112

Non hai nada que poida ser alleo ao afán de Cristo. Falando con profundidade teolóxica, é dicir, se non nos limitamos a unha clasificación funcional; falando con rigor, non se pode dicir que haxa realidades —boas, nobres e aínda indiferentes— que sexan exclusivamente profanas, unha vez que o Verbo de Deus fixou a súa morada entre os fillos dos homes, tivo fame e sede, traballou coas súas mans, coñeceu a amizade e a obediencia, experimentou a dor e a morte. Porque en Cristo quixo oPai poñer a plenitude de todo ser, e reconciliar por El todas as cousas consigo, restablecendo a paz entre o ceo e a terra, por medio do sangue que verteu na Cruz31.

Temos que amar o mundo, o traballo, as realidades humanas. Porque o mundo é bo; foi o pecado de Adán o que rompeu a divina harmonía do creado, pero Deus Pai enviou ao seu Fillo unixénito para que restablecese esa paz. Para que nós, feitos fillos de adopción, puidésemos liberar a creación da desorde, reconciliar todas as cousas con Deus.

Cada situación humana é irrepetible, é froito dunha vocación única que se debe vivir con intensidade, realizando nela o espírito de Cristo. Así, vivindo cristiamente entre os nosos iguais, dunha maneira ordinaria pero coherente coa nosa fe, seremos Cristo presente entre os homes.

Notas
31

Col I, 19-20.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma