VIRTUDES HUMANAS

Homilía pronunciada o 6-IX-1941

Cóntao san Lucas, no capítulo sétimo: rogoulle uns dos fariseos que fose xantarcon el. E entrando na casa do fariseo, púxose á mesa1. Chega entón unha muller da cidade, coñecida publicamente como pecadora, e achégase para lavarlle os pés a Xesús, que segundo a usanza da época come recostado. As bágoas son a auga deste conmovedor lavatorio; o pano que seca, os cabelos. Con bálsamo traído nun rico vaso de alabastro, unxe os pés do Mestre. E bícaos.

O fariseo pensa mal. Non lle entra na cabeza que Xesús albergue tanta misericordia no seu corazón. Se este fose un profeta —imaxina—, sabería quen é e que tal é esta muller2. Xesús le os seus pensamentos, e declara: ves a esta muller? Eu entrei na túa casa e non me deches auga con que lavar os meus pés; e esta bañounos coas súas lágrimas e enxugounos cos seus cabelos. Ti non me deches o ósculo, e esta desde que chegou, non cesou de bicar os meus pés. Ti non unxiches con óleo a miña cabeza, e esta sobre os meus pés derramou perfumes. Polo tanto, dígoche: que lle son perdoados moitos pecados, porque amou moito3.

Non nos podemos deter agora nas divinas marabillas do Corazón misericordioso do Noso Señor. Ímonos fixar noutro aspecto da escena: en como Xesús bota de menos todos eses detalles de cortesía e delicadeza humanas, que o fariseo non foi quen de lle manifestar. Cristo é perfectus Deus, perfectus homo4, Deus, Segunda Persoa da Trindade Beatísima, e home perfecto. Trae a salvación e non a destrución da natureza; e aprendemos del que non é cristián comportarse mal co home, criatura de Deus, feito á súa imaxe e semellanza5.

Virtudes humanas

Certa mentalidade laicista e outra maneiras de pensar que poderiamos chamar pietistas, coinciden en non considerar ao cristián como a un home enteiro e pleno. Para os primeiros, as esixencias do Evanxeo sufocarían as calidades humanas; para os outros, a natureza caída poría en perigo a pureza da fe. O resultado é o mesmo: descoñecer a fondura da Encarnación de Cristo, ignorar que o Verbo fíxose carne, home, e habitou no medio de nós6.

A miña experiencia de home, de cristián e de sacerdote ensíname todo o contrario: non existe corazón, por metido que estea no pecado, que non agoche, como o rescaldo entre as cinzas, un lume de nobreza. E cando golpeei neses corazóns, a soas e coa palabra de Cristo, responderon sempre.

Neste mundo, moitos non tratan a Deus; son criaturas que seica non tiveron a ocasión de escoitar a palabra divina ou que a esqueceron. Mais as súas disposicións son humanamente sinceras, leais, compasivas, honradas. E eu atrévome a afirmar que quen reúne estas condicións está a piques de ser xeneroso con Deus, porque as virtudes humanas compoñen o fundamento das sobrenaturais.

Abofé que non abonda con esa capacidade persoal, ninguén se salva sen a graza de Cristo. Pero se o individuo conserva e cultiva un principio de rectitude, Deus achanzaralle o camiño; e poderá ser santo porque soubo vivir como home de ben.

Observariades, quizais, outros casos, en certo sentido contrapostos: tantos que se din cristiáns —porque foron bautizados e reciben outros Sacramentos—, pero que se mostran desleais, mentireiros, insinceros, soberbios... E caen de golpe. Seme-llan estrelas que brillan un momento no ceo e, de súpeto, precipítanse irremisiblemente.

Se aceptamos a nosa responsabilidade de fillos seus, Deus quérenos moi humanos. Que a cabeza toque o ceo, pero que as plantas pisen ben seguras na terra. O prezo de vivir en cristián non é deixar de ser homes ou abdicar do esforzo para adquirir esas virtudes que algúns teñen, aínda sen coñecer a Cristo. O prezo de cada cristián é o sangue redentor do Noso Señor, que nos quere —insisto— moi humanos e moi divi-nos, co empeño cotián de imitalo a El, que é perfectus Deus, perfectus homo.

Non sabería determinar cal é a principal virtude humana: depende do punto de vista desde o que se mire. Ademais, a cuestión resulta inútil, porque non consiste en practicar unha ou unhas cantas virtudes: é preciso loitar por adquirilas e practicalas todas. Cada unha entrelázase coas demais, e dese xeito, o esforzo por ser sinceros, fainos xustos, alegres, prudentes, serenos.

Tampouco me acaban de convencer esas formas de discorrer, que distinguen as virtudes persoais das virtudes sociais. Non cabe virtude ningunha que poida facilitar o egoísmo; cada unha redunda necesariamente en ben da nosa alma e das almas dos que nos arrodean. Homes todos, e todos fillos de Deus, non podemos concibir a nosa vida como unha afanosa preparación dun brillante currículo, dunha lucida carreira. Todos temos que nos sentir solidarios e, na orde da graza, es tamos unidos polos lazos sobrenaturais da Comuñón dos Santos.

Simultaneamente, temos que considerar que a decisión e a responsabilidade están na liberdade persoal de cada quen, e por iso as virtudes son tamén radicalmente persoais, da persoa. Non obstante, nesta batalla de amor ninguén pelexa só —ninguén é un verso solto, acostumo repetir—: dalgún xeito, axudámonos ou prexudicámonos. Todos somos aneis dunha mesma cadea. Pide agora comigo, a Deus Noso Señor, que esa cadea nos ancore ao seu Corazón, ata que chegue o día de contemplalo cara a cara no Ceo para sempre.

Fortaleza, serenidade, paciencia, magnanimidade

Imos considerar algunhas destas virtudes humanas. Mentres eu fale, vós, pola vosa conta, mantede o diálogo co Noso Señor: rogádelle que nos axude a todos, que nos anime a profundar hoxe no misterio da súa Encarnación, para que tamén nós, na nosa carne, saibamos ser entre os homes testemuño vivo do que veu para salvarnos.

O camiño do cristián, o de calquera home, non é fácil. Certamente, en determinadas épocas, parece que todo se cumpre segundo as nosas previsións; mais isto habitualmente dura pouco. Vivir é enfrontarse con dificultades, sentir no corazón ledicias e desabores; e nesta fragua o home pode adquirir fortaleza, paciencia, magnanimidade, serenidade.

É forte o que persevera no cumprimento do que entende que debe facer, segundo a súa conciencia; o que non mide o valor dunha tarefa exclusivamente polos beneficios que recibe, senón polo servizo que presta aos demais. O forte, ás veces, sofre pero resiste; chora, quizais, pero bebe as súas bagoas. Cando a contradición se acrecenta, non se dobra. Lembrade o exemplo que nos narra o libro dos Macabeos: aquel ancián, Eliazar, que prefire morrer antes que quebrantar a lei de Deus. Animosamente entregarei a vida e mostrareime digno da miña vellez, deixando aos novos un exemplo nobre, para morrer valente e xenerosamente polas nosas venerables e santas leis7.

O que sabe ser forte non se move pola présa de cobrar o froito da súa virtude; é paciente. A fortaleza condúcenos a saborear esa virtude humana e divina da paciencia. «Mediante a vosa paciencia, posuiredes as vosas almas (Lc XXI, 19). A posesión da alma está posta na paciencia que, en efecto, é raíz e custodia de todas as virtudes. Nós posuímos a alma coa paciencia porque, aprendendo a dominarnos a nós mesmos, comezamos a posuír aquilo que somos»8. E esta paciencia é a que nos impulsa a ser comprensivos cos demais, persuadidos de que as almas, coma o bo viño, melloran co tempo.

Fortes e pacientes: serenos. Pero non coa serenidade do que merca a propia tranquilidade a forza de desinteresarse dos seus irmáns ou da grande tarefa, que a todos corresponde, de difundir sen taxa o ben polo mundo enteiro. Serenos porque sempre hai perdón, porque todo encontra remedio, menos a morte e, para os fillos de Deus a morte é vida. Serenos, aínda que só fose para poder actuar con intelixencia: quen conserva a calma está en condicións de pensar, de estudar os pros e os contras, de examinar con bo xuízo os resultados das accións previstas. E despois, sosegadamente, intervén con decisión.

Estamos enumerando ás présas algunhas virtudes humanas. Sei que, na vosa oración ao Señor, aflorarán outras moitas. Eu quixera determe agora uns instantes nunha calidade marabillosa: a magnanimidade.

