29
No exercicio das vosas profesións, na vosa vida pública e, xeralmente, en todo o que é temporal, actuades cada quen con persoal liberdade e responsabilidade, formando vosas opinións, sempre segundo os ditados da vosa conciencia, pero cunha diversidade marabillosa. Non comprometedes –non podedes comprometer– nin á Igrexa nin á Obra, porque tendes mentalidade plenamente laical e, por tanto, amiga dunha liberdade que non se limita por outras trabas que aquelas que veñen sinaladas pola doutrina e a moral de Xesucristo.
O fin e os medios da Obra de Deus non son temporais: son plena e exclusivamente sobrenaturais, espirituais. A Obra está á marxe, é allea a intereses humanos, políticos, económicos, etc. É, pola súa natureza, transcendente á sociedade terrea e nunca, por tanto, poderá ancorarse nunha cultura determinada, nin ligarse a unhas concretas circunstancias políticas, nin vincularse a unha certa época da historia humana.
Algunhas veces, o Opus Dei, como corporación, promove tarefas e iniciativas apostólicas. Son labores –de ensino, de propaganda cristiá, asistenciais, etc.– coñecidas por todos e abertas a todos, tamén aos non católicos e aos non cristiáns, que se realizan dentro dos termos sinalados polas leis civís de cada país. Non constitúen estes labores corporativos unha actuación eclesiástica, porque son, simple e sinxelamente, actividades profesionais de cidadáns, aínda que con entraña e fins apostólicos.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/29/ (14-12-2025)