110

Aplicación á nosa vida ordinaria

Percorremos algunhas páxinas dos Santos Evanxeos para contemplar a Xesús no seu trato cos homes, e aprender a levar a Cristo ata os nosos irmáns, sendo nós mesmos Cristo. Apliquemos esta lección á nosa vida ordinaria, á propia vida. Porque non é a vida corrente e ordinaria, a que vivimos entre os demais concidadáns, os nosos iguais, algo chato e sen relevo. É, precisamente nestas circunstancias, onde o Señor quere que se santifique a inmensa maioría dos seus fillos.

É necesario repetir unha e outra vez que Xesús non se dirixiu a un grupo de privilexiados, senón que nos veu revelar o amor universal de Deus. Todos os homes son amados de Deus, de todos eles espera amor. De todos, calquera que sexan as súas condicións persoais, a súa posición social, a súa profesión ou oficio. A vida corrente e ordinaria non é cousa de pouco valor: todos os camiños da terra poden ser ocasión dun encontro con Cristo, que nos chama a identificarnos con El, para realizar —no lugar en que estamos— a súa misión divina.

Deus chámanos a través das incidencias da vida cotiá, no sufrimento e na alegría das persoas coas que convivimos, nos afáns humanos dos nosos compañeiros, nas miudezas da vida de familia. Deus chámanos tamén a través dos grandes pro-blemas, conflitos e tarefas que definen cada época histórica, atraendo esforzos e ilusións de gran parte da humanidade.

Este punto noutro idioma