34
A Obra, xunto á formación ascética, dávos unha formación doutrinal sólida que é parte integrante dese denominador común –aire de familia– de todos os fillos de Deus no seu Opus Dei. Necesitades esa base de ideas claras sobre os temas fundamentais, para estar en condicións de iluminar tantas intelixencias e de defender á Igrexa dos ataques, que recibe ás veces de todas as partes: ideas claras sobre as verdades dogmáticas e morais; sobre as esixencias da familia e do ensino cristián; sobre os dereitos ao traballo, ao descanso, á propiedade privada etc.; sobre as liberdades fundamentais de asociación, de expresión, etc. Desta maneira poderedes experimentar gozosamente a verdade daquelas palabras: veritas liberabit vos60, porque a verdade daravos alegría, paz e eficacia.
Nas Convivencias anuais –que vos axudan a conservar o fervor primitivo, melloran a vosa cultura relixiosa e vos robustecen para o apostolado–, nos círculos de estudos, nas conferencias, nos cursos especializados etc., recibides con asiduidade abundante doutrina, á vez que se vos informa de cuestións candentes de actualidade, enfocadas con criterio cristián. Formación que completades con lecturas, porque sempre haberá ao voso dispor bibliotecas circulantes, ás que acudides como subscritores, procurando subscribir tamén a outros, que non pertenzan á Obra.
Poñede moito empeño en asimilar a doutrina que se vos dá, de maneira que non se estanque; e sentide a necesidade e o deber gustoso de levar a outras mentes a formación que recibides, para que calle en boas obras, cheas de rectitude, tamén nos corazóns doutros.
Polo que veño de dicir, é do todo necesario que os gobernos locais, que atenden aos supernumerarios, teñan dedicación ao labor, porque ningún deles –ningún dos meus fillos– deberá sentirse nunca só; e haberá que prever con coidado a súa formación, durante as épocas de vacacións e os períodos de illamento.
Os fillos meus que teñen encomendado o goberno e a dirección dos seus irmáns haberán de renunciar con frecuencia ao brillo dun labor persoal para, como perpiaños ocultos, poñer o fundamento dun traballo de moito maior alcance. E non deben esquecer que esas actividades de goberno e de formación, o mesmo que as daqueloutros que se dedican de maneira total aos nosos apostolados corporativos, son tamén sempre un traballo profesional.
Cada camiñante siga o seu camiño
Jn 8,32.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/34/ (14-12-2025)