosa vida interior.

72 Meus amados irmáns —de novo, a voz de san Paulo—, estade firmes e constantes, traballade sempre máis e máis na obra do Señor, xa que sabedes que o voso traballonon quedará sen recompensa diante de Deus28. Vedes? É toda unha trama de virtudes a que se pon en xogo ao desempeñar o noso oficio, co propósito de santificalo: a fortaleza, para perseverar no noso labor, a pesar das naturais dificultades e sen deixarse vencer nunca polo abatemento; a temperanza, para gastarse sen reservas e para superar a comodidade e o egoísmo; a xustiza, para cumprir os nosos deberes con Deus, coa sociedade, coa familia, cos colegas; a prudencia, para saber en cada caso o que é conveniente facer, alanzarnos á obra sen demoras... E todo, insisto, por Amor, co sentido vivo e inmediato da responsabilidade do froito do noso traballo e do seu alcance apostólico.

Obras son amores, e non boas razóns, reza o refrán popular, e penso que non é necesario engadir nada máis.

Señor, concédenos a túa graza. Ábrenos a porta do obradoiro de Nazaret, co fin de que aprendamos a contemplarte a Ti, coa túa Nai Santa María e co Santo Patriarca San Xosé — a quen tanto quero e venero—, dedicados os tres a unha vida de traballo santo. Removeranse os nosos pobres corazóns, buscarémoste e encontrarémoste no labor cotián, que Ti desexas que convertamos en obra de Deus, obra de Amor.

Notas
1

Eccli VII, 9.

2

Lev XXII, 20.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
3

Mc VII, 37.

4

Símbolo Quicumque.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
5

Cfr. Rom V, 12.

6

Gen II, 15.

7

Ioh IV, 36.

8

Job V, 7.

9

Mt XXI, 28.

10

Mt XXI, 29.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
11

Clemente de Alexandría, Stromata, 7, 7, (PG 9, 450-451).

Notas
12

San Xoán Crisóstomo, In Epistolam I ad Timotheum homiliae, 10, 3 (PG 62, 551).

Notas
13

Mt V, 14-16.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
14

Eph VI, 6-7.

15

Mc VI, 3.

16

Lc XVI, 10.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
17

Epistola ad Diognetum, 6, (PG 2, 1175).

Notas
18

Clemente de Alexandría, Stromata, 7, 7 (PG 9, 451).

19

Lc XIV, 29-30.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
20

Mt XX, 22.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
21

1 Cor XVI, 13-14.

Notas
22

Gal VI, 1-2.

23

2 Thes III, 7-10.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
24

Cfr. Ioh XV, 5.

25

Clemente de Alexandría, Stromata, 7, 7 (PG 9, 451).

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
26

Col III, 17.

27

Rom VIII, 18.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
28

1 Cor XV, 58.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma