107
Contemplación da vida de Cristo
107Ese é o amor de Cristo o que cada un de nós se debe esforzar por realizar, na propia vida. Para poder ser ipse Christus hai que se mirar nel. Non basta con ter unha idea xeral do espírito de Xesús, senón que hai que aprender del detalles e actitudes. E, sobre todo, hai que contemplar o seu paso pola terra, as súas pegadas, para sacar de aí forza, luz, serenidade, paz.
Cando se ama a unha persoa deséxanse saber ata os máis miúdos detalles da súa existencia, do seu carácter, para dese xeito identificarse con ela. Por iso temos que meditar a historia de Cristo, desde o seu nacemento no presebe, ata a súa morte e a súa resurrección. Nos primeiros anos do meu labor sacerdotal, adoitaba agasallar con exemplares do Evanxeo e libros onde se narraba a vida de Xesús. Porque fai falta que a coñezamos ben, que a teñamos toda enteira na cabeza e no corazón, de xeito que, en calquera momento, sen necesidade de ningún libro, pechando os ollos, poidamos contemplala como nunha película; de forma que, nas diversas situacións da nosa condu-ta, acudan á memoria as palabras e os feitos do Señor.
Así nos sentiremos metidos na súa vida. Porque non se trata só de pensar en Xesús, de representármonos aquelas escenas. Temos que nos meter de cheo nelas, ser actores. Seguir a Cristo tan de preto como Santa María, a súa Nai, como os primeiros doce, como as santas mulleres, como aquelas multitudes que se arremuiñaban ao seu redor. Se obramos así, se non poñemos atrancos, as palabras de Cristo entrarán ata o fondo da alma, e transformarannos. Porque a palabra de Deus é viva e eficaz, e máis penetrante que espada de dous fíos, e introdúcese ata as flexuras da alma e do espírito, ata as xunturas e o miolo dos ósos, e discirne os pensamentos e as intencións do corazón19.
Se queremos levar ata o Señor aos demais homes, é necesario ir ao Evanxeo e contemplar o amor de Cristo. Poderiamos fixarnos nas escenas cumes da Paixón, porque, como El mesmo dixo, ninguén ten amor máis grande que o que dá a súa vida polos amigos20. Mais podemos considerar tamén o resto da súa vida, o seu trato ordinario cos que se cruzaron con El.
Cristo, perfecto Deus e perfecto Home, para facerlles chegar aos homes a súa doutrina de salvación e manifestarlles o amor de Deus, procedeu de xeito humano e divino. Deus condescende co home, toma a nosa natureza sen reservas, con excepción do pecado.
Prodúceme unha fonda ledicia considerar que Cristo qui-xo ser plenamente home, con carne coma a nosa. Emocióna-me contemplar a marabilla dun Deus que ama con corazón de home.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/107/ (14-12-2025)