16

A vosa eficacia, fillos meus, será consecuencia da vosa santidade persoal, que callará en obras responsables, que non se esconden no anonimato. Cristo Xesús, Bo sementador, apértanos –como ao trigo– na súa man chagada, asoláganos co seu sangue, nos purifica, límpanos, emborráchanos! E logo, xenerosamente, bótanos polo mundo un a un, como deben ir os seus fillos do Opus Dei, esparexidos: que o trigo non se sementa a sacos, senón gran a gran.

Sodes luz no Señor: comportádevos, pois, como fillos da luz. O froito da luz é todo bondade, xustiza e verdade30. É inconcibible –sería unha falsidade, unha dobre vida, unha comedia– a vida dun fillo meu que non dea froitos abundantes de apostolado. Dígovos unha vez máis que ese fillo meu estaría morto, podrecido!: iam foetet31. E eu –sabédelo ben– aos cadáveres entérroos piadosamente.

A través do trato individual cos vosos compañeiros de profesión ou de oficio, cos vosos parentes, amigos e veciños, nun labor que moitas veces chamei apostolado de amizade e de confidencia, sacudiredes a súa modorra, abriredes horizontes amplos á súa existencia egoísta e aburguesada, complicarédeslles a vida, facendo que se esquezan de si mesmos e comprendan os problemas de quen os rodea. E estade seguros de que, ao complicarlles a vida, levádelos –tedes experiencia– ao gaudium cum pace, á alegría e á paz.

Ese apostolado persoal –que non é labor anárquico, porque seguides nel as orientacións doutrinais ou prácticas dos vosos directores–, se o realizades con constancia, creará un ambiente sereno en torno voso e reproducirá nos vosos fogares a imaxe daquelas casas dos primeiros fieis cristiáns.

Ao exercitar ese labor apostólico individual, procurades achegar –as persoas que tratades– aos medios colectivos de formación espiritual e doutrinal que a Obra organiza –retiros espirituais, conferencias, círculos, etc.– e á dirección espiritual cos nosos sacerdotes: porque eses medios son eficacísimos –necesarios– para completar a atención desas almas, que cada un de vós coidades, servíndovos da vosa vida profesional, do lugar que ocupades no mundo, da vosa situación familiar; servíndovos de todo, porque todo é medio de apostolado.

Notas
30

Ef 5,8-9.

31

Jn 11,39.

Este punto noutro idioma