118
Trato con Xesucristo no Pan e na Palabra
118Se sabemos contemplar o misterio de Cristo, se nos esforzamos por velo con ollos limpos, decatarémonos de que é posible tamén agora achegármonos intimamente a Xesús, en corpo e alma. Cristo marcounos claramente o camiño. Polo Pan e pola Palabra, alimentándonos coa Eucaristía e coñecendo e cumprindo o que nos veu aprender, á vez que conversamos con El na oración. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel 6. Quen coñece os meus mandamentos e os cumpre, ese é quen me ama. E o que me ame será amado polo meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el 7.
Non son só promesas. Son a entraña, a realidade dunha vida auténtica: a vida da graza, que nos empuxa a tratar persoal e directamente a Deus. Se cumprides os meus preceptos, permaneceredes no meu amor, coma eu cumprín os mandatos do meu Pai e permanezo no seu amor8. Esta afirmación de Xesús no discurso da última cea, é o mellor preámbulo para o día da Ascensión. Cristo sabía que era preciso que El se fose; porque, dun modo misterioso que non acertamos a comprender, despois da Ascensión chegaría —nunha nova efusión do Amor divino— a terceira Persoa da Trindade Beatísima: dígovos a verdade: cómpre que eu marche. Se non me fose, o Paráclito non viría a vós. Se me vou, enviaréivolo9.
Foise e envíanos o Espírito Santo, que rexe e santifica a nosa alma. Ao actuar o Paráclito en nós confirma o que Cristo nos anunciaba: que somos fillos de Deus; que non recibimos o espírito de servidume para obrar aínda por temor, senón o espírito de adopción de fillos, en virtude do que clamamos: Abba, Pai! 10
Vedes? É a actuación trinitaria na nosa alma. Todo cristián ten acceso a esa inhabitación de Deus no máis íntimo do seu ser, se corresponde á graza que nos leva a unirnos con Cristo no Pan e na Palabra, na Sagrada Hostia e na oración. A Igrexa trae á nosa consideración cada día a realidade do Pan vivo, e dedícalle dúas das grandes festas do ano litúrxico: a do Xoves Santo e a do Corpus Christi. Neste día da Ascensión, ímonos deter no trato con Xesús, escoitando atentamente a súa Palabra.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/118/ (14-12-2025)