37
Sucede que algúns, nestes trinta e un anos, miraron con envexa o noso labor; outros, con pouca simpatía, porque non lle teñen simpatía á Igrexa, á que servimos en ben de todos os homes; non faltaron mesmo –poucos, por fortuna– quen, pola súa mentalidade clerical, non son capaces de entender o traballo esencialmente laical dos meus fillos; houbo tamén outros, que non saben ou non queren lembrar que Deus, o noso Señor, concede a súa graza –graza específica– ás almas que se lle dedican, e para explicar a intensidade, a extensión e a eficacia dos apostolados da Obra, inventan causas humanas, falsas en absoluto, debido a que os seus fins son sobrenaturais e os medios que empregamos tamén son exclusivamente espirituais, sobrenaturais: a oración, o sacrificio e o traballo santificado e santificante.
Hai quen non é capaz de respectar e de comprender a liberdade persoal dos demais, que parecen impermeabilizados para entender que os membros do Opus Dei teñen unha finalidade común, que é soamente de carácter espiritual, e que unicamente concordan nesa finalidade; que son cidadáns libres nas cuestións temporais, igual que os outros laicos –os seus concidadáns–, e que deben convivir fraternalmente con todos.
Algunhas desas persoas –dicíavos– proceden de ambientes pechados de sancristía, e están habituadas a ver que os relixiosos teñen costume de manifestar as súas opinións, de acordo coa escola da respectiva familia relixiosa ou de acordo co modo de pensar dos seus superiores; e quixeron así, con este prexuízo de mentalidade clerical, colocar o Opus Dei ou a min persoalmente como unha etiqueta, de monárquico ou de republicano –cando non me chamaron masón–, polo feito de que eu non teño excluído a ningunha alma da nosa actividade de fillos de Deus.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/37/ (14-12-2025)