VIVIR CARA A DEUS E CARA AOS HOMES
Aquí estamos, consummati in unum! 1, en unidade de petición e de intencións, dispostos a comezar este tempo de conversa co Señor, co desexo renovado de seren instrumentos eficaces nas súas mans. Ante Xesús Sacramentado —como me gusta facer un acto de fe explícita na presenza real do Señor na Eucaristía!—, fomentade nos vosos corazóns o afán de transmitir, coa vosa oración, un latexo cheo de fortaleza que chegue a todos os lugares da terra, ata o último recuncho do planeta onde haxa un home que gaste xenerosamente a súa existencia en servizo de Deus e das almas. Porque, grazas a inefable realidade da Comuñón dos Santos, somos solidarios —cooperadores, di san Xoán2— na tarefa de difundir a verdade e a paz do Señor.
É razoable que pensemos no noso modo de imitar ao Mestre; que nos deteñamos, que reflexionemos, para aprender directamente da vida do Señor algunhas das virtudes que teñen que resplandecer na nosa conduta, se de veras aspiramos a estender o reinado de Cristo.
A prudencia, virtude necesaria
Na pasaxe do Evanxeo de san Mateu, que trae a Misa de hoxe, lemos: tunc abeuntes pharisaei, consilium inierunt ut caperent eum in sermone3; xuntáronse os fariseos, co fin de tratar entre eles como podían sorprender a Xesús no que falase. Non esquezades que este sistema dos hipócritas é unha táctica corrente tamén nestes tempos; penso que a mala herba dos fariseos non se extinguirá xamais no mundo: sempre tivo unha fecundidade prodixiosa. Quizais o Señor tolera que medre, para facernos prudentes a nós, os seus fillos; porque a virtude da prudencia resulta imprescindible para calquera que se atope en situación de dar criterio, de fortalecer, de corrixir, de acender, de alentar. E precisamente así, como apóstolo, tomando ocasión das circunstancias do seu quefacer ordinario, ten que actuar o cristián cos que o arrodean.
Alzo neste momento o meu corazón a Deus e pido, por mediación da Virxe Santísima —que está na Igrexa, pero sobre a Igrexa: entre Cristo e a Igrexa, para protexer, para reinar, para ser Nai dos homes, como o é de Xesús Noso Señor—; pido que nos conceda esa prudencia a todos, e especialmente aos que, metidos no torrente circulatorio da sociedade, desexamos traballar por Deus: abofé que nos cómpre aprender a ser prudentes.
Continua a escena evanxélica: e enviaron discípulos seus — dos fariseos— con algúns herodianos que lle dixeron: Mestre4. Mirade con que retranca lle chaman Mestre; fínxense admiradores e amigos, dispénsanlle un tratamento que se reserva á autoridade da que se espera recibir unha ensinanza. Magister, scimus quia verax es5, sabemos que es veraz... que astucia tan infame! Vistes dobrez maior? Andade por este mundo con tino. Non sexades cautelosos, desconfiados; non obstante, debedes sentir sobre os vosos ombreiros —lembrando aquela imaxe do Bo Pastor que aparece nas catacumbas— o peso desa ovella, que non é unha alma soa, senón a Igrexa enteira, a humanidade enteira.
Ao aceptar con gallardía esta responsabilidade, seredes audaces e seredes prudentes para defender e proclamar os dereitos de Deus. E entón, pola enteireza do voso comportamento, moitos vos considerarán e vos chamarán mestres, sen que vós o pretendades: que non buscamos a gloria terrea. Mais non vos estrañedes se, entre tantos que se vos acheguen, se insinúen eses que só vos pretenden adular. Gravade nas vosas almas o que me escoitastes repetidas veces: nin as calumnias, nin as murmuracións, nin os respectos humanos, nin o que dirán, e moito menos as loanzas hipócritas, nos teñen que impedir xamais cumprir o noso deber.
Lembrádesvos da parábola do bo samaritano? Quedou aquel home tirado no camiño, malferido polos ladróns que lle roubaron ata o último céntimo. Cruzan por ese lugar un sacerdote da Antiga Lei e, pouco despois, un levita; os dous seguen a súa camiñada sen se preocupar. Pasou a continuación un viaxeiro, de nación samaritana, achegóuselle e, vendo o que sucedía, moveuse a compaixón. Arrimándose, vendou as feridas despois de telas limpado con aceite e viño, puxo ao enfermo sobre a súa cabalgadura, conduciuno ao mesón e coidou del en todo6. Decatádevos de que non é este un exemplo que o Señor expón só para poucas almas selectas, porque deseguido engadiu, contestando ao que lle preguntara —a cada un de nós—: anda, e fai ti o mesmo7.
Polo tanto, cando na nosa vida persoal ou na dos outros advirtamos algo que non vai, algo que necesita do auxilio espiritual e humano que podemos e debemos prestar os fillos de Deus, unha manifestación clara de prudencia consistirá en poñer o remedio oportuno, a fondo, con caridade e con fortaleza, con sinceridade. Non caben as inhibicións. É equivocado pensar que con omisións ou con retrasos se resolven os problemas.
A prudencia esixe que, sempre que a situación o requira, se empregue a medicina, totalmente e sen paliativos, despois de deixar ao descuberto a chaga. Ao notar os menores síntomas do mal, sede sinxelos, veraces, tanto se tedes que curar como se tedes que recibir esa asistencia. Neses casos tense que permitir, ao que se atopa en condicións de sandar en nome de Deus, que prema desde lonxe, e a continuación máis de preto, e máis de preto, ata que saía todo o pus, de xeito que o foco de infección quede ben limpo. En primeiro lugar temos que proceder así con nós mesmos, e cos que, por motivos de xustiza ou de caridade, temos a obriga de axudar: encomendo especialmente aos pais e aos que se dedican a tarefas de formación e de ensino.
Os respectos humanos
Que non vos deteña ningunha razón hipócrita: aplicade a medicina precisa. Mais obrade con man maternal, coa delicadeza infinita das nosas nais, mentres nos curaban as feridas grandes ou pequenas dos nosos xogos e tropezóns infantís. Cando é preciso esperar unhas horas, espérase; nunca máis tempo do imprescindible, xa que outra actitude entrañaría comodidade, covardía, cousa ben distinta da prudencia. Rexeitade todos, e principalmente os que vos encargades de formar a outros, o medo a desinfectar a ferida.
É posible que alguén murmure arteiramente ao oído daqueles que deben curar, e non se deciden ou non se queren enfrontar coa súa misión: Mestre, sabemos que es veraz...8. Non toleredes o irónico eloxio: os que non se esforzan en levar a cabo con dilixencia a súa tarefa, nin son mestres, porque non aprenden o camiño auténtico; nin son verdadeiros, pois coa súa falsa prudencia toman como esaxeración ou desprezan as normas claras, mil veces probadas pola recta conduta, pola idade, pola ciencia do bo goberno, polo coñecemento da fraqueza humana e polo amor a cada ovella, que empuxan a falar, a intervir, a demostrar interese.
Aos falsos mestres domínalles o medo de apurar a verdade; desacóugalles a soa idea —a obriga— de acudir ao antídoto doloroso en determinadas circunstancias. Nunha actitude semellante —convencédevos— non hai prudencia, nin piedade, nin cordura; esa postura reflicte apoucamento, falta de responsabilidade, insensatez, necidade. Son os mesmos que despois, presos de pánico pola desfeita, pretenden atallar o mal cando xa é tarde. Non se lembran de que a virtude da prudencia esixe recoller e transmitir a tempo o consello repousado da madurez, da experiencia antiga, da vista limpa, da lingua sen ataduras.
Sigamos o relato de san Mateu: sabemos que es veraz, e ensinas o camiño de Deus conforme á pura verdade9. Nunca acabo de sorprenderme ante este cinismo. Móvense coa intención de retorcer as palabras de Xesús Noso Señor, de collelo nalgún descoido e, no canto de expor sinxelamente o que eles consideran como un nó insoluble, intentan atordar ao Mestre con loanzas que só deberían saír de beizos adictos, de corazóns rectos. Detéñome de intento nestes matices, para que aprendamos a non ser receosos, pero si prudentes; para que non aceptemos a fraude do finximento, aínda que apareza revestida de frases e de acenos que en si mesmos responden á realidade, como sucede na pasaxe que estamos contemplando: Ti non fas distinción, dinlle; Ti viñeches para todos os homes; a Ti, nada te detén para proclamar a verdade e ensinar o ben10.
Repito; prudentes, si; cautelosos, non. Concedédelle a máis absoluta confianza a todos, sede moi nobres. Para min, vale máis unha palabra dun cristián, dun home leal —fíome enteiramente de cada un—, que a sinatura auténtica de cen notarios unánimes, aínda que poida que nalgunha ocasión me teñan enganado por seguir ese criterio. Prefiro expoñerme a que un desaprehensivo abuse desa confianza, antes de despoxar a ninguén do creto que merece como persoa e como fillo de Deus. Asegúrovos que nunca me defraudaron os resultados deste xeito de proceder.
Actuar con rectitude
Se en cada momento non sacamos do Evanxeo consecuencias para a vida actual, é que non o meditamos suficientemente. Sodes novos moitos; outros entrastes xa na madurez. Todos queredes, queremos —senón non estariamos aquí—, producir bos froitos. Intentamos pór, na nosa conduta, o es-pírito de sacrificio, o afán de negociar cos talentos que o Se-ñor nos confiou, porque sentimos o celo divino polas almas. Mais non sería a primeira vez que, a pesar de tanta boa vontade, alguén caese na trampa desa mestura —ex pharisaeis et herodianis11— composta quizais polos que, dun xeito ou doutro, por ser cristiáns deberían defender os dereitos de Deus e, en troques, aliados e confundidos cos intereses das forzas do mal, cercan insidiosamente a outros irmáns na fe, a outros servidores do mesmo Redentor.
Sede prudentes e obrade sempre con sinxeleza, virtude tan propia do bo fillo de Deus. Mostrádevos naturais na vosa linguaxe e nas vosas actuacións. Chegade ao fondo dos problemas; non vos quededes na superficie. Mirade que hai que contar por anticipado co desgusto alleo e co propio, se desexamos de veras cumprir santamente e como homes de ben as nosa obrigas de cristiáns.
Non vos agocho que, cando teño que corrixir ou adoptar unha decisión que causará magoa, padezo antes, mentres e despois: e non son un sentimental. Consólame o pensar que só as bestas non choran: choramos os homes, os fillos de Deus. Entendo que en determinados momentos tamén vós teredes que pasalo mal, se vos esforzades en levar a cabo fielmente o voso deber. Non me esquezades que resulta máis cómodo —pero é un descamiño— evitar a toda costa o sufrimento, coa escusa de non desgustar ao próximo: frecuentemente, nesa inhibición agóchase unha vergoñosa fuxida da propia dor, xa que de ordinario non é agradable facer unha advertencia seria. Meus fillos, lembrádevos de que o inferno está cheo de bocas pechadas.
Escóitanme agora varios médicos. Perdoade o meu atrevemento se volvo a tomar un exemplo da medicina; poida que se me escape algún disparate, pero a comparación ascética vai. Para curar unha ferida, primeiro límpase ben, tamén arredor, desde bastante distancia. Dabondo sabe o cirurxián que doe; malia todo, se omite esa operación, máis doerá despois. Ademais, ponse deseguido o desinfectante: proe —pica, dicimos na miña terra—, mortifica, e non queda outra que usalo, para que a chaga non se infecte.
Se para a saúde corporal é obvio que se teñen que adoptar estas medidas, aínda que se trate de rozaduras de pouca categoría, nas cousas grandes da saúde da alma —nos puntos neurálxicos da vida do home— fixádevos se haberá que lavar, se haberá que rachar, se haberá que pulir, se haberá que desinfectar, se haberá que sufrir! A prudencia esíxenos intervir deste xeito e non rexeitar o deber, porque rexeitalo demostraría unha falta de consideración, e mesmo un atentado grave contra a xustiza e contra a fortaleza.
Persuadídevos de que un cristián, se de veras pretende actuar rectamente, cara a Deus e cara aos homes, necesita de todas as virtudes, polo menos en potencia. Padre, preguntarédesme: e das miñas fraquezas, que? Respondereivos: acaso non cura un médico que estea enfermo, aínda cando o trastorno que o magoa sexa crónico?; impediralle a súa enfermidade prescribir a outros enfermos a receita axeitada? Abofé que non: para curar, bástalle posuír a ciencia oportuna e poñela en práctica, co mesmo interese co que el combate a súa propia doenza.
O colirio da propia debilidade
Vós, coma min, atopádesvos acotío cargados con moitos erros, se vos examinades con valentía na presenza de Deus. Cando se loita por quitalos coa axuda divina, carecen de decisiva importancia e supéranse, aínda que pareza que nunca se consegue arrincalos de todo. Ademais, por riba desas debilidades, ti contribuirás a remediar as grandes deficiencias de outros, sempre que te empeñes en corresponder á graza de Deus. Ao recoñecerte tan fraco coma eles —capaz de todos os erros e de todos os horrores—, serás máis comprensivo, máis delicado e, ao tempo, máis esixente para que todos nos decidamos a amar a Deus co corazón enteiro.
Os cristiáns, os fillos de Deus, temos que asistir os outros, levando á práctica con honradez o que aqueles hipócritas musitaban avesamente ao Mestre: non miras a calidade das persoas12. É dicir, rexeitemos por completo a acepción de persoas —interésannos todas as almas!—, malia que, loxicamente, teñamos que comezar por ocuparnos das que por unha ou outra circunstancia —tamén por motivos só humanos en aparencia— Deus colocou ao noso carón.
163 Et viam Dei in veritate doces13, ensinar, ensinar, ensinar: mostrar os camiños de Deus conforme á pura verdade. Non te ten que asustar que vexan os teus defectos persoais, os teus e os meus; eu teño o prurito de publicalos, contando a miña loita persoal, o meu afán de rectificar neste e naquel punto da miña pelexa por ser leal ao Señor. O esforzo por desterrar e vencer esas miserias será xa un xeito de indicar os vieiros divinos: primeiro, e a pesar dos nosos erros visibles, co testemuño da nosa vida; logo, coa doutrina, coma o Noso Señor, que coepi facere et docere14, comezou polas obras e máis tarde dedicouse a predicar.
Despois de confirmarvos que este sacerdote vos quere moito e que o Pai do Ceo vos quere máis, porque é infinita-mente bo, infinitamente Pai; despois de manifestarvos que nada vos podo botar en cara, se considero que teño que vos axudar a amar a Xesucristo e á Igrexa, o seu rabaño, porque nisto penso que non me gañades: emuládesme, pero non me gañades. Cando sinalo algún erro na miña predicación e nas charlas persoais con cada un, non é por facervos sufrir; móveme exclusivamente o afán de que amemos máis ao Señor. E, ao insistirvos na necesidade de practicar as virtudes, non perdo de vista que a min esa necesitade úrxeme tamén.
