15
Por ese motivo, podemos dicir, fillos meus, que pesa sobre nós a preocupación e a responsabilidade de toda a Igrexa santa –sollicitudo totius Sanctae Ecclesiae Dei–, non desta parcela concreta ou daqueloutra. Secundando a responsabilidade oficial –xurídica, de iure divino– do Romano Pontífice e dos reverendísimos ordinarios, nós, cunha responsabilidade non xurídica, senón espiritual, ascética, de amor, servimos a toda a Igrexa cun servizo de carácter profesional, de cidadáns que levan o testemuño cristián do exemplo e a doutrina ata os últimos recunchos da sociedade civil.
Demostra a historia o papel decisivo que, en momentos difíciles para a unidade da Igrexa, xogaron as obras de carácter universal, como as ordes e as congregacións relixiosas. Nós, cunha vocación que nada ten que ver coa dos relixiosos, constituímos unha Asociación de carácter universal, cunha xerarquía interna universal tamén, que nos distingue claramente dos chamados movementos de apostolado****** e fainos instrumento cohesivo e eficaz ao servicio da Igrexa e do Romano Pontífice.
*** «distínguenos claramente»: en realidade, desde o punto de vista sociolóxico e apostólico, as diferencias cos movementos de hoxe en día son pequenas; a diversidade –para san Josemaría– estriba aquí na universalidade, tanto do fenómeno pastoral e de comuñón que representa o Opus Dei, como da súa xerarquía interna. Pero esta distinción non significa lonxanía con quen comparte un mesmo anhelo de santidade no mundo, de evanxelización e de servizo á Igrexa, e lazos de comuñón e fraternidade. (N. del E.)
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/15/ (14-12-2025)