104
Xesucristo, fundamento da vida cristiá
Quixen lembrar, aínda que fose brevemente, algúns dos aspectos dese vivir actual de Cristo —Iesus Christus heri et ho die; ipse et in saecula9—, porque aí está o fundamento de toda a vida cristiá. Se miramos ao noso redor e consideramos o transcurso da historia da humanidade, observaremos progresos e avances. A ciencia deulle ao home unha maior conciencia do seu poder. A técnica domina a natureza en maior grao que en épocas pasadas, e permite que a humanidade soñe con chegar a un máis alto nivel de cultura, de vida material, de unidade.
Algúns poida que se sintan movidos a matizar ese cadro, lembrando que os homes padecen agora inxustizas e guerras, incluso peores que as do pasado. Non lles falta razón. Mais, por riba desas consideracións, eu prefiro lembrar que, no eido relixioso, o home segue sendo home, e Deus segue sendo Deus. Neste campo o cumio do progreso xa se deu: é Cristo, alfa e omega, principio e fin10.
Na vida espiritual non hai unha nova época á que chegar. Xa está todo dado en Cristo, que morreu, e resucitou, e vive e permanece sempre. Pero hai que se unir a El pola fe, deixando que a súa vida se manifeste en nós, de xeito que se poida dicir que cada cristián é non xa alter Christus, senón ipse Christus, o mesmo Cristo!
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/104/ (14-12-2025)