116
É necesario, pois, que a nosa fe sexa viva, que nos leve real-mente a crer en Deus e a manter un constante diálogo con El. A vida cristiá debe ser vida de oración constante, procurado estar na presenza do Señor da mañá á noite e da noite á mañá. O cristián non é nunca un home solitario, posto que vive nun trato continuo con Deus, que está xunto a nós e nos ceos.
Sine intermissione orate, manda o Apóstolo, orade decote37. E, lembrando ese precepto apostólico, escribe Clemente Alexandrino: mándasenos loar e honrar ao Verbo, a quen coñecemos como salvador e rei; e por El ao Pai, non en días escollidos, como fan outros, senón constantemente ao longo de toda a vida, e de todos os xeitos posibles38.
No medio das ocupacións da xornada, no momento de vencer a tendencia ao egoísmo, ao sentir a ledicia da amizade cos outros homes, en todos eses instantes o cristián debe reencontrar a Deus. Por Cristo e no Espírito Santo, o cristián ten acceso á intimidade de Deus Pai, e percorre o seu camiño buscando ese reino, que non é deste mundo, pero que neste mundo se incoa e se prepara.
Hai que tratar a Cristo, na Palabra e no Pan, na Eucaristía e na Oración. E tratalo como se trata a un amigo, a un ser real e vivo como Cristo o é, porque resucitou. Cristo, lemos na Epístola aos Hebreos, como sempre permanece, posúe eternamente o sacerdocio. De aquí que pode salvar perpetuamente aos que se presentan a Deus por medio del, posto que está sempre vivo para interceder por nós39.
Cristo, Cristo resucitado, é o compañeiro, o Amigo. Un compañeiro que se deixa ver entre sombras, pero cuxa realidade enche toda a nosa vida, e que nos fai desexar a súa compañía definitiva. O espírito e a esposa din: vén. Diga tamén quen escoita: vén. Así mesmo o que ten sede, veña; e o que queira tome de balde a auga da vida, da felicidade eterna... E o que dá tes-temuño destas cousas di: certamente, veño axiña. Así sexa. Vén, Señor Xesús40.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/116/ (14-12-2025)