10
A fe e a intelixencia
A vida de oración e de penitencia, e a consideración da nosa filiación divina, transfórmanos en cristiáns profundamente piadosos, coma nenos pequenos diante de Deus. A piedade é a virtude dos fillos e para que o fillo se poida confiar nos brazos do seu pai, ha de ser e se sentir pequeno, necesitado. Frecuentemente meditei esa vida de infancia espiritual, que non está en oposición coa fortaleza, porque esixe unha vontade rexa, unha madureza temperada, un carácter firme, aberto.
Piadosos, pois, coma nenos: pero non ignorantes, porque cadaquén ten que se esforzar, na medida das súas posibilidades, no estudo serio, científico, da fe; e todo isto é a teoloxía. Piedade de nenos, polo tanto, e doutrina segura de teólogos.
O afán por adquirir esta ciencia teolóxica —a boa e firme doutrina cristiá— está movido, en primeiro termo, polo desexo de coñecer e amar a Deus. Asemade, é tamén consecuencia da preocupación xeral da alma fiel por acadar a máis profunda significación deste mundo, que é feitura do Creador. Con periódica monotonía, algúns tratan de resucitar unha suposta incompatibilidade entre a fe e a ciencia, entre a intelixencia humana e a Revelación divina. Esta incompatibilidade só pode aparecer, e aparentemente, cando non se entenden os termos reais do problema.
Se o mundo saíu das mans de Deus, se El creou o home á súa imaxe e semellanza47 e lle deu unha faísca de luz, o traballo da intelixencia debe —aínda que sexa cun duro traballo— desentrañar o sentido divino que xa naturalmente teñen todas as cousas; e coa luz da fe, percibimos tamén o seu sentido sobrenatural, o que resulta da nosa elevación á orde da graza. Non podemos admitir o medo á ciencia, porque calquera labor, se é verdadeiramente científica, tende á verdade. E Cristo dixo: Ego sum veritas48. Eu son a verdade.
O cristián ha ter fame de saber. Desde o cultivo dos saberes máis abstractos ata as habilidades artesáns, todo pode e debe conducir a Deus. Porque non hai tarefa humana que non sexa santificable, motivo para a propia santificación e ocasión para colaborar con Deus na santificación dos que nos arrodean. A luz dos seguidores de Xesucristo non debe estar no fondo do val, senón no cumio da montaña, para que miren as vosas boasobras e glorifiquen o voso Pai que está no ceo49.
Traballar dese xeito é oración. Estudar dese xeito é oración. Investigar dese xeito é oración. Non saímos nunca do mesmo: todo é oración, todo pode e debe levarnos a Deus, alimentar ese trato continuo con El, da mañá á noite. Todo traballo honrado pode ser oración; e todo traballo, que é oración, é apostolado. Deste xeito a alma faise rexa nunha unidade de vida sinxela e forte.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/10/ (14-12-2025)