En certa ocasión, oín comentar a un desaprehensivo que a experiencia dos tropezos serve para volver caer, no mesmo erro, cen veces. Eu dígovos, en cambio, que unha persoa prudente aproveita eses reveses para escarmentar, para aprender a obrar o ben, para renovarse na decisión de ser máis santo. Da experiencia dos nosos fracasos e trunfos no servizo de Deus, sacade sempre, coa medra do amor, unha ilusión máis firme de proseguir no cumprimento dos vosos deberes e dereitos de cidadáns cristiáns, custe o que custe: sen covardías, sen rexeitar nin a honra nin a responsabilidade, sen asustarnos ante as reaccións que se alcen ao noso redor —quizais provenientes de falsos irmáns—, cando nobre e lealmente tratamos de buscar a gloria de Deus e o ben dos demais.
Logo temos que ser prudentes. Para que? Para ser xustos, para vivir a caridade, para servir eficazmente a Deus e a todas as almas. Con grande razón á prudencia chamóuselle genitrix virtutum15, nai das virtudes, e tamén auriga virtutum16, condutora de todos os hábitos bos.
A cada un o seu
Lede con atención a escena evanxélica, para aproveitar esas estupendas leccións das virtudes que teñen que alumar o noso modo de proceder. Rematado o preámbulo hipócrita e adulador, os fariseos e herodianos expoñen o seu problema: que che parece isto?: é lícito ou non pagar tributo ao César? 17. «Notade agora —escribe san Xoán Crisóstomo— a súa astucia; porque non lle din: explícanos que é o bo, o conveniente, o lícito, senón dinos que che parece. Estaban obsesionados en traizoalo e facelo odioso ao poder político18. Mais Xesús, coñecendo a súa malicia, respondeu: por que me tentades, hipócritas? Ensinádeme a moeda coa que se paga o tributo. E eles mostráronlle un denario. Xesús preguntou: de quen é esta imaxe e mais esta inscrición? Respondéronlle: do César. Entón replicoulles: pois dade ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus»19.
Xa vedes que o dilema é antigo, como clara e inequívoca é a resposta do Mestre. Non hai —non existe— unha contraposición entre o servizo a Deus e o servizo aos homes; entre o exercicio dos nosos deberes e dereitos cívicos, e os relixiosos; entre o empeño por construír e mellorar a cidade temporal, e o convencemento de que pasamos por este mundo como camiño que nos leva á patria celeste.
Tamén aquí se manifesta esa unidade de vida que —non me cansarei de repetilo— é unha condición esencial, para os que se intentan santificar no medio das circunstancias ordinarias do seu traballo, das súas relacións familiares e sociais. Xesús non admite esa división: ninguén pode servir a dous señores, porque ou terá aversión a un e amor ao outro, ou de se suxeitar ao primeiro, mirará con desdén o segundo20. A elección exclusiva que de Deus fai un cristián, cando responde con plenitude á súa chamada, empúxao a dirixir todo ao Señor e, ao mesmo tempo, a dar tamén ao próximo todo o que en xustiza lle corresponde.
Non se cabe escudar en razóns aparentemente piadosas, para espoliar aos outros daquilo que lles pertence: se alguén di: si, eu amo a Deus, ao tempo que aborrece ao seu irmán, é un mentireiro21. Malia todo tamén se engana o que lle regatea ao Señor o amor e a reverencia —a adoración— que lle son debidos como Creador e Pai Noso; e o que se nega a obedecer os seus mandamentos, coa falsa escusa de que algún resulta incompatible co servizo aos homes, pois claramente advirte san Xoán que nisto coñecemos que amamos aos fillos de Deus, se amamos a Deus e gardamos os seus mandamentos. Porque o amor de Deus consiste en que observemos os seus mandatos; e os seus mandatos non son pesados22.
Poida que escoitedes a moitos —en nome da funcionalidade, cando non da caridade!— que peroran e inventan teorías, co fin de recortar as mostras de respecto e de homenaxe a Deus. Todo o que sexa para honrar ao Señor parécelles excesivo. Non lles fagades caso: vós continuade o voso camiño. Esas elucubracións limítanse a controversias que non conducen a nada, como non sexa a escandalizar as almas e a impedir que se cumpra o precepto de Xesucristo, de entregar a cada un o seu, de practicar con delicada enteireza a virtude santa da xustiza.
