VIDA DE ORACIÓN

Homilía pronunciada o 4-IV-1955

Sempre que sentimos no noso corazón desexos de mellorar, de responder con xenerosidade ao Señor, e buscamos un guía, un norte claro para a nosa existencia cristiá, o Espírito Santo trae a nosa memoria as palabras do Evanxeo: cómpre orar con perseveranza e non desfalecer1. A oración é o fundamento de todo labor sobrenatural; coa oración somos omnipotentes e, se prescindísemos deste recurso, non acadariamos nada.

Querería que hoxe, na nosa meditación, nos persuadísemos definitivamente da necesidade de dispoñérmonos a ser almas contemplativas, no medio da rúa, do traballo, cunha conversa continua co noso Deus, que non debe decaer ao longo do día. Se pretendemos seguir lealmente os pasos do Mestre, ese é o único camiño.

Volvamos os nosos ollos a Xesucristo, que é o noso modelo, o espello no que nos debemos mirar. De que xeito se comporta, exteriormente tamén, nas grandes ocasións? Que nos di del o Santo Evanxeo? Conmóveme esa disposición habitual de Cristo, que acode ao Pai antes dos grandes milagres; e o seu exemplo, retirándose corenta días e corenta noites ao deserto2, antes de iniciar a súa vida pública, para rezar.

É moi importante —perdoade a miña insistencia— observar os pasos do Mesías, porque El nos veu mostrar a senda que leva ao Pai. Descubriremos, con El, como se pode dar relevo sobrenatural ás actividades aparentemente máis pequenas; aprenderemos a vivir cada instante con vibración de eternidade, e comprenderemos con maior fondura que a criatura necesita eses tempos de conversa íntima con Deus: para tratalo, para invocalo, para loalo, para romper en accións de grazas, para escoitalo ou, sinxelamente, para estar con El.

Hai xa moitos anos, considerando este modo de proceder do meu Señor, cheguei á conclusión de que o apostolado, calquera que sexa, é un desbordar da vida interior. Por iso paréceme tan natural, e tan sobrenatural, esa pasaxe na que se relata como Cristo decidiu escoller definitivamente aos primeiros doce. Conta san Lucas que, antes, pasou toda a noite en oración3. Védeo tamén en Betania, cando se dispón a resucitar a Lázaro, despois de chorar polo amigo; levanta os ollos ao ceo e exclama: Pai, douche grazas porque me oíches4. Esta foi a súa ensinanza precisa: se queremos axudar aos demais, se pretendemos sinceramente empuxalos para que descubran o auténtico sentido do seu destino na terra, é preciso que nos fundamentemos na oración.

Son tantas as escenas nas que Xesucristo fala co seu Pai, que resulta imposible detérmonos en todas. Mais penso que non podemos deixar de considerar as horas, tan intensas, que preceden á súa Paixón e Morte, cando se prepara para consumar o Sacrificio que nos devolverá ao Amor divino. Na intimidade do Cenáculo o seu Corazón rebórdase: diríxese suplicante ao Pai, anuncia a vinda do Espírito Santo, anima aos seus a un continuo fervor de caridade e de fe.

Ese acendido recollemento do Redentor continúa en Xetsemaní, cando percibe que xa é eminente a súa Paixón, coas humillacións e as dores que se achegan, esa Cruz dura, na que colgan aos malfeitores, que El desexou ardentemente. Pai, se é posible arreda de min este cáliz5. E axiña: pero non se faga a miña vontade, senón a túa6. Máis tarde, cosido ao madeiro, só, cos brazos estendidos con xesto de sacerdote eterno, segue mantendo o mesmo diálogo co seu Pai: nas túas mans encomendo o meu espírito7.

Contemplemos agora a súa Nai bendita, Nai nosa tamén. No Calvario, a carón do patíbulo, reza. Non é unha actitude nova de María. Deste xeito conduciuse sempre, cumprindo os seus deberes, ocupándose do seu fogar. Mentres estaba nas cousas da terra, permanecía pendente de Deus. Cristo, perfectus Deus, perfectus homo8, quixo que tamén a súa Nai, a criatura máis excelsa, a chea de graza, nos confirmase nese afán de elevar sempre a mirada ao amor divino. Lembrade a escena da Anunciación: baixa o Arcanxo, para comunicar a divina embaixada —o anuncio de que sería Nai de Deus—, e atópaa retirada en oración. María está enteiramente recollida no Se ñor, cando san Gabriel a saúda: Deus te salve, oh chea de graza!, o Señor está contigo9. Días despois rompe na ledicia do Magnificat —ese canto mariano, que nos transmitiu o Espírito Santo pola delicada fidelidade de san Lucas—, froito do trato habitual da Virxe Santísima con Deus.

