23

Fillos meus, enchédevos de esperanza e de ánimo: sen pausa traballemos pola paz e pola nosa mutua edificación 43. Non volvades mal por mal; procurade obrar o ben, non só diante de Deus, senón tamén diante de todos os homes. Se é posible e en canto de vós depende, tede paz con todos 44.

Lembrade moitas veces, para que vos sirva de acicate, a queixa do Señor: filii huius sæculi prudentiores filiis lucis in generatione sua sunt45; os fillos das tebras son máis prudentes que os fillos da luz. Palabras duras pero moi exactas, porque, por desgraza, cúmprense cada día.

Namentres, os inimigos de Deus e da súa Igrexa móvense e organízanse. Cunha constancia exemplar, prepáranse os seus cadros, manteñen escolas onde forman directivos e axitadores, e cunha acción disimulada –pero eficaz– propagan as súas ideas e levan, aos fogares e aos lugares de traballo, a súa semente destrutora de toda ideoloxía relixiosa.

Hoxe, fillos meus, o marxismo –nas súas diferentes formas– está activo: sistematicamente, tenta dar fundamento científico ao ateísmo e, cunha propaganda incesante, non tanto clamorosa como individual, critica todo asomo de relixión e, configurándose como unha fe e unha esperanza terreas, quere substituír a verdadeira Fe e a Esperanza verdadeira.

Non comprendo a esas persoas que se chaman católicas e que abren os brazos ao marxismo –tantas veces condenado pola Igrexa como incompatible coa súa doutrina–, que dan a man aos inimigos de Deus, e aos católicos que non pensan como eles trátanos como inimigos. O católico que maltrata a outros católicos, e trata con aparente caridade aos que non o son, erra gravemente, erra contra a xustiza, encubrindo o seu erro cunha falsa caridade. Porque a caridade, se non é ordenada, deixa de ser caridade.

Notas
43

Rm 14,19.

44

Rm 12,17-18.

45

Lc 16,8.

Este punto noutro idioma