48

Sería deformación dar cabida ao pensamento de que a esfera da economía e das finanzas non pode ser materia de labor apostólica. Esta idea, estendida entre persoas que proceden de ambientes clericais, vai acompañada do paradoxo de que moitos deses mesmos homes, non poucas veces, están metidos –ao abeiro da Igrexa– en negocios e en empresas, manexando diñeiro abundante dos demais, que se fían deles porque se chaman católicos. Alguén dixo –non tan maliciosamente– destes tales que teñen os ollos no ceo e as mans onde caian. A reserva e a prevención, cara ás empresas económicas, non é cristiá, porque é unha tarefa máis que se debe santificar.

Con todo, tivo –e segue tendo– un grande influxo ese receo entre os católicos e, en non poucas ocasións, telos retraído de facer o ben co seu traballo nese campo da economía, ou traballaron, pero con conciencia culpable, se non é que deixaron esas tarefas humanas ao arbitrio de persoas hostís á Igrexa, que souberon e saben utilizalo para facer abundante dano ás almas.

Ata tal punto é isto así, que resulta divertido ler algunha consideración piadosa da tradición eclesiástica –que se xustifica sen dúbida pola mentalidade e o ambiente da época–, onde se afirma que Pedro, despois da resurrección do Señor, puido volver ao seu oficio de pescador –porque é oficio honesto pescar– pero que a Mateo non lle foi lícito volver á súa profesión, porque hai negocios que é imposible exercitar sen grave risco de pecado ou, simple e chamente, sen cometer pecado. E o oficio de Mateo era destes70.

Cómpre acabar con eses erros, creados por xentes que profesaban o contemptus saeculi: a vosa mentalidade laical non entende que haxa ningún mal no feito de exercer os negocios ou as finanzas, porque sabedes sobrenaturalizar esas tarefas, como todas as demais, e orientalas con espírito cristián e apostólico.

Notas
70

Cfr. S. Gregorio Magno, Homiliae in Evangelia, XXIV, en Corpus Christianorum (Series Latina) CXLI, p. 197.

Este punto noutro idioma