Magnanimidade: ánimo grande, alma ampla na que caben moitos. É a forza que nos dispón a saír de nós mesmos, para preparármonos a emprender obras valiosas, en beneficio de todos. Non aniña a estreiteza no magnánimo; non media a mesquindade, nin o cálculo egoísta, nin a argallada interesada. O magnánimo dedica sen reservas as súas forzas ao que paga a pena; por iso e quen de entregarse el mesmo. Non se conforma con dar: dáse. E logra entender entón a maior mostra de magnanimidade: darse a Deus.

Laboriosidade, dilixencia

Hai dúas virtudes humanas —a laboriosidade e a dilixencia—, que se funden nunha soa: no empeño por sacar partido aos talentos que cada quen recibiu de Deus. Son virtudes porque inducen a rematar as cousas ben. Porque o traballo — véñoo predicando desde o 1928— non é unha maldición, nin un castigo do pecado. A Xénese fala desa realidade, antes de que Adán se rebelara contra Deus9. Nos plans do Señor, o home habería de traballar sempre, cooperando dese xeito na inmensa tarefa da creación.

O que é laborioso aproveita o tempo, que non só é ouro, é gloria de Deus! Fai o que debe e está no que fai, non por rutina, nin por ocupar as horas, senón como froito dunha reflexión atenta e ponderada. Por iso é dilixente. O uso normal desta palabra —dilixente— evócanos a súa orixe latina. Dilixente vén do verbo diligo, que é amar, apreciar, escoller como froito dunha atención esmerada e coidadosa. Non é dilixente o que se precipita senón o que traballa con amor, primorosamente.

Noso Señor, perfecto home, elixiu un labor manual, que realizou delicada e entrañablemente durante a case totalidade dos anos que permaneceu na terra. Exercitou a súa actividade de artesán entre os outros habitantes da súa aldea, e aquel quefacer humano e divino demostrounos claramente que a actividade ordinaria non é un detalle de pouca importancia, senón o gonzo da nosa santificación, ocasión continua para atoparnos con Deus e loalo e glorificalo coa operación da nosa intelixencia ou a das nosas mans.

Veracidade e xustiza

As virtudes humanas esixen de nós un esforzo continuado, porque non é doado manter durante longo tempo unha afouteza de honradez ante as situacións que parecen comprometer a propia seguridade. Fixádevos na limpa faceta da veracidade: será certo que caeu en desuso? Triunfou definitivamente a conduta do compromiso, o adozar a pílula e montar a pedra? Témese á verdade. Por iso acódese a un expediente mesquiño: afirmar que ninguén vive e di a verdade, que todos recorren á simulación e á mentira.

Por fortuna non é así. Existen moitas persoas —cristiás e non cristiás— decididas a sacrificar a súa honra e a súa fama pola verdade, que non se axitan nun salto continuo para buscar o sol que máis quenta. Son os mesmos que, porque aman a sinceridade, saben rectificar cando descobren que se equivocaron. Non rectifica o que comeza mentindo, o que converteu a verdade só nunha palabra sonora para encubrir as súas claudicacións.

Se somos veraces, seremos xustos. Non me cansaría xamais de referirme á xustiza, mais aquí só podemos deseñar algúns trazos, sen perder de vista cal é a finalidade de todas estas reflexións: edificar unha vida interior real e auténtica sobre os alicerces profundos das virtudes humanas. Xustiza é dar a cada quen o seu; pero eu engadiría que isto non abonda. Por moito que cada un o mereza, hai que lle dar de máis, porque cada alma é unha obra mestra de Deus.

A mellor caridade está en excederse xenerosamente na xustiza; caridade que adoita pasar inadvertida, pero que é fecunda no Ceo e na terra. É unha equivocación pensar que as expresións termo medio ou xusto medio, como algo característico das virtudes morais, significan mediocridade: algo así como a metade do que é posible realizar. Ese medio entre o exceso e o defecto é un cumio, un punto culminante: o mellor que a prudencia indica. Por outra banda, para as virtudes teologais non se admiten equilibrios: non se pode crer, esperar ou amar demasiado. E ese amor sen límites a Deus reverte sobre os que nos arrodean, en abundancia de xenerosidade, de comprensión, de caridade.

Os froitos da temperanza

Temperanza é señorío. Non todo o que experimentamos no corpo e na alma ten que se resolver a renda solta. Non todo o que se pode facer debe facerse. Resulta máis cómodo deixarse arrastrar polos impulsos que chaman naturais; pero ao final dese camiño atópase a tristura, o illamento na propia miseria.