Deberes de xustiza con Deus e cos homes
Gravémonolo ben na nosa alma, para que se note na conduta: primeiro, xustiza con Deus. Esa é a pedra de toque da verdadeira fame e sede de xustiza23, que a distingue do balbordo dos envexosos, dos resentidos, dos egoístas e cobizosos... Porque negar ao Noso Creador e Redentor o recoñecemento dos abondosos e inefables bens que nos concede, agocha a máis tremenda e ingrata das inxustizas. Vós, se de veras vos esforzades por ser xustos, consideraredes frecuentemente a vosa dependencia de Deus —porque que cousa tes ti que non a recibiras?24—, para enchérmonos de agradecemento e de desexos de corresponder a un Pai que nos ama ata a loucura.
Daquela avivarase en vós o espírito bo de piedade filial, que vos fará tratar a Deus con tenrura de corazón. Cando os hipócritas susciten arredor de vós a dúbida de se o Señor ten dereito a pedirvos tanto, non vos deixedes enganar. Pola contra, poñerédesvos na presenza de Deus sen condicións, dóciles, como o barro nas mans do oleiro25, e confesarédeslle rendidamente: Deus meus et omnia!, Ti es o meu Deus e o meu todo. E se algunha vez chega o golpe inesperado, a tribulación inmerecida de parte dos homes, saberedes cantar con ledicia nova: fágase, cúmprase, sexa loada e eternamente enxalzada a xustísima e amabilísima Vontade de Deus, sobre todas as cousas. Amén, amén.
As circunstancias daquel servo da parábola, debedor de dez mil talentos26, reflicten ben a nosa situación diante de Deus: tampouco nós contamos con que pagar a débeda inmensa que temos contraído por tantas bondades divinas, e que fomos acrecentando ao son dos nosos persoais pecados. Malia que loitemos con denodo, non conseguiremos devolver con equidade o moito que o Señor nos ten perdoado. Pero, á impotencia da xustiza humana, súplea dabondo a misericordia divina. El si que se pode dar por satisfeito, e remitirnos a débeda, simplemente porque é bo e infinita a súa misericordia27.
A parábola —lembrádelo ben— termina cunha segunda parte que é o contrapunto da anterior. Aquel servo ao que rematan de condonar unha morea de cartos, non se apiada dun compañeiro, que lle debía apenas cen denarios. É aí onde se pon de manifesto a mesquindade do seu corazón. Falando estritamente, ninguén lle negará o dereito a esixir o que é seu; malia todo, algo se revela en nós e suxírenos que esa actitude intolerante se afasta da verdadeira xustiza: non é xusto que quen, tan só un momento antes, recibiu un trato misericordioso de favor e de comprensión, non reaccione a lo menos cun pouco de paciencia cara ao debedor. Mirade que a xustiza non se manifesta exclusivamente no respecto exacto dos dereitos e deberes, como nos problemas aritméticos que se resolven a base de sumas e restas.
A virtude cristiá é máis ambiciosa: empúrranos a mostrarnos agradecidos, afables, xenerosos; a comportarnos como amigos leais e honrados, tanto nos tempos bos coma na adversidade; a ser cumpridores das leis e respectuosos coas autoridades lexítimas; a rectificar con alegría cando advertimos que nos temos trabucado ao afrontar unha cuestión. Sobre todo, se somos xustos, aterémonos aos nosos compromisos profesionais, familiares, sociais..., sen espaventos nin pregóns, traballando con empeño e exercitando os nosos dereitos, que son tamén deberes.
Non creo na xustiza dos folgazáns, porque co seu dolce far niente —como din na miña querida Italia— faltan, e por veces de xeito grave, ao máis fundamental dos principios da equidade: o do traballo. Non temos que esquecer que Deus creou ao home ut operaretur28, para que traballase, e os demais —a nosa familia e nación, a humanidade enteira— dependen tamén da eficacia do noso labor. Fillos, que pobre idea teñen da xustiza os que a reducen a unha simple distribución de bens materiais!
Xustiza e amor á liberdade e á verdade
Desde a miña infancia —como se expresa a Escritura29: en canto tiven oídos para oír—, xa empecei a escoitar o ruxerruxe da cuestión social. Non supón nada de particular, porque é un tema antigo, de sempre. Xurdiría quizais no mesmo instante no que os homes se organizaron dalgunha maneira, e fixéronse máis visibles as diferenzas de idade, de intelixencia, de capacidade de traballo, de intereses, de personalidade.
Non sei se é irremediable que haxa clases sociais; de todos os xeitos, tampouco é o meu oficio falar destas materias, e moito menos aquí, neste oratorio, onde nos temos xuntado para falar de Deus —non quixera na miña vida tratar nunca doutro tema—, e para charlar con Deus.
Pensade o que prefirades en todo o que a Providencia deixou á libre e lexítima discusión dos homes. Pero a miña condición de sacerdote de Cristo imponme a necesidade de remontarme máis alto, e de lembrarvos que, en todo caso, non podemos xamais deixar de exercitar a xustiza, con heroísmo se é preciso.
Estamos obrigados a defender a liberdade persoal de todos, sabendo que Xesucristo é o que nos adquiriu esa liberdade30; se non actuamos así, con que dereito reclamaremos a nosa? Debe-mos difundir tamén a verdade, porque veritas liberabit vos31, a verdade libéranos, mentres que a ignorancia escraviza. Temos que soster o dereito de todos os homes a vivir, a posuír o necesario para levar unha existencia digna, a traballar e a descansar, a elixir estado, a formar un fogar, a traer fillos ao mundo dentro do matrimonio e poder educalos, a pasar serenamente o tempo da enfermidade ou da vellez, a acceder á cultura, a asociarse cos demais cidadáns para acadar fins lícitos, e, en primeiro termo, a coñecer e a amar a Deus con plena liberdade, porque a conciencia —se é recta— descubrirá as pegadas do Creador en todas as cousas.
Precisamente por iso, urxe repetir —non me meto en política, afirmo a doutrina da Igrexa— que o marxismo é incompatible coa fe de Cristo. Existe algo máis oposto á fe, que un sistema que todo o basea en eliminar da alma a presenza amorosa de Deus? Berrádeo moi forte, de xeito que se oia claramente a vosa voz: para practicar a xustiza non precisamos do marxismo para nada. Pola contra, ese erro gravísimo, polas súas solucións exclusivamente materialistas que ignoran ao Deus da paz, levanta obstáculos para acadar a felicidade e o entendemento dos homes. Dentro do cristianismo atopamos a boa luz que sempre dá resposta a todos os problemas: basta con que vos empeñedes sinceramente en ser católicos, non verbo neque lingua, sed opere et veritate32, non con palabras nin coa lingua, senón con obras e de veras: dicídeo, sempre que se vos presente a ocasión —buscádea, se cómpre—, sen reticencias, sen medo.
Xustiza e caridade
Lede a Escritura Santa. Meditade unha a unha as escenas da vida do Señor, as súas ensinanzas. Considerade especialmente os consellos e as advertencias cos que preparaba a aquel puñado de homes que ían ser os seus Apóstolos, os seus mensaxeiros, dun a outro confín da terra. Cal é a pauta principal que os marca? Non é o mandato novo da caridade? Foi con amor como se abriron paso naquel mundo pagán e corrompido.
