106
O cristián sábese enxertado en Cristo polo Bautismo; habilitado para loitar por Cristo pola Confirmación; chamado a obrar no mundo pola participación na función real, profética e sacerdotal de Cristo; feito unha soa cousa con Cristo pola Eucaristía, sacramento da unidade e do amor. Por iso, como Cristo, ten que vivir cara aos demais homes, mirando con amor a todos e a cada un dos que o arrodean, e á humanidade enteira.
A fe lévanos a recoñecer a Cristo como Deus, a velo como o noso Salvador, a identificármonos con El, obrando como El obrou. O Resucitado, despois de sacar ao apóstolo Tomé das súas dúbidas, mostrándolle as súas chagas, exclama: benaventurados aqueles que sen me veren creron15. Aquí —comenta san Gregorio Magno— fálase de nós dun xeito particular, porque nós posuímos espiritualmente a Aquel a quen corporalmente non vimos. Fálase de nós, mais coa condición de que as nosas accións sexan conformes a nosa fe. Non cre verdadeiramente senón quen, no seu obrar, pon en práctica o que cre. Por iso, a propósito daqueles que da fe non posúen máis que palabras di san Paulo: profesan coñecer a Deus, pero négano coas obras16.
Non é posible separar a Cristo do seu ser de Deus-Home e a súa función de Redentor. O Verbo fíxose carne e veu á terra ut omnes homines salvi fiant17, para salvar a todos os homes. Coas nosas miserias e limitacións persoais, somos outros Cristos, o mesmo Cristo, chamados tamén a servir a todos os homes.
É necesario que resoe unha vez máis aquel mandamento que permanecerá novo a través dos séculos. Carísimos —escri-be san Xoán—, non vos vou escribir un mandamento novo, senón un mandamento antigo, que recibistes desde o principio; o mandamento antigo, é a palabra divina que oístes. E non obstante eu dígovos que o mandamento do que vos falo, é un mandamento novo, que é verdadeiro en si mesmo e en vosoutros, porque as tebras desapareceron, e loce a luz verdadeira. Quen di estar na luz aborrecendo ao seu irmán, está aínda en tebras. Quen ama ao seu irmán, na luz mora, e nel non hai escándalo18.
O Noso Señor veu traer a paz, a boa nova, a vida, a todos os homes. Non só aos ricos, nin só aos pobres. Non só aos sabios, nin só aos inxenuos. A todos. Aos irmáns, que irmáns somos, pois somos fillos dun mesmo Pai Deus. Non hai, pois, máis ca unha raza: a raza dos fillos de Deus. Non hai máis ca unha cor: a cor dos fillos de Deus. E non hai máis ca unha lingua: esa que fala ao corazón e á cabeza, sen ruído de palabras, pero dándonos a coñecer a Deus e facendo que nos amemos os uns aos outros.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/106/ (14-12-2025)