Nosa Nai meditou cumpridamente as palabras das mulleres e dos homes santos do Antigo Testamento, que esperaban o Salvador, e os sucesos dos que foron protagonistas. Admirou aquel cúmulo de prodixios, o desbaldir da misericordia de Deus co seu pobo, tantas veces ingrato. Ao considerar esta tenrura do Ceo, incesantemente renovada, brota o afecto do seu Corazón inmaculado: a miña alma glorifica ao Señor, e o meu espírito está transportado de gozo en Deus salvador meu; porque puxo os ollos na baixeza da súa escrava10. Os fillos desta Nai boa, os primeiros cristiáns, aprenderon dela, e tamén nós debemos e podemos aprender.

Nos Feitos dos Apóstolos narrase unha escena que a min me engaiola, porque recolle un exemplo claro, actual sempre: perseveraban todos na ensinanza dos Apóstolos, e na comunicación da fracción do pan, e na oración11. É unha anotación insistente no relato da vida dos primeiros seguidores de Cristo: todos, animados dun mesmo espírito, perseveraban xuntos en oración12. E cando Pedro é apresado por predicar audazmente a verdade, deciden rezar. A Igrexa incesantemente elevaba a súa petición por  el 13.

A oración era daquela, coma hoxe, a única arma, o medio máis poderoso para vender nas batallas da loita interior: hai entre vós alguén que está triste? Que se recolla en oración14. E san Paulo resume: orade sen interrupción15, non vos cansedes nunca de implorar.

Como facer oración

Como facer oración? Atrévome a asegurar, sen temor a equivocarme, que hai moitas, infinitas maneiras de orar, podería dicir. Mais eu querería para todos nós a auténtica oración dos fillos de Deus, non a verborrea dos hipócritas, que han escoitar de Xesús: non todo o que repite: Señor!, Señor!, entrará no reino dos ceos16. Os que se moven pola hipocrisía, poden quizais lograr «o ruído da oración —escribía santo Agostiño— , pero non a súa voz, porque alí falta a vida»17, e está ausente o afán de cumprir a Vontade do Pai. Que o noso clamar Señor! vaia unido ao desexo eficaz de converter en realidade esas mocións interiores, que o Espírito Santo esperta na nosa alma.

Temos que nos esforzar, para que pola nosa parte non quede nin sombra de dobrez. O primeiro requisito para desterrar ese mal que o Señor condena duramente, é procurar conducirse coa disposición clara, habitual e actual, de aversión ao pecado. Rexamente, con sinceridade, temos que sentir —no corazón e na cabeza— horror ao pecado grave. E tamén ten que ser a nosa actitude, fondamente arraigada, de abominar do pecado venial deliberado, desas claudicacións que non nos privan da graza divina, pero debilitan as canles polas que nos chega.

Non me cansei nunca e, coa graza de Deus, nunca me cansarei de falar de oración. Alá polo 1930, cando se achegaban a min, sacerdote novo, persoas de todas as condicións —universitarios, obreiros, sans e enfermos, ricos e pobres, sacerdotes e segrares—, que intentaban acompañar máis de preto ao Señor, aconselláballes sempre: rezade. E se alguén me contestaba: non sei nin tan sequera como empezar, recomendáballe que se puxese na presenza do Señor e lle manifestase a súa inquedanza, o seu desacougo, con esa mesma queixa: Señor, que non sei! E, tantas veces, naquelas humildes confidencias concretábase a intimidade con Cristo, un trato asiduo con El.

Transcorreron moitos anos, e non coñezo outra receita. Se non te consideras preparado, acode a Xesús como acudían os seus discípulos: apréndenos a facer oración!18. Comprobarás como o Espírito Santo axuda a nosa fraqueza, pois non sabendo sequera que temos que pedir nas nosas oracións, nin de que xeito cómpre expresarse, o mesmo Espírito facilita os nosos rogos con xemidos que son inexplicables19, que non se poden contar, porque non existen modos apropiados para describir a súa fondura.

