113
113Ao considerar a dignidade da misión á que Deus nos chama, pode xurdir quizais a presunción, a soberbia, na alma humana. É unha falsa conciencia da vocación cristiá, a que cega, a que nos fai esquecer que estamos feitos de barro, que somos po e miseria. Que non só hai mal no mundo, ao noso redor, senón que o mal está dentro de nós, que aniña nos no-sos propios corazóns facéndonos capaces de vilezas e egoísmos. Só a graza de Deus é rocha firme: nós somos area, e area movediza.
Cando se percorre coa mirada a historia dos homes ou a situación actual do mundo, causa dor contemplar que, despois de vinte séculos, hai tan poucos que se chaman cristiáns, e que, os que se adornan con ese nome, son tantas veces infieis á súa vocación. Hai anos, unha persoa que non tiña mal corazón, pero que non tiña fe, sinalando un mapamundi, comentoume: «Velaí o fracaso de Cristo. Tantos séculos procurando meter na alma dos homes a súa doutrina, e mire os resultados: non hai cristiáns».
Non falta hoxe quen aínda pense dese xeito. Pero Cristo non fracasou: a súa palabra e a súa vida fecundan continuamente o mundo. A obra de Cristo, a tarefa que o seu Pai lle encomendou, estase realizando, a súa forza atravesa a historia traendo a verdadeira vida, e cando xa todas as cousas estean suxeitas a El, entón o Fillo mesmo quedará suxeito en canto home ao que llas suxeitou todas, a fin de que en todas as cousas todo se-xa Deus32.
Nesta tarefa que vai realizando no mundo, Deus quixo que sexamos cooperadores seus, quixo correr o risco da nosa liberdade. Chégame ao fondo da alma contemplar a figura de Xesús acabado de nacer en Belén: un neno indefenso, inerme, incapaz de ofrecer resistencia. Deus entrégase nas mans dos homes, achégase e abáixase ata nós.
Xesucristo tendo a natureza de Deus, non tivo por usurpación o ser igual a Deus, e non obstante anonadouse a si mesmo tomando forma de escravo33. Deus condescende coa nosa liberdade, coa nosa imperfección, coas nosas miserias. Consinte en que os tesouros divinos sexan levados en vasos de barro, en que os deamos a coñecer mesturando as nosas deficiencias humanas coa súa forza divina.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/113/ (14-12-2025)