9

Durante anos, acendíame en amor de Deus a consideración do afán de Xesús por incendiar o mundo co seu lume. E non podía conter dentro de min aquel fervor que se abría impetuosamente na miña alma e que, expresándose nas palabras mesmas do Mestre, saía a gritos da miña boca: ignem veni mittere in terram, et quid volo nisi ut accendatur?... Ecce ego quia vocasti me23; vin poñer lume na terra, e que quero senón que arda?... Aquí estou, porque me chamaches.

Todos os meus fillos han de sentir ese desexo magnánimo de poñer todo o empeño, co sacrificio que faga falta, para que se activen as enerxías agarrotadas e entumecidas dos homes en servizo de Deus, facendo propio aquel clamor do Señor: misereor super turbam24, tendo agarimo ao xentío.

Ninguén pode vivir tranquilo, no Opus Dei, sen experimentar inquietude ante as masas despersonalizadas: rabaño, manda, piara, díxenvos algunha vez. Cantas paixóns nobres hai, na súa aparente indiferenza, cantas posibilidades! É necesario servir a todos, impoñer as mans a cada un, como facía Xesús –singulis manus imponens25–, para tornalos á vida, para curalos, para iluminar as súas intelixencias e robustecer as súas vontades, para que sexan útiles! E faremos entón do rabaño, exército; da manda, mesnada; e extraeremos da piara a quen non queira ser inmundo.

Ten hoxe a Obra fragrancia de campo callado26 e –ante a fecundidade do labor– non fai falta fe, para darse conta de que o Señor bendiciu a manchea o noso traballo. Hai anos que, facendo oración, con agradecemento ao Señor, cantaba eu á Obra aquela copla da miña terra: capullico, capullico, / xa te estás volvendo rosa: / xa se está achegando o tempo, / de dicirche algunha cousa. Fillos meus, hoxe tendes nas vosas mans unha belísimas rosas, espléndidas, aínda que teñan espiñas. Este é o momento de non durmir, de vibrar, para recoller –e entregárllela a Xesucristo e á súa Igrexa Santa– a colleita gañada con tanto esforzo.

Notas
23

Lc 12,49; 1 S 3,9. «ignem veni mittere...»: en diversas ocasións aludiu a este feito, que aparece recollido nos seus Apuntes íntimos (n.º 1741, 16 de julio de 1934, cfr. Josemaría Escrivá de Balaguer, Camiño, ed. crítico-histórica preparada por Pedro Rodríguez, 3ª ed., Madrid, Rialp, 2004, pp. 899-902). (N. del E.)

24

Mc 8,2.

25

Lc 4,40.

26

Cfr. Gn 27,27.

Este punto noutro idioma