Que firmeza nos debe producir a Palabra divina! Non inventei nada, cando —ao longo do meu ministerio sacerdotal— repetín e repito incansablemente ese consello. Está recollido da Escritura Santa, de aí o aprendín: Señor, que non sei dirixirme a Ti! Señor, apréndenos a orar! E vén toda esa asistencia amorosa —luz, lume, vento impetuoso— do Espírito Santo, que alumea a labarada e a volve capaz de provocar incendios de amor.

Xa entramos por camiños de oración. Como seguir? Non vistes como tantos —elas e eles— parece que falan consigo mesmos, escoitándose compracidos? E unha verborrea case continua, un monólogo que insiste incansablemente nos problemas que lles preocupan, sen poñer os medios para resolvelos, movidos quizais unicamente pola morbosa ilusión de que os compadezan ou de que os admiren. Diríase que non pretenden máis.

Cando de verdade se quere desafogar o corazón, se somos francos e sinxelos, buscaremos o consello das persoas que nos aman, que nos entenden: chárlase co pai, coa nai, coa muller, co marido, co irmán, co amigo. Isto é xa diálogo, malia que con frecuencia non se desexe tanto oír, como falar de vagar, contar o que nos ocorre. Empecemos a conducirnos deste xeito con Deus, seguros de que El nos escoita e nos reponde; e atenderémolo e abriremos a nosa conciencia a unha conversa humilde, para referirlle confiadamente todo o que latexa na nosa cabeza e no noso corazón: alegrías, tristezas, esperanzas, desabores, éxitos, fracasos, e ata os detalles máis miúdos da nosa xornada. Porque teremos comprobado que todo o noso lle interesa ao noso Pai Celestial.

Vencede, se acaso a advertides, a nugalla, o falso criterio de que a oración pode esperar. Non atrasemos xamais esta fonte de graza para mañá. Agora é o tempo oportuno. Deus, que é amoroso espectador do noso día enteiro, preside a nosa íntima pregaria: ti e mais eu —vólvoo a asegurar— temos que nos confiar con El como se confía nun irmán, nun amigo, nun pai. Dille —eu dígollo— que El é toda a Grandeza, toda a Bondade, toda a Misericordia. E engade: por iso quero namorarme de Ti, a pesar do basto das miñas maneiras, destas pobres mans miñas, deturpadas e maltratadas polo po dos vieiros da terra.

Deste xeito, case sen nos decatar, avanzaremos con pisadas divinas, rexas e vigorosas, nas que se saborea o íntimo convencemento de que xunto ao Señor tamén son gustosos a dor, a abnegación, os sufrimentos. Que fortaleza, para un fillo de Deus, saberse tan preto do seu Pai! Por iso, suceda o que suceda, estou firme, seguro contigo, Señor e Pai meu, que es a rocha e a fortaleza20.

Para algúns, todo isto quizais resulta familiar; para outros, novo; para todos, arduo. Pero eu, mentres teña folgos, non deixarei de predicar a necesidade primordial de ser alma de oración ¡sempre!, en calquera ocasión e nas circunstancias máis dispares, porque Deus non nos abandona nunca. Non é cristián pensar na amizade divina exclusivamente como nun recurso extremo. Pódenos parecer normal ignorar ou desprezar as persoas que amamos? Evidentemente, non. Aos que amamos van constantemente as palabras, os desexos, os pensa-mentos: hai como unha continua presenza. Pois deste xeito con Deus.

Con esta procura do Señor, toda a nosa xornada convértese nunha soa íntima e confiada conversa. Afirmeino e escribino tantas veces, mais non me importa repetilo, porque o Noso Señor nos fai ver —co seu exemplo— que ese é o comportamento axeitado: oración constante, da mañá á noite e da noite á mañá. Cando sae con facilidade: grazas, meu Deus! Cando chega o momento difícil: Señor, non me abandones! E ese Deus, manso e humilde de corazón21, non esquecerá os nosos rogos, nin permanecerá indiferente, porque El afirmou: pedide e darásevos, buscade e atoparedes, chamade e abrirásevos22.

