105
Instaurare omnia in Christo, dá como lema san Paulo aos cristiáns de Éfeso11; informar o mundo enteiro co espírito de Xesús, colocar a Cristo no miolo de todas as cousas. Si exaltatus fuero a terra, omnia traham ad meipsum12, cando sexa levantado en alto sobre a terra, atraerei todo canda min. Cristo coa súa Encarnación, coa súa vida de traballo en Nazaret, coa súa predicación e milagres polas terras de Xudea e de Galilea, coa súa morte na Cruz, coa súa Resurrección, é o centro da creación, Primoxénito e Señor de toda criatura.
A nosa misión de cristiáns é proclamar esa Realeza de Cristo, anunciala coa nosa palabra e coas nosas obras. O Señor quere aos seus en todas as encrucilladas da terra. A algúns chámaos ao deserto, a desentenderse dos avatares da sociedade dos homes, para facer que eses mesmos homes recorden aos demais, co seu testemuño, que existe Deus. A outros, encoméndalles o ministerio sacerdotal. Á grande maioría, quéreos no medio do mundo, nas ocupacións terreas. Polo tanto, eses cristiáns deben levar a Cristo a todos os ámbitos onde se desenvolven as tarefas humanas: á fábrica, ao laboratorio, ao traballo da terra, ao obradoiro do artesán, ás rúas das grandes cidades e aos carreiros de montaña.
Gústame lembrar a este propósito unha escena da conversación de Cristo cos discípulos de Emaús. Xesús camiña a carón daqueles dous homes, que perderon toda esperanza, de xeito que a vida lles comeza a parecer sen sentido. Comprende a súa dor, penetra no seu corazón, comunícalles algo da vida que habita nel.
Cando, ao chegar a aquela aldea, Xesús fai ademán de seguir adiante, os dous discípulos detéñeno, e case o forzan a quedar con eles. Recoñéceno despois ao partir o pan: O Señor, exclaman, estivo connosco. Entón dixéronse o un ao outro: Non é verdade que sentiamos abrasarse o noso corazón, mentres nos falaba polo camiño, e nos explicaba as Escrituras?13. Cada cristián debe facer presente a Cristo entre os homes; debe obrar de tal xeito que os que o traten perciban o bonus odor Christi14, o bo olor de Cristo; debe actuar de modo que, a través das accións do discípulo, se poida descubrir o rostro do Mestre.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/105/ (14-12-2025)