28
Cristo no cumio de todas as actividades humanas
¡Canto espera o Señor do voso traballo constante, ilusionado e cheo de entusiasmo –aínda que sen ilusión e entusiasmo sensibles, con frecuencia–, co que tratades de cristianizar todas as actividades do mundo: poñer a Cristo no cumio de todas as actividades humanas!
Ese labor é particularmente propio dos meus fillos e das miñas fillas supernumerarias, tan recias –ás veces máis que os varóns– en levar o sal e a luz de Cristo aos ambientes en que se moven: o fogar e a vida de relación social e o exercicio das profesións máis varias.
Relede aquel pasaxe do Vello Testamento, no que Xudit torce a vontade do pobo e dos seus xefes, dispostos a entregar a cidade aos exércitos inimigos. Chegaron aos oídos de Xudit –di o sagrado texto– as desatinadas palabras que o pobo dirixira ao xefe... e fixo chamar aos anciáns da cidade, Ocías, Cabris y Carmis, e cando chegaron díxolles escoitade, príncipes da cidade de Betulia. Non é acertado o que hoxe tedes dito ao pobo... ¿Quen sodes vós para tentar a Deus, os que estades constituídos en lugar de Deus en medio dos fillos dos homes? ¿Pretendedes poñer a proba ao Deus omnipotente? ¿Non acabaredes de aprender?57 Reprensión chea de enerxía e audacia que é un expoñente do que unha muller sobrenatural e valente, fiel á súa conciencia, pode influír no curso da vida pública –normalmente dun modo calado, discreto e eficacísimo– á hora de defender os intereses de Cristo. Non deixedes de meditar tampouco na fortaleza de María Santísima e daquelas santas mulleres, que se mantiveron enteiras e firmes ao pé da cruz, cando desertaron os varóns, á hora da covardía xeral.
Fillas e fillos meus, se conservades este bo espírito, poderase aplicar a vosoutros hoxe o que o libro dos Feitos di dos Apóstolos de Xesús: polas mans dos Apóstolos realizábanse moitos milagres e prodixios no pobo58. Serán –os vosos– milagres sen espectáculo, pero estade seguros de que serán verdadeiros milagres.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/28/ (14-12-2025)