Procuremos, polo tanto, non perder xamais o punto de mira sobrenatural, vendo detrás de cada acontecemento a Deus: ante o agradable e o desagradable, ante o consolo... e ante o desconsolo pola morte dun ser querido. Primeiro de todo, a charla co teu Pai Deus, buscando ao Señor no centro da túa alma. Non é cousa que se poida considerar como pequenez, de pouca monta: é manifestación clara de vida interior constante, de auténtico diálogo de amor. Unha práctica que non nos vai producir ningunha deformación psicolóxica, porque —para un cristián— debe resultar tan natural como o latexar do corazón.

Oracións vocais e oración mental

Neste entretecido, neste actuar da fe cristiá engárzanse, como xoias, as oracións vocais. Son fórmulas divinas: Noso Pai..., Deus te salve, María..., Gloria ao Pai, e ao Fillo e ao Espírito Santo. Esa coroa de loanzas a Deus e a Nosa Nai que é o Santo Rosario, e tantas, tantas aclamacións cheas de piedade que os nosos irmáns cristiáns recitaron desde o principio.

Santo Agostiño, comentando un versículo do Salmo 85 — Señor, ten piedade de min, porque todo o día clamei a ti, non un día só—, escribe: «por todo o día entende todo o tempo, sen cesar... Un só home chega ata a fin do mundo; pois claman os idénticos membros de Cristo, algúns xa descansan nel, outros invócano actualmente e outros implorarán cando nós teñamos morto, e despois deles seguirán outros suplicando»23. Non vos emociona a posibilidade de participar nesta homenaxe ao Creador, que se perpetúa nos séculos? Que grande é o home, cando se recoñece criatura predilecta de Deus e acode a El, tota die, en cada instante da súa peregrinación terrea!

Que non falten na nosa xornada uns momentos dedicados especialmente a frecuentar a Deus, elevando cara El o noso pensamento, sen que as palabras teñan necesidade de se asomar aos beizos, porque cantan no corazón. Dediquemos a esta norma de piedade un tempo suficiente; a hora fixa, se é posible. A carón do Sagrario, acompañando ao que se quedou por Amor. E se non houbese máis remedio, en calquera parte, porque o noso Deus está de modo inefable na nosa alma en graza. Aconséllote, non obstante, que acudas ao oratorio sempre que poidas: e poño empeño en non o chamar capela, para que resalte de modo máis claro que non é un sitio para estar, con gravidade de oficial cerimonia, senón para levantar a mente en recollemento e intimidade ao ceo, co convencemento de que Xesucristo nos ve, nos oe, nos espera e nos preside desde o Tabernáculo, onde está realmente presente escondido nas especies sacramentais.

Cada un de vós, se quere, pode atopar a súa propia canle, para este coloquio con Deus. Non me gusta falar de métodos nin de formas, porque nunca fun amigo de enfaixar a ninguén: procurei animar a todos a achegarse ao Señor, respectando cada alma tal como é, coas súas propias características. Pedídelle que meta os seus designios na nosa vida: non só na cabeza, senón na entraña do corazón e en toda a nosa actividade externa. Asegúrovos que deste xeito aforraredes grande parte dos desgustos e das mágoas do egoísmo, e sentirédesvos con forza para estender o ben ao voso redor. Cantas contrariedades desaparecen, cando interiormente nos colocamos ben próximos a ese noso Deus, que nunca abandona! Renóvase, con distintos matices, ese amor de Xesús polos seus, polos enfermos, polos tolleitos, que pregunta: que che pasa? Pásame... E, axiña, luz ou, polo menos, aceptación e paz.

Ao invitarte a estas confidencias co Mestre refírome especialmente ás túas dificultades persoais, porque a maior parte dos atrancos para a nosa felicidade nacen dunha soberbia máis ou menos agochada. Xulgámonos dun valor excepcional, con calidades extraordinarias; e, cando os demais non o estiman dese xeito, sentímonos humillados. É unha boa ocasión para acudir á oración e para rectificar, coa certeza de que nunca e tarde para cambiar a rota. Mais é moi conveniente iniciar este cambio de rumbo canto antes.

Na oración a soberbia, coa axuda da graza, pódese transformar en humildade. E brota a verdadeira ledicia na alma, malia que notemos aínda o barro das ás, o lodo da pobre miseria, que se está a secar. Despois, coa mortificación, caerá ese barro e poderemos voar moi alto, porque nos será favorable o vento da misericordia de Deus.

