1
Comeza o ano litúrxico, e o introito da Misa proponnos unha consideración intimamente relacionada co principio da vida cristiá: a vocación que recibimos. Vias tuas, Domine,de mostramihi, et semitas tuas edoce me1; Señor, indícame os teus camiños, ensíname os teus vieiros. Pedimos ao Señor que nos guíe, que nos mostre as súas pegadas, para que nos poidamos dirixir á plenitude dos seus mandamentos, que é a caridade2.
Figúrome que vós, coma min, ao pensar nas circunstancias que acompañaron a vosa decisión de vos esforzar por vivir de cheo a fe, daredes moitas grazas ao Señor, teredes o convencemento sincero —sen falsas humildades— de que non hai mérito ningún pola vosa parte. Ordinariamente aprendemos a invocar ao Señor, desde a infancia, dos beizos duns pais cristiáns; máis adiante, mestres, compañeiros, coñecidos, axudáronnos de mil maneiras a non perder de vista a Xesucristo.
Un día —non quero xeneralizar, abre o teu corazón ao Señor e cóntalle a túa historia—; quizais un amigo, un cristián corrente igual ca ti, descubriuche un panorama profundo e novo, sendo ao tempo vello como o Evanxeo. Suxeriuche a posibilidade de empeñarte seriamente en seguir a Cristo, en ser apóstolo de apóstolos. Seica perdiches entón a tranquilidade e non a recuperaches, convertida en paz, ata que libremente, porque che deu a gana —que é a razón máis sobrenatural—, respondiches que si a Deus. E veu a ledicia, rexa, constante, que só desaparece cando te afastas del.
Non me gusta falar de elixidos nin de privilexiados. Mais é Cristo quen fala, quen elixe. É a linguaxe da Escritura: elegit nos in ipso ante mundi constitutionem —di san Paulo— ut essemus sancti3. Escolleunos, desde antes da constitución do mundo, para que sexamos santos. Eu sei que isto non te enche de orgu-llo, nin contribúe a que te consideres superior aos demais homes. Esa elección, raíz da chamada, debe ser a base da túa humildade. Érguese acaso un monumento aos pinceis dun pintor? Serviron para plasmar obras mestras, pero o mérito é do artista. Nós —os cristiáns— somos só instrumentos do Creador do mundo, do Redentor de todos os homes.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/1/ (14-12-2025)