17

Pero non vos podedes deter aí. Non vos podedes quedar satisfeitos, cando xa levastes algúns dos vosos parentes ou amizades a un retiro espiritual, ou cando os puxestes en contacto con algún sacerdote da Obra. Non se acaba aí o voso traballo apostólico. Porque é preciso tamén que vos deades perfecta conta de que facedes un apostolado fecundísimo, cando vos esforzades por orientar con sentido cristián as profesións, as institucións e as estruturas humanas, nas que traballades e vos movedes.

Procurar que esas institucións e esas estruturas se conformen cos principios que rexen unha concepción cristiá da vida, é realizar un apostolado de base moi ampla, porque –ao encarnar dese modo o espírito de xustiza– asegurades aos homes os medios para vivir de acordo coa súa dignidade, e facilitades a moitas almas que, coa graza de Deus, poidan responder persoalmente á vocación cristiá.

Cando me oiades falar de xustiza, non entendades esta palabra nun sentido estreito, porque –para que os homes sexan felices– non é suficiente establecer as súas relacións sobre a xustiza, que dá a cada un o seu con frialdade: eu fálovos de caridade, que supón e desborda a xustiza; e de caridade de Cristo, que non é caridade oficial, senón cariño.

Sementeira de paz e de amor

Este punto noutro idioma