Algúns non desexan negar nada ao estómago, aos ollos, ás mans; néganse a escoitar a quen aconselle vivir unha vida limpa. A facultade de xerar —que é unha realidade nobre, participación no poder creador de Deus— utilízana desordenadamente, como un instrumento ao servizo do egoísmo.

Pero non me gustou nunca falar de impureza. Quero considerar os froitos da temperanza, queiro ver o home, verdadeiramente home, que non está amarrado ás cousas que brillan sen valor, como as chilindradas que recolle a pega. Ese home sabe prescindir do que produce dano á súa alma, e decátase de que o sacrificio é só aparente: porque ao vivir así —con sacrificio— líbrase de moitas escravitudes e logra, no íntimo do seu corazón, saborear todo o amor de Deus.

A vida recobra entón os matices que a destemperanza es-vaece; estase en condicións de preocuparse dos demais, de compartir o propio con todos, de dedicarse a tarefas grandes. A temperanza cría a alma sobria, modesta, comprensiva; facilítalle un natural recato que é sempre atractivo, porque se nota na conduta o señorío da intelixencia. A temperanza non supón limitación, senón grandeza. Hai moita máis privación na destemperanza, na que o corazón abdica de si mesmo, para servir o primeiro que lle presente o pobre son duns chocallos de lata.

A sabedoría do corazón

85 O sabio de corazón será chamado prudente10, lese no libro dos Proverbios. Non entenderiamos a prudencia se a concibísemos como pusilanimidade e falta de audacia. A prudencia maniféstase no hábito que inclina a actuar ben; a clarificar o fin e a buscar os medios máis convenientes para acadalo.

Mais a prudencia non é un valor supremo. Temos que nos preguntar sempre: prudencia, para que? Porque existe unha falsa prudencia —que máis ben debemos chamar astucia— que está ao servizo do egoísmo, que aproveita os recursos máis aptos para acadar fins tortos. Usar entón de moita perspicacia non leva máis que a agravar a mala disposición, e a merecer aquel reproche que santo Agostiño formulaba, predicando ao pobo: «pretendes inclinar o corazón de Deus, que é sempre recto, para que se acomode á perversidade do teu?»11. Esa é a falsa prudencia do que pensa que lle sobran as súas propias forzas para xustificarse. Non queirades teros dentro de vósmesmos por prudentes12, di san Paulo, porque está escrito: destruirei a sabedoría dossabios e a prudencia dos prudentes13.

San Tomé sinala tres actos deste bo hábito da intelixencia: pedir consello, xulgar rectamente e decidir14. O primeiro paso da prudencia é o recoñecemento da propia limitación: a virtude da humildade. Admitir, en determinadas cuestións, que non chegamos a todo, que non podemos abranguer, en tantos casos, circunstancias que é preciso non perder de vista á hora de axuizar. Por iso acudimos a un conselleiro; pero non a un calquera, senón a un capacitado e animado polos nosos mesmos desexos sinceros de amar a Deus, de seguilo fielmente. Non basta solicitar un parecer; temos que nos dirixir a quen nolo poida dar desinteresado e recto.

Despois é necesario xulgar, porque a prudencia esixe ordinariamente unha determinación pronta, oportuna. Se ás veces é prudente retrasar a decisión ata que se completen todos os elementos de xuízo, noutras ocasións sería grande impruden-cia non comezar a poñer por obra, canto antes, o que vemos que se debe facer; especialmente cando está en xogo o ben dos demais.

Esta sabedoría do corazón, esta prudencia non se converterá nunca na prudencia da carne á que se refire san Paulo15: a daqueles que teñen intelixencia, pero procuran non utilizala para descubrir e amar o Señor. A verdadeira prudencia é a que permanece atenta ás insinuacións de Deus e, nesa vixiante escoita, recibe na alma promesas e realidades de salvación: Eu glorifícote, Pai, Señor do ceo e da terra,porque tiveches encubertas estas cousas aos sabios e prudentes e llelas revelaches aos pequechos16.

Sabedoría do corazón que orienta e rexe outras moitas virtudes. Pola prudencia o home é audaz, sen insensatez; non escusa, por ocultas razóns de comodidade, o esforzo necesario para vivir plenamente segundo os designios de Deus. A temperanza do prudente non é insensibilidade nin misantropía; a súa xustiza non é dureza; a súa paciencia non é servilismo.

