53

Fillas e fillos meus supernumerarios, penso agora nos vosos fogares, nesas familias vosas, que brotaron dese sacramentum magnum71 do matrimonio. Nun tempo, no que persevera aínda a tarefa destrutora da familia, que fixo o século pasado, nós viñemos a levar o afán de santidade a esa célula cristiá da sociedade.

O voso primeiro apostolado está no fogar: a formación que vos dá o Opus Dei lévavos a valorar a beleza da familia, a obra sobrenatural que significa a fundación dun fogar, a fonte de santificación que se esconde nos deberes conxugais. Aínda que, conscientes da grandeza da vosa vocación matrimonial –así: vocación!–, sentides unha especial veneración e un profundo agarimo cara á castidade perfecta que sabedes que é superior ao matrimonio72 e, por iso, alegrádesvos de verdade, cando algún dos vosos fillos, pola graza do Señor, abraza esoutro camiño, que non é un sacrificio: é unha elección feita pola bondade de Deus, un motivo de santo orgullo, un servir a todos gustosamente por amor de Xesucristo.

Normalmente, nos centros de ensino, aínda que sexan levados por relixiosos, non se forma á mocidade de maneira que aprecien a dignidade e a limpeza do matrimonio. Non o ignorades. É frecuente que, nos exercicios espirituais –que se adoitan dar aos alumnos, cando xa cursan os últimos estudos secundarios–, se lles ofrezan máis elementos para considerar a súa posible vocación relixiosa que a súa orientación ao matrimonio; e non falta quen desestima aos seus ollos a vida conxugal, que pode aparecer aos mozos como algo que a Igrexa simplemente tolera.

No Opus Dei procedemos sempre doutro xeito e, deixando moi claro que a castidade perfecta é superior ao estado matrimonial, sinalamos o matrimonio como camiño divino na terra. Non nos foi mal, ao seguir este criterio: porque a verdade é sempre liberadora, e hai moita xenerosidade nos corazóns novos, para voar por riba da carne, cando se lles pon en liberdade de elixir o Amor.

A nós non nos asusta o amor humano, o amor santo dos nosos pais, do que se valeu o Señor para darnos a vida. Este amor bendígoo eu coas dúas mans. Non admito que ningún dos meus fillos deixe de ter un gran amor ao santo Sacramento do matrimonio. Por iso, cantamos sen medo as cancións do amor limpo dos homes, que son tamén coplas de amor humano ao divino***************; e quen ten renunciado a ese amor da terra, polo Amor, non somos solteiróns: temos o corazón zumarento.

Notas
71

Cfr. Ef 5,32.

72

Cfr. Mt 19,11 ss; 1 Co 7,25-40; «é superior ao matrimonio»: así o definiu o Concilio de Trento, cfr. nota a 10d. (N. del E.)

***************

*** «coplas de amor humano ao divino»: referencia implícita á obra poética de san Juan de la Cruz (1542-1591), que escribiu “ao divino”, é dicir, con significado espiritual, algunhas das súas inmortais poesías, en todo semellantes ás coplas de amor humano de outros autores renacentistas. (N. del E.)

Este punto noutro idioma