41

Fillas e fillos meus, da misión que Deus nos confiou e do carácter plenamente secular da nosa vocación dedúcese que ningún acontecemento, ningunha tarefa humana nos pode ser indiferente. Por ese motivo, insisto en dicirvos que é necesario que esteades presentes nas actividades sociais, que brotan da mesma convivencia humana ou que exercen nela un influxo directo ou indirecto: debedes dar aire e alma aos colexios profesionais, ás organizacións de pais de familia e de familias numerosas, aos sindicatos, á prensa, ás asociacións e concursos artísticos, literarios, deportivos etc.

Cada un de vós participará nesas actividades públicas, de acordo coa súa propia condición social e do modo máis axeitado ás súas circunstancias persoais e, por suposto, con plenísima liberdade, tanto no caso de que actúe individualmente, como cando o faga en colaboración con aqueles grupos de cidadáns, con quen estimase oportuno cooperar.

Comprendedes moi ben que esta participación na vida pública, de que vos falo, non é actividade política, no sentido estrito do termo: moi poucos dos meus fillos traballan –por dicilo así– profesionalmente na vida política. Eu fálovos da participación que é propia de todo cidadán, que sexa consciente das súas obrigacións cívicas. Vós debédesvos sentir urxidos a actuar –con liberdade e responsabilidade persoais–, por todas e as mesmas razóns nobres que moven aos vosos concidadáns. Pero, ademais, sentídesvos urxidos de modo particular, polo voso celo apostólico e polo desexo de levar a cabo un labor de paz e de comprensión en todas as actividades humanas.

Este punto noutro idioma