119

Vida de oración

119 Unha oración ao Deus da miña vida11. Se Deus é para nós vida, non debe estrañarnos que a nosa existencia de cristiáns teña que estar entretecida de oración. Pero non pensedes que a oración é un acto que se cumpre e logo se abandona. O xusto encontra na Lei de Iavé a súa compracencia e tende a acomodarse a esa lei, durante o día e durante a noite12. Pola mañá penso en ti13; e, pola tarde, