102

Cristo vive. Esta é unha verdade que enche de contido a nosa fe. Xesús morreu na cruz, resucitou, triunfou da morte, do poder das tebras, da dor e da angustia. Non temades, con esta invocación saudou un anxo ás mulleres que ían ao sepulcro; non temades. Vós vides buscar a Xesús Nazareno, que foi crucificado: xa resucitou, non está aquí 1. Haec est dies quam fecit Dominus, exsultemus et laetemur in ea; este é o día que fixo o Señor, enchámonos de gozo2.

O tempo pascual é tempo de ledicia, dunha ledicia que non se limita a esta época do ano litúrxico, senón que se asenta en todo momento no corazón do cristián. Porque Cristo vive: Cristo non é unha figura que pasou, que existiu nun tempo e que se foi, deixándonos un recordo e un exemplo marabillosos.

Non: Cristo vive. Xesús é o Emmanuel: Deus connosco. A súa Resurrección revélanos que Deus non abandona aos seus. Pode a muller esquecerse do froito do seu ventre, non se compadecer do fillo da súas entrañas? Pois aínda que ela se esquecese, eu non me esquecerei de ti3, prometera. E cumpriu a súa promesa. Deus segue tendo as súas delicias entre os fillos dos homes4.

Cristo vive na súa Igrexa. “Dígovos a verdade: convenvos que eu marche, porque se non marcho, o Consolador non virá a vós, pero se marcho volo enviarei” 5. Eses eran os designios de Deus. Xesús, morrendo na Cruz, dábanos o Espírito de Verdade e de Vida. Cristo permanece na súa Igrexa: nos seus sacramentos, na súa liturxia, na súa predicación, na súa actividade.

De xeito especial Cristo segue presente entre nós, nesa entrega diaria da Sagrada Eucaristía. Por iso a Misa é centro e raíz da vida cristiá. En toda misa está sempre o Cristo Total, Cabeza e Corpo. Per Ipsum, et cum Ipso et in Ipso. Porque Cristo é o Camiño, o Mediador: nel, atopámolo todo; fóra del, a nosa vida queda baldeira. En Xesucristo, e instruídos por El, atrevémonos a dicir —audemus dicere— Pater noster, noso Pai. Atrevémonos a chamar Pai ao Señor dos ceos e da terra.

A presenza de Xesús vivo na Hostia Santa é a garantía, a raíz e a consumación da súa presenza no mundo.

Notas
1

Mc XVI, 6 (Evanxeo da Misa do Domingo de Resurrección).

2

Ps CXVII, 24 (Gradual desa mesma Misa).

3

Is XLIX, 14-15.

4

Cfr. Prv VIII, 31.

5

Ioh XVI, 7.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma