2
Pero o Señor, que ofrece a súa salvación a todos os homes, sen discriminacións de pobo, raza, lingua ou condición4, a ninguén forza para que a acepte. Deixa os homes en liberdade: os homes ás veces non queren, e obrigan a Xesús a admitir as súas escusas baixas e egoístas, as súas negativas –habe me excusatum5– á invitación amorosa de tomar parte na gran cea.
É unha dor ver que, despois de vinte séculos, haxa tan poucos que se chamen cristiáns no mundo e que, entre os que se chaman cristiáns, haxa tan poucos que teñan a verdadeira doutrina de Xesucristo. Conteivos algunha vez que, contemplando un mapamundi, un home que non tiña mal corazón, pero que non tiña fe, díxome: mire, de norte a sur, y de leste a oeste, mire. ¿Que quere que mire?, pregunteille. E esta foi a súa resposta: o fracaso de Cristo. Tantos séculos procurando meter no corazón dos homes a súa doutrina e vexa os resultados: non hai cristiáns.
Enchinme, ao principio, de tristeza; pero, enseguida, de amor e de agradecemento porque o Señor quixo facernos cooperadores libres da súa obra redentora. Cristo non fracasou: a súa doutrina e a súa vida están fecundando continuamente o mundo. A súa redención é suficiente e sobreabundante, pero trátanos como a seres intelixentes e libres e dispuxo que, misteriosamente, cumpramos na nosa carne –na nosa vida– aquilo que falta á súa paixón pro corpore eius, quod est Ecclesia6.
A redención continúase facendo: e vós e eu somos corredentores. Vale a pena xogarse a vida enteira, e saber sufrir, por amor, para sacar adiante as cousas de Deus e axudalo a redimir o mundo, para corredimir. Ante esta consideración, é a hora de que vós e eu clamemos en gabanza a Deus: laudationem Domini loquetur os meum, et benedicat omnis caro nomini sancto eius7; que enxalce a nosa boca o Señor, e que todas as criaturas bendigan o seu santo nome.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/2/ (14-12-2025)