Mirade que o Señor suspira por nos conducir a pasos marabillosos, divinos e humanos, que se traducen nunha abnegación feliz, de ledicia con dor, de esquecemento de si mesmo. Se alguén quere vir após de min, néguese a si mesmo24. Un consello que escoitamos todos. Temos que nos decidir a seguilo de verdade: que o Señor se poida servir de nós para que, me-tidos en todas as encrucilladas do mundo —estando nós metidos en Deus—, sexamos sal, lévedo, luz. Ti, en Deus, para alumar, para dar sabor, para acrecentar, para fermentar.

Pero non me esquezades que non creamos nós esa luz: unicamente a reflectimos. Non somos nós os que salvamos ás almas, empuxándoas a obrar o ben: somos tan só un instrumento, máis ou menos digno, para os designios salvadores de Deus. Se algunha vez pensásemos que o ben que facemos é obra nosa, volvería a soberbia, aínda máis retorcida; o sal per dería o sabor, o lévedo podrecería, a luz converteríase en tebras.

Un personaxe máis

Cando, nestes trinta anos de sacerdocio, insistín tenazmente na necesidade da oración, na posibilidade de converter a existencia nun clamor incesante, algunha persoas preguntáronme: pero, é posible conducirse sempre así? Éo. Esa unión co Noso Señor non nos arreda do mundo, non nos transforma en seres estraños, alleos ao decorrer dos tempos.

Se Deus nos creou, se nos redimiu, se nos ama ata o pun-to de entregar por nós o seu Fillo unixénito25, se nos espera — cada día!— como esperaba aquel pai da parábola o seu fillo pródigo26, como non vai desexar que o tratemos agarimosamente? Estraño sería non falar con Deus, arredarse del, esquecelo, desenvolverse en actividades alleas a eses toques ininterrompidos da graza.

Ademais, querería que vos fixásedes en que ninguén escapa ao mimetismo. Os homes, ata inconscientemente, móvense nun continuo afán de imitarse uns a outros. E nós, abandonaremos a invitación de imitar a Xesús? Cada individuo esfórzase, pouco a pouco, por identificarse co que lle atrae, co modelo que escolleu para o seu propio talante. Segundo o ideal que cada un se forxa, así resulta o seu xeito de proceder. O Noso Mestre é Cristo: o Fillo de Deus, a Segunda Persoa da Trindade Beatísima. Imitando a Cristo, acadaremos a marabillosa posibilidade de participar nesa corrente de amor, que é o misterio do Deus Un e Trino.

Se en ocasións non vos sentides con forzas para seguir as pegadas de Xesucristo, cambiade palabras de amizade cos que o coñeceron de preto mentres permaneceu nesta terra nosa. Con María, en primeiro lugar, que o trouxo para nós. Cos Apóstolos. Varios xentís achegáronse a Filipe, natural de Betsaida, en Galilea, e fixéronlle esta súplica: desexamos ver a Xesús. Filipe foi e díxollo a Andrés, e Andrés e Filipe xuntos dixéronllo a Xesús27. Non é certo que isto nos anima? Aqueles estranxeiros non se atreven a presentarse ao Mestre, e buscan un bo intercesor.

Pensas que os teus pecados son moitos, que o Señor non te poderá oír? Non é así, porque ten entrañas de misericordia. Se, a pesar desta marabillosa verdade, percibes a túa miseria, móstrate coma o publicano28: Señor, aquí estou, ti verás! E observade o que nos conta san Mateu, cando a Xesús lle poñen diante un paralítico. Aquel enfermo non comenta nada: só está alí, na presenza de Deus. E Cristo, removido por esa contrición, por esa dor do que sabe que non merece nada, non tarda en reaccionar coa súa misericordia habitual: ten confianza, que che son perdoados os teus pecados29.

Eu aconsélloche que, na túa oración, interveñas nas pasaxes do Evanxeo, como un personaxe máis. Primeiro imaxínaste a escena ou o misterio, que che servirá para recollerte e meditar. Despois aplicas o entendemento, para considerar aquel trazo da vida do Mestre: o seu Corazón entenrecido, a súa humildade, a súa pureza, o seu cumprimento da Vontade do Pai. Logo cóntalle o que a ti che adoita suceder nestas cousas, o que che pasa, o que che está sucedendo. Permanece atento, porque quizais el che quererá indicar algo: e xurdirán esas mocións interiores, ese caer na conta, esas reconvencións.

