108
Entre tantas escenas como nos narran os evanxelistas, deteñámonos a considerar algunha, comezando cos relatos do trato de Xesús cos doce. O apóstolo san Xoán, que verte no seu Evanxeo a experiencia de toda unha vida, narra aquela primeira conversa co encanto do que nunca se esquece. Mestre, onde habitas? Dilles Xesús: Vide e verédelo. Foron, pois, e viron onde habitaba, e quedaron con El aquel día21.
Diálogo divino e humano que transformou as vidas de Xoán e de Andrés, de Pedro, de Santiago e de tantos outros, que preparou os seus corazóns para escoitar a palabra imperiosa que Xesús lles dirixiu xunto ao mar de Galilea. Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu dous irmáns, Simón, chamado Pedro, e Andrés, o seu irmán, botando a rede ao mar; pois eran pescadores. E díxolles: seguídeme e eu farei que veñades ser pescadores de homes. Ao instante os dous, deixadas as redes, seguírono22.
Nos tres anos sucesivos, Xesús convive cos seus discípulos, coñéceos, contesta as súas preguntas, resolve as súas dúbidas. É abofé, o Rabbí, o Mestre que fala con autoridade, o Mesías enviado de Deus. Pero ao tempo é accexible, achegado. Un día Xesús retírase en oración; os discípulos encóntranse preto, poida que mirándoo e intentando adiviñar as súas palabras. Cando Xesús volve, un deles pregunta: Domine, doce nos orare, sicut docuit et Ioannes discipulos suos; apréndenos a orar, ao xeito que lle aprendeu Xoán aos seus discípulos. E Xesús respondeulles: Cando vos poñades a orar, debedes dicir: Pai, santificado sexa o teu nome...23.
Coa autoridade de Deus e co agarimo de home recibe igualmente o Señor os Apóstolos que, abraiados polos froitos da súa primeira misión, lle comentaban as primicias do seu apostolado. Vide retirarvos comigo a un lugar solitario, e repousaredes un chisco24.
Unha escena moi similar repítese cara ao final da estancia de Xesús sobre a terra, pouco antes da Ascensión. Chegada a mañá, apareceuse Xesús na ribeira; pero os discípulos non coñeceron que fose El. E Xesús díxolles: rapaces, tedes algo que comer? O que preguntou como home, fala despois como Deus: Bota-de a rede á dereita do barco e atoparedes. Botárona, pois, e xa non a podían sacar pola chea de peixes que había. Entón o discípulo aquel a quen Xesús amaba, díxolle a Pedro: É o Señor.
E Deus espéraos na beira: Ao saltar á terra, viron preparadas brasas acesas e un peixe posto enriba e pan. Xesús díxolles: Traede acá dos peixes que rematades de coller. Subiu ao barco Simón Pedro e sacou a terra a rede, chea de cento cincuenta e tres peixes grandes. E a pesar de seren tantos non rompeu a rede. Dilles Xesús: Veña, almorzade. E ninguén dos que estaban a comer ousaba preguntarlle: quen es?, sabendo que era o Señor. Achégase Xesús e toma o pan e distribúellelo e o mesmo fai co peixe25.
Esta delicadeza e agarimo maniféstaa Xesús, non só cun grupo pequeno de discípulos, senón con todos. Coas santas mulleres, con representantes do Sanedrín coma Nicodemo e con publicanos coma Zaqueo, con enfermos e con sans, con dou-tores da lei e con pagáns, con persoas individuais e con multitudes enteiras.
Os Evanxeos nárrannos que Xesús non tiña onde reclinar a cabeza, mais cóntannos tamén que tiña amigos queridos e de confianza, desexosos de acollelo na súa casa. E fálannos da súa compaixón polos enfermos, da súa dor polos que ignoran e erran, do seu enfado ante a hipocrisía. Xesús chora pola mor-te de Lázaro, alporízase cos vendedores que profanan o tem-plo, deixa que se entenreza o seu corazón ante a dor da viúva de Naím.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/108/ (14-12-2025)