114
A experiencia do pecado non nos debe, pois, facer dubidar da nosa misión. Certamente os nosos pecados poden facer difícil recoñecer a Cristo. Polo tanto, temos que nos enfrontar coas nosas propias miserias persoais, buscar a purificación. Pero sabendo que Deus non nos prometeu a vitoria absoluta sobre o mal durante esta vida, senón que nos pide loita. Sufficit tibi gratia mea34, abóndache a miña graza, respondeulle Deus a Paulo, que solicitaba ser liberado do aguillón que o humillaba.
O poder de Deus maniféstase na nosa fraqueza, e impúlsanos a loitar, a combater contra os nosos defectos, aínda que sabendo que non obteremos xamais de todo a vitoria durante o camiñar terreo. A vida cristiá é un constante comezar e recomezar, un renovarse cada día.
Cristo resucita en nós, se nos facemos copartícipes da súa Cruz e da súa Morte. Temos que amar a Cruz, a entrega, a mortificación. O optimismo cristián non é un optimismo adozado, nin tampouco unha confianza humana en que todo sairá ben. É un optimismo que afonda as súas raíces na conciencia da liberdade e na fe na graza; é un optimismo que nos leva a esixirnos a nós mesmos, a esforzarnos por comprender a chamada de Deus.
Deste xeito, non xa a pesar da nosa miseria, senón en certo modo a través da nosa miseria, da nosa vida de homes feitos de carne e de barro, maniféstase Cristo: no esforzo por ser mellores, por realizar un amor que aspira a ser puro, por dominar o egoísmo, por entregármonos plenamente aos demais, facendo da nosa existencia un constante servizo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/114/ (14-12-2025)