36

Liberdade, fillos meus. Non esperedes xamais que a Obra vos dea consignas temporais. Non tería o meu espírito quen pretendese violentar a liberdade que a Obra concede aos seus fillos, atropelando a personalidade propia de cada un dos fillos de Deus no Opus Dei.

Sodes vós –libremente– quen habedes de estar sensibilizados pola formación que recibides, de tal maneira que reaccionedes espontaneamente ante os problemas humanos, ante as circunstancias sociais incertas que precisan ser canalizadas con criterios rectos. A vós, cos vosos concidadáns, tócavos correr con valentía ese risco de buscar solucións humanas e cristiás –as que en conciencia vexades: non hai unha soa– ás cuestións temporais que xurdan no voso camiño.

Porque esperariades inutilmente que a Obra volas dea feitas: iso nin ocorreu, nin ocorre nin poderá ocorrer xamais, porque é contrario á nosa natureza. Non é a Obra paternalista, aínda que esta palabra é ambigua e, por tanto, refírome á significación pexorativa. Os vosos directores confían na capacidade de reacción e de iniciativa, que tedes: non vos levan da man. E, na orde espiritual, teñen cara a vós sentimentos de paternidade, de maternidade!, de bo paternalismo.

Por iso, é imposible que formemos, no seo da sociedade, o que hoxe se chama un grupo de presión, pola mesma liberdade de que gozamos no Opus Dei: xa que, en canto os directores manifestasen un criterio concreto nunha cousa temporal, rebelaríanse lexitimamente os demais membros da Obra que pensan de distinta maneira, e veríame no triste deber de bendicir e encomiar aos que tallantemente se negasen a obedecer –terían que poñer canto antes o asunto en coñecemento dos directores rexionais, ou do pai–, e de reprender cunha santa indignación aos directores que pretendesen facer uso dunha autoridade, que non poden ter. Tamén serían dignos de reprensión grave aqueles fillos meus que –en nome da liberdade de seu– pretendesen limitar a liberdade lexítima dos seus irmáns, tratando de impoñer un criterio persoal, en asuntos temporais ou opinables.

Os que se obstinan en non ver estas cousas claras e en inventarse secretos, que nunca existiron nin nunca se necesitarán, fano seguramente ex abundantia cordis, porque eles obran desa maneira. E non poderán xamais levar, como nós, a fronte alta e mirar aos ollos dos demais con luz clara: porque non temos nada que ocultar, aínda que cada quen teña as súas miserias persoais, contra as que loita na súa vida interior.

Este punto noutro idioma