56
Vós sede xenerosos e sentide a alegría e a fortaleza das familias numerosas. Aos matrimonios que non queren ter fillos, avergóñoos: : se non queredes ter fillos, sede continentes! Penso, e dígoo sinceramente, que non é cristián recomendar que os conxugues se absteñan en épocas nas que a natureza deu á muller a capacidade de procrear****************.
Nalgún caso concreto, sempre de acordo o médico e o sacerdote, poderá e deberá mesmo permitirse. Pero non se pode recomendar como regra xeral. Díxenvos, con palabras moi fortes *****************, que seriamos moitos os que iriamos cuspir á tumba dos nosos pais, se soubésemos que viñeramos ao mundo contra a súa vontade, que non foramos froito do seu amor limpo. Grazas a Deus, xeralmente habemos de agradecer ao Señor o nacer nunha familia cristiá, á que –en gran parte– debemos a nosa vocación.
Recordo que un fillo meu, que traballaba nun país no que estaban moi estendidas as teorías sobre a limitación dos nacementos, respondeu –chanceando– a unha persoa que lle preguntaba sobre este tema: así, dentro de pouco tempo, non haberá no mundo máis que negros e católicos******************. Pero isto non o comprenden os católicos de nacións onde son minoría, porque non profundan nesa realidade –que ten fondo fundamento teolóxico– de que o matrimonio cristián é o medio que o Señor dispuxo, na súa providencia ordinaria, para facer crecer o Pobo de Deus.
En cambio, os inimigos de Cristo –máis sagaces– parecen ter máis sentido común e así, en países de réxime comunista, recoñécese cada vez máis importancia ás leis da vida e ás enerxías creadoras do home, que insiren, como factores determinantes, nos seus plans ideolóxicos e políticos.
Fogares luminosos e alegres
**** «non é cristián recomendar»: san Josemaría está a propoñer un ideal moi alto de vocación matrimonial, unha chamada á santidade, no medio do clima cada vez máis permisivo, que se estaba difundindo na sociedade occidental dos anos sesenta. Non quere que se entenda a continencia periódica como un método anticonceptivo “católico”, que se podería aplicar sen ter en conta os aspectos médicos, humanos e espirituais que tal opción comporta para cada persoa. No seguinte parágrafo dirá que, en casos concretos, «poderá e deberá mesmo permitirse», pero recomendará aconsellarse co médico e co sacerdote. Desexa axudar a quen desexa vivir cristiá e santamente o seu matrimonio e, ao mesmo tempo, necesitan distanciar os nacementos. En xeral, as súas palabras seguen a orientación pastoral e a praxe moral católica vixentes entre 1959 e 1966, datas nas que a carta está datada e en que se imprimiu, como pode verse nalgunhas obras de teoloxía moral deses anos, que se atopaban na biblioteca persoal de san Josemaría. Esta doutrina foi precisada e perfeccionada despois pola encíclica Humanae vitae (1968), de san Pablo VI. A Humanae vitae alude aos «serios motivos» que deben concorrer para empregar os métodos naturais, se se queren distanciar os nacementos (cfr. n. 16). Ao mesmo tempo, explica que eses métodos non se poden desligar da “paternidade responsable” e da virtude da castidade. No período en que saíu esta carta de san Josemaría, existía un debate teolóxico sobre a cuestión e o mesmo Maxisterio estaba aínda precisando a súa postura, na liña xa indicada en 1965 pola Gaudium et spes (nn. 50-51) do Concilio Vaticano II. O actual Catecismo da Igrexa Católica, nn. 2369-2370 recolle a formulación da Humanae vitae, enriquecida polo Maxisterio de san Xoán Paulo II. (N. del E.)
*** «con palabras moi fortes»: lembremos que san Josemaría estaba a escribir para quen coñecía ben o seu modo de falar, franco e sen andrómenas. Ao mesmo tempo, con algunha frecuencia, na súa predicación e escritos usa a hipérbole, para subliñar un ensino, como cando di que crería aos seus fillos máis que a mil notarios unánimes (cfr. En diálogo co Señor, op. cit., p. 282), ou que preferiría, antes que murmurar, cortarse a lingua cos dentes e cuspila lonxe (citado por Javier ECHEVARRÍA, homilía, 20 de xuño de 2006, en «Romana» 42 [2006], p. 84) e tantos outros exemplos, de gran efectividade expresiva. Son modos de dicir hiperbólicos, que evidentemente non pretendía que se tomasen á letra. Quen estivese familiarizado co amor de Escrivá polos seus pais e coñecese a súa capacidade de perdoar e a súa comprensión coas debilidades humanas, que resulta patente nos seus escritos, comezando por esta carta, podería deducir que xamais cumpriría o que aquí di. Pero quere usar «palabras moi fortes» para sensibilizar aos seus lectores co drama que vive quen descobre ser fillo non desexado. Un grave problema, existencial e psicolóxico, que se abate especialmente sobre a nosa sociedade, tras a enorme difusión dos métodos anticonceptivos e prácticas abortivas, a partir da chamada revolución sexual, que estaba xa ás portas cando san Josemaría escribiu estas palabras. Desexa deixar claro que o modelo de santidade que propón para as persoas casadas inclúe un «amor limpo» entre os cónxuxes e un gran amor polos fillos, sen medo á prole que Deus queira enviar, salvo por graves motivos. (N. del E.)
*** «non haberá no mundo máis que negros e católicos»: frase que ha de entenderse no contexto histórico da reivindicación dos dereitos civís nos Estados Unidos, dos anos 50 e 60 do século XX, cando a carta foi escrita. Eses anos coincidiron coa difusión das medidas de control da natalidade en América do Norte, que para os activistas afroamericanos escondían un propósito racista. Os católicos tamén se opuxeron a tales medidas, aínda que por motivos morais. A irónica frase dun membro da Obra, que cita Escrivá, quérese burlar dos prexuízos racistas e antipapistas dalgúns sectores da poboación, que deploraban a maior natalidade de afroamericanos e católicos. San Josemaría aproveita a ocasión para poñer en ridículo ao racismo –por redución ao absurdo– mostrando a súa insensatez e a de toda discriminación por motivos raciais ou relixiosos.
A mediados dos anos 60’, en América era normal referirse aos afroamericanos como “negro” (plural “negroes”). O mesmo Martin Luther King Jr., Malcom X e outros activistas antirracistas empregábano con naturalidade, o mesmo que a opinión pública en xeral, como pode comprobarse no libro de Robert PENN WARREN, Who Speaks for the Negro?, New York, Random House, 1965, contemporáneo á carta, onde se recollen entrevistas aos principais líderes do movemento polos dereitos civís.
En 1972, un afroamericano preguntou a Escrivá como mellorar no apostolado cos da súa raza (o raparigo dixo textualmente “apostolado cos negros”, vocábulo que en castelán non tiña a acepción pexorativa que agora posúe, especialmente noutras linguas). San Josemaría respondeu: «Mira, fillo meu, diante de Deus non hai negros nin brancos: todos somos iguais, todos iguais! Quérote con toda a miña alma, como quero a este e a aquel, e a todos. Hai que superar a barreira das razas, porque non hai barreira!: todos somos da mesma cor: a cor dos fillos de Dios», notas dunha reunión, 3 de abril de 1972, en Crónica (1972), vol. 5, pp. 106-107. (N. del E.)
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/carta-29/56/ (14-12-2025)