Para lle dar canle á oración adoito —quizais poida axudarlle tamén a algún de vós— a materializar ata o máis espiritual. O Noso Señor utilizaba ese procedemento: gustáballe ensinar con parábolas, sacadas do ambiente que o arrodeaba: do pastor e das ovellas, da vide e dos cotóns, de barcas e de redes, da semente que o sementador bota ao chou...

Na nosa alma caeu a Palabra de Deus. Que clase de terra lle temos preparado? Son abondosas as pedras? Está inzada de silvas? É quizais un lugar demasiado pisado por andaduras soa-mente humanas, pequenas, sen brío? Señor, que a miña parcela sexa terra boa, fértil, exposta xenerosamente á chuvia e ao sol; que arraigue a túa semente; que produza espigas repletas de gran, trigo bo.

Eu son a vide e vós os cotóns30. Chegou setembro e están as cepas cheas de cotóns longos, delgados, flexibles e nodosos, ateigados de froito, listo xa para a vendima. Mirádeos repletos, porque participan do vizo do tronco: só deste xeito se puideron converter en polpa doce e madura, que encherá de alegría a vista e o corazón da xente31, aqueles minúsculos gromos de hai uns meses. No chan quedan quizais uns garabullos soltos, medio soterrados. Eran tamén cotóns, pero secos, agostados. Son o símbolo máis gráfico da esterilidade. Porque sen Min non podedes facer nada32.

O tesouro. Imaxinade o gozo inmenso do afortunado que o atopa. Rematáronse as estreiteces, as angustias. Vende todo o que posúe e compra aquel campo. Todo o seu corazón la texa alí: onde agocha a súa riqueza33. O noso tesouro é Cristo; non nos debe importar botar pola borda todo o que sexa atranco, para poder seguilo. E a barca, sen ese lastre inútil, navegará dereitamente cara ao porto seguro do Amor de Deus.

Hai mil maneiras de orar, dígovolo de novo. Os fillos de Deus non necesitan un método, cuadriculado e artificial, para dirixirse a seu Pai. O amor é inventivo, industrioso; se amamos, saberemos descubrir camiños persoais, íntimos, que nos leven a ese diálogo continuo co Señor.

Queira Deus que, todo o que temos contemplado hoxe, non atravese por riba da nosa alma como unha treboada de verán: catro pingas, logo o sol, e a seca de novo. Esta auga de Deus ten que se encorar, chegar ás raíces e dar froito de virtudes. Así irán transcorrendo os nosos anos —días de traballo e de oración—, na presenza do Pai. Se fraqueamos, acudiremos ao amor de Santa María, Mestra de oración; e a san Xosé, Pai e Señor Noso, a quen veneramos tanto, que é quen máis intimamente tratou neste mundo á Nai de Deus e —despois de Santa María— ao seu Fillo Divino. E eles presentarán a nosa debilidade a Xesús, para que El a converta en fortaleza.

Notas
1

Lc XVIII, 1.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
2

Cfr. Mt IV, 2.

3

Lc VI, 12.

4

Ioh XI, 41.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
5

Lc XXII, 42.

6

Lc XXII, 42.

7

Lc XXIII, 46.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
8

Símbolo Quicumque.

9

Lc I, 28.

10

Lc I, 46-48.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
11

Act II, 42.

12

Act I, 14.

13

Act XII, 5.

14

Iac V, 13.

15

1 Thes V, 17.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
16

Mt VII, 21.

17

Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 139, 10 (PL 37, 1809).

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
18

Lc XI, 1.

19

Rom VIII, 26.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
20

Cfr. 2 Sam XXII, 2.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
21

Mt XI, 29.

22

Lc XI, 9.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
23

Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 85, 5 (PL 37, 1085).

Notas
24

Mt XVI, 24.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
25

Cfr. Ioh III, 16.

26

Cfr. Lc XV, 11-32.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
27

Ioh XII, 20-22.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
28

Cfr. Lc XVIII, 13.

29

Mt IX, 2.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
30

Ioh XV, 5.

31

Cfr. Ps CIII, 15.

32

Ioh XV, 5.

33

Cfr. Mt VI, 21.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma