39

Apostolado no exercicio dos deberes e dereitos cidadáns

Volvo dicirvos, fillos meus, que o apostolado específico que habedes de realizar, levádelo a cabo como cidadáns, cunha plena e sincera fidelidade ao Estado, conforme a doutrina evanxélica e apostólica61; con fiel obediencia ás leis civís; observando todos os deberes cívicos, sen subtraervos ao cumprimento de ningunha obrigación e exercitando todos os dereitos, en ben da colectividade, sen exceptuar imprudentemente ningún.

Dese exercicio dos dereitos cidadáns, atopamos un exemplo vivo que imitar na reiterada actitude de San Paulo, segundo se describe no libro dos Feitos. Cunha firmeza viril, que aos timoratos poderá parecer arrogancia e que é honradez sen apoucamento, o Apóstolo exhibe, cando fai falta, a súa condición de cidadán romano e esixe, ausente toda humildade de garabato, que se lle trate como a tal: despois que a nosoutros, cidadáns romanos, nos teñen azoutado publicamente sen xulgarnos e nos teñen metido no cárcere ¿quérennos sacar agora en secreto? Non será así. Que veñan eles (os lictores) e nos saquen62.

Con esa enteireza falaba ao canceleiro de Filipos. E é estupenda a conversación, chea de garbo humano, que Paulo, a piques de ser azoutado, sostén en Xerusalén co tribuno: cando o suxeitaron para azoutalo, dixo Paulo ao centurión que estaba presente: évos lícito azoutar a un romano sen telo xulgado? Ao oír isto o centurión, foi ao encontro do tribuno e comunicoullo, dicindo: que ías facer? Este home é romano. O tribuno achegóuselle e dixo: es ti romano? El contestou: si. Engadiu o tribuno: eu adquirín esa cidadanía por unha gran suma. Paulo respondeu: pois eu téñoa por nacemento63. Fillos meus, folgan os comentarios: tomade exemplo.

Notas
61

Cfr. Mt 22,15-22; Mc 12,13-17; Lc 20,20-26; Rm 13,1-7.

62

Hch 16,37.

63

Hch 22,25-28.

Este punto noutro idioma