Non é prudente o que non se equivoca nunca, senón o que sabe rectificar os seus erros. É prudente porque prefire non acertar vinte veces, antes que se deixar levar por un cómodo abstencionismo. Non obra con atolada precipitación ou con absurda temeridade, mais asume o risco das súas decisións, e non renuncia a conseguir o ben polo medo a non acertar. Na nosa vida atopamos compañeiros ponderados, que son obxectivos, que non se apaixonan inclinando a balanza cara ao lado que lles convén. Desas persoas case instintivamente, fiámonos; porque, sen presunción e sen ruídos de algueiradas, proceden sempre ben, con rectitude.

Esta virtude cardinal é indispensable no cristián; pero as últimas metas da prudencia non son a concordia social ou a tranquilidade de non provocar friccións. O motivo principal é o cumprimento da Vontade de Deus, que nos quere sinxelos, mais non puerís; amigos da verdade, mais nunca atolados ou lixeiros. O corazónprudente posuirá a ciencia17; e esa ciencia é a do amor de Deus, o saber definitivo, o que nos pode salvar, traéndolles a todas as criaturas froitos de paz e de comprensión e, para cada alma, a vida eterna.

Un camiño ordinario

Tratamos de virtudes humanas. E quizais alguén de vós poida preguntarse. Pero comportarse dese xeito, non supón illarse do ambiente normal, non é algo alleo ao mundo de todos os días? Non. En ningures está escrito que o cristián deba ser un personaxe estraño ao mundo. O Noso Señor Xe-su cristo, con obras e palabras, fixo o eloxio doutra virtude humana que me é particularmente querida: a naturalidade, a sinxeleza.

Lembrade como vén o Noso Señor ao mundo. Como todos os homes. Pasa a súa nenez e mocidade nunha aldea de Palestina, un máis entre os seus concidadáns. Nos anos da súa vida pública, repítese arreo o eco da súa existencia corrente transcorrida en Nazaret. Fala do traballo, preocúpase de que os seus discípulos descansen18; vai ao encontro de todos e non rexeita a conversación con ninguén; dilles expresamente, aos que lle seguían, que non impidan que os nenos se acheguen a El19. Evocando, quizais, os tempos da súa infancia pon a comparación dos cativos que xogan na praza pública20.

Non é todo normal, natural, sinxelo? Non se pode vivir na vida ordinaria? Sucede, non obstante, que os homes se adoitan acostumar ao que é chan e ordinario, e inconscientemente buscan o aparatoso, o artificial. Terédelo comprobado coma min: encómiase, por exemplo, o primor dunhas rosas frescas, acabadas de cortar, de pétalos finos e olorosos. E o comentario é: parecen de tea!

A naturalidade e a sinxeleza son dúas marabillosas virtudes humanas, que fan ao home capaz de recibir a mensaxe de Cristo. E, pola contra, todo o encerellado, o complicado, as voltas e reviravoltas arredor dun mesmo, constitúen un muro que impide con frecuencia oír a voz do Señor. Lembrade o que Cristo bota en cara aos fariseos: metéronse nun mundo retorcido que esixe pagar décimos do saramago, do aneto e do comiño, abandonando as obrigas máis esenciais da lei, a xustiza e a fe; esméranse en coar todo o que beben, para que non pase nin un mosquito, pero tráganse un camelo21.

Non. Nin a vida humana nobre do que —sen culpa— non coñece a Cristo, nin a vida do cristián deben ser raras, estrañas. Estas virtudes humanas, que estamos considerando hoxe, conducen todas á mesma conclusión. É verdadeiramente home o que se empeña en ser veraz, leal, sincero, forte, temperado, xeneroso, sereno, xusto, laborioso, paciente. Comportarse dese xeito pode resultar difícil, mais nunca estraño. Se algúns se asombrasen, sería porque miran con ollos turbios, nubrados por unha secreta covardía, falta de afouteza.

Virtudes humanas e virtudes sobrenaturais

Cando unha alma se esforza por cultivar as virtudes humanas, o seu corazón está moi preto de Cristo. E o cristián percibe que as virtudes teologais —a fe, a esperanza e a caridade—, e todas as outras que trae consigo a graza de Deus, impúlsano a non descoidar nunca esas calidades boas que comparte con tantos homes.

