111
Compréndese moi ben a impaciencia, a angustia, os desexos inquedos dos que, cun alma naturalmente cristiá29, non se resignan ante a inxustiza persoal e social que pode crear o corazón humano. Tantos séculos de convivencia entre os homes e, aínda, tanto odio, tanta destrución, tanto fanatismo acumulado en ollos que non queren ver e en corazóns que non que-ren amar.
Os bens da terra, repartidos entre uns poucos; os bens da cultura, pechados en cenáculos. E, fóra, fame de pan e de sabedoría, vidas humanas que son santas, porque veñen de Deus, tratadas como simples cousas, como números dunha estatística. Comprendo e comparto esa impaciencia, que me impulsa a mirar a Cristo, que nos continúa convidando a que poñamos en práctica ese mandamento novo do amor.
Todas as situación polas que atravesa a nosa vida traen unha mensaxe divina, pídennos unha resposta de amor, de entrega aos demais. Cando veña o Fillo do Home con toda a súa maxestade e acompañado de todos os seus anxos, hase sentar entón no trono da súa gloria, e fará comparecer diante del todas as nacións, e separará os uns dos outros, como o pastor separa as ovellas dos cabritos, poñendo as ovellas á súa dereita e aos cabritos á esquerda.
Entón o rei dirá aos que estarán á súa dereita: vinde benditos do meu pai, a tomar posesión do reino, que vos está preparado desde o principio do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; era peregrino, e hospedástesme; estando espido, cubrístesme; enfermo e visitástesme; encarcerado, e viñéstesme ver. Ao que os xustos responderán, dicindo: Señor, cando te vimos nós famento e che demos de comer; sedento e che demos de beber?, cando te atopamos como peregrino e te hospedamos, espido e te vestimos?, ou cando te vimos enfermo ou na cadea e te fomos visitar? E o rei en resposta diralles: en verdade vos digo, sempre que o fixestes con algún destes meus máis pequenos irmáns, comigo o fixestes30.
Hai que recoñecer a Cristo, que nos sae ao encontro, nos nosos irmáns os homes. Ningunha vida humana é unha vida illada, senón que se entrelaza con outras vidas. Ningunha persoa é un verso solto, senón que formamos todos parte dun mesmo poema divino, que Deus escribe co concurso da nosa liberdade.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/111/ (14-12-2025)