117
A liturxia pon ante os nosos ollos, unha vez máis, o último dos misterios da vida de Xesucristo entre os homes: a súa Ascensión aos ceos. Desde o Nacemento en Belén, sucederon moitas cousas: encontrámolo no berce, adorado por pastores e por reis; contemplámolo nos longos anos do seu traballo silencioso, en Nazaret; acompañámolo a través das terras de Palestina, predicándolles aos homes o Reino de Deus e facendo o ben a todos. E máis tarde, nos días da súa Paixón, sufrimos ao presenciar como o acusaban, con que saña o maltrataban, con canto odio o crucificaban.
Á dor, seguiulle a ledicia luminosa da Resurrección. Que fundamento máis claro e máis firme para a nosa fe! Xa non deberiamos dubidar. Pero quizais, como os Apóstolos, somos aínda débiles e, neste día da Ascensión, preguntámoslle a Cristo: É agora cando vas restaurar o reino de Israel? 1; é agora cando desaparecerán, definitivamente, todas as nosas perplexidades, e todas as nosas miserias?
O Señor respóndenos subindo aos ceos. Tamén como os Apóstolos, permanecemos entre admirados e tristes ao ver que nos deixa. Non é fácil, en realidade, acostumarse á ausencia física de Xesús. Conmóveme lembrar que, nun alarde de amor, marchou e quedou; foise ao Ceo e entrégasenos como alimento na Hostia Santa. Botamos de menos, non obstante, a súa palabra humana, a súa forma de actuar, de mirar, de sorrir, de facer o ben. Quereriamos volvelo mirar de preto, cando senta a carón do pozo canso polo duro camiño2, cando chora por Lázaro3, cando ora longamente4, cando se compadece da multitude5.
Sempre me pareceu lóxico e encheume de ledicia que a Santísima Humanidade de Xesucristo suba á gloria do Pai, mais penso tamén que esta tristeza, peculiar do día da Ascensión, é unha mostra do amor que sentimos por Xesús, Noso Señor. El, sendo perfecto Deus, fíxose home, perfecto home, carne da nosa carne e sangue do noso sangue. E sepárase de nós para ir ao ceo. Como non botalo en falta?
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/117/ (14-12-2025)