As virtudes humanas —insisto— son o fundamento das sobrenaturais; e estas proporcionan sempre un novo pulo para desenvolverse como un home de ben. Mais, en calquera caso, non basta o afán de posuír esas virtudes: é preciso aprender a practicalas. Discite benefacere22, aprendede a facer o ben. Hai que se exercitar habitualmente nos actos correspondentes — feitos de sinceridade, de veracidade, de ecuanimidade, de serenidade, de paciencia—, porque obras son amores e non cabe amar a Deus só de palabra, senón con obras e de verdade23.

Se o cristián loita por adquirir estas virtudes, a súa alma disponse a recibir eficazmente a graza do Espírito Santo: e as boas calidades humanas refórzanse polas mocións que o Paráclito pon na súa alma. A Terceira Persoa da Trindade Beatísima —doce hóspede da alma24— regala os seus dons: don de sabedoría, de entendemento, de consello, de fortaleza, de ciencia, de piedade, de temor de Deus25.

Nótanse entón o gozo e a paz26, a paz gozosa, o xúbilo interior coa virtude humana da ledicia. Cando imaxinamos que todo se afunde ante os nosos ollos, non se afunde nada, porque Ti es, Señor, a miña fortaleza27. Se Deus habita na nosa alma, todo o demais, por importante que pareza, é accidental, transitorio; en cambio, nós, en Deus, somos o permanente.

O Espírito Santo, co don da piedade, axúdanos a considerarnos con certeza fillos de Deus. E os fillos de Deus, por que imos estar tristes? A tristura é a escoura do egoísmo; se queremos vivir para o Señor, non nos faltará a ledicia, aínda que descubramos os nosos erros e as nosas miserias. A ledicia métese na vida de oración, ata que non queda máis remedio que romper a cantar: porque amamos, e cantar é cousa de namo-rados.

Se vivimos así realizaremos no mundo unha tarefa de paz; saberemos facer amable aos demais o servizo ao Señor, porque Deus ama ao que dá con alegría28. O cristián é un máis na sociedade, pero o seu corazón desbordará o gozo do que se propón cumprir, coa axuda constante da graza, a Vontade do Pai. E non se sente vítima, nin coutado, nin coartado. Camiña coa cabeza alta, porque é home e é fillo de Deus.

A nosa fe confire todo o seu relevo a estas virtudes que ningunha persoa debería deixar de cultivar. Ninguén pode gañar ao cristián en humanidade. Por iso o que segue a Cristo é capaz —non por mérito propio, senón pola graza do Señor— de comunicar aos que o arrodean o que ás veces barruntan, mais non logran entender: que a verdadeira felicidade, o auténtico servizo ao próximo pasa só polo Corazón do Noso Redentor, perfectus Deus, perfectus homo.

Acudamos a María, nosa Nai, a criatura máis excelente que saíu da mans de Deus. Pidámoslle que nos faga homes de ben e que esas virtudes humanas, engarzadas na vida da graza, se convertan na mellor axuda para os que, coma nós, traballan no mundo pola paz e a felicidade de todos.

Notas
1

Lc VII, 36.

2

Lc VII, 39.

3

Lc VII, 44-47.

4

Símbolo Quicumque.

5

Cfr. Gen I, 26.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
6

Ioh I, 14.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
7

2 Mac VI, 27-28.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
8

San Gregorio Magno, Homiliae in Evangelia, 35, 4 (PL 76, 1261).

Notas
9

Cfr. Gen II, 15.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
10

Prv XVI, 21.

11

Santo Agostiño, Enarrationes in Psalmos, 63, 18 (PL 36, 771).

12

Rom XII, 16.

13

1 Cor I, 19.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
14

Cfr. san Tomé de Aquino, Summa Theologiae , II-II, q. 47, a. 8.

Notas
15

Cfr. Rom VIII, 6.

16

Mt XI, 25.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
17

Prv XVIII, 15.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
18

Cfr. Mc VI, 31.

19

Cfr. Lc XVIII, 16.

20

Cfr. Lc VII, 32.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
21

Cfr. Mt XXIII, 23-24.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
22

Is I, 17.

23

1 Ioh III, 18.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
24

Secuencia Veni, Sancte Spiritus.

25

Cfr. Is XI, 2.

26

Cfr. Gal V, 22.

27

Ps XLII, 2.

Referencias á Sagrada Escritura
Notas
28

2 Cor IX, 7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este capítulo noutro idioma