Convencédevos de que unicamente coa xustiza non resolveredes nunca os grandes problemas da humanidade. Cando se fai xustiza a secas, non vos estrañedes se a xente se queda ferida: pide moito máis a dignidade do home, que é fillo de Deus. A caridade ten que ir dentro e a carón, porque o dulcifica todo, deifícao: Deus é amor33. Temos que nos mover sempre por Amor a Deus, que torna máis fácil querer ao próximo, e purifica e eleva os amores terreos.
Para chegar da estrita xustiza á abundancia da caridade hai todo un traxecto que percorrer. E non son moitos os que perseveran ata a fin. Algúns confórmanse con achegarse aos limiares: prescinden da xustiza e limítanse a un pouco de be-neficencia, que cualifican de caridade, sen decatarse de que aquilo supón unha parte pequena do que están obrigados a fa cer. E móstranse tan satisfeitos de si mesmos, como o fari-seo que pensaba ter colmado a medida da lei porque facía xaxún dúas veces por semana e pagaba o décimo de todo canto posuía34.
A caridade, que é como un xeneroso desorbitarse da xustiza, esixe primeiro o cumprimento do deber: comézase polo xusto; continúase polo máis equitativo...; pero para amar requírese moita finura, moita delicadeza, moito respecto, moita afabilidade: nunha palabra, seguir aquel consello do Apóstolo: levade os uns as cargas dos outros e dese xeito cumpriredes a lei de Cristo35. Daquela si, xa vivimos plenamente a caridade, xa realizamos o mandato de Xesús.
Para min, non existe exemplo máis claro desa unión práctica da xustiza coa caridade, que o comportamento das nais. Aman con idéntico agarimo a todos os seus fillos, e precisamente ese amor impúlsaas a tratalos de modo distinto —cunha xustiza desigual—, xa que cada un é diverso dos outros. Pois, tamén cos nosos semellantes, a caridade perfecciona e completa a xustiza, porque nos move a conducirnos de maneira desigual cos desiguais, adaptándonos ás circunstancias concretas, co fin de comunicar alegría ao que está triste, ciencia ao que carece de formación, afecto ao que se sente só... A xustiza establece que se lle dea a cada un o seu, que non é igual que dar a todos o mesmo. O igualitarismo utópico é fonte das máis grandes inxustizas.
Para actuar sempre así, como as nais boas, necesitamos esquecernos de nós mesmos, non aspirar a outro señorío que o de servir aos demais, como Xesucristo, que predicaba: o Fillo do home non veu para ser servido, senón para servir36. Iso requi-re a enteireza de someter a propia vontade ao modelo divino, traballar por todos, loitar pola felicidade eterna e o benestar dos demais. Non coñezo mellor camiño para ser xusto que o dunha vida de entrega e de servizo.
Quizais alguén pense que son un inxenuo. Non me importa. Malia que me cualifiquen dese xeito, porque aínda creo na caridade, asegúrovos que crerei sempre! E, mentres El me conceda vida, continuarei ocupándome —como sacerdote de Cristo— de que haxa unidade e paz entre os que, por ser fillos do mesmo Pai Deus, son irmáns; de que a humanidade se comprenda; de que todos compartan o mesmo ideal: o da Fe!
Acudamos a Santa María, a Virxe prudente e fiel, e a san Xosé, o seu esposo, modelo acabado de home xusto37. Eles, que viviron na presenza de Xesús, o Fillo de Deus, as virtudes que temos contemplado, acadarannos a graza de que arraiguen firmemente na nosa alma, para que nos decidamos a conducirnos en todo momento como discípulos bos do Mestre: prudentes, xustos, cheos de caridade.
San Tomé de Aquino, In III Sententiarum, dist. 33, q. 2, a. 5.
San Bernardo, Sermones in Cantica Canticorum, 49, 5 (PL 183, 1018).
Mt XXII, 17.
San Xoán Crisóstomo, In Matthaeum homiliae, 70, 1 (PG 58, 656).
Mt XXII, 18-21.
Mt VI, 24.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/amigos-de-dios/vivir-cara-a-deus-e-cara-aos-homes/ (14-12-2025)