10

Labor de San Gabriel: dar sentido cristián a toda a sociedade

Todo o noso labor apostólico vai directamente a dar sentido cristián á sociedade humana, pero coa obra de San Gabriel enchemos todas as actividades do mundo dun contido sobrenatural, que –a medida que se vaia estendendo– irá contribuíndo eficazmente a solucionar os grandes problemas dos homes.

Entre os supernumerarios, hai toda a gama de condicións sociais, de profesións e de oficios. Todas as circunstancias e as situacións da vida son santificadas por eses fillos meus –homes e mulleres–, que dentro do seu estado e da súa situación no mundo, dedícanse a buscar a perfección cristiá con plenitude de vocación.

Digo con plenitude de vocación, porque –nas circunstancias nas que providencialmente Deus nos colocou– esfórzanse por corresponder con xenerosidade total a canto o Señor lles pide, chamándoos á súa Obra: un servizo sen reservas, como cidadáns católicos responsables, á Igrexa Santa, ao Romano Pontífice e a todas as almas.

A maior parte dos meus fillos supernumerarios viven no estado matrimonial e, para eles, o amor e os deberes conxugais son parte da vocación divina. O Opus Dei fixo do matrimonio un camiño divino, unha vocación. Levo máis de trinta anos tratando de meter na alma de tantas xentes o sentido vocacional do matrimonio; e ensinando –isto non o digo eu, definiuno a Igrexa*– que a virxindade, e tamén a castidade perfecta, é superior ao matrimonio, exaltamos o matrimonio ata facer del unha vocación. Que ollos cheos de luz vin máis dunha vez cando, crendo –eles e elas– incompatibles na súa vida a entrega e un amor nobre e limpo, oíanme dicir que o matrimonio é un camiño divino na terra! Volverei máis adiante a falar deste punto.

Notas
*

*** «definiuno a Igrexa»: fíxoo o Concilio de Trento (Sesión XXIV, 11 de novembro de 1563, Canons de Sacramento Matrimonii, n.º 10), en Conciliorum oecumenicorum decreta, ed. de Hubert Jedin y Giuseppe Alberigo, Bologna, Istituto per le scienze religiose di Bologna, 1973, p. 755. (N. del E.)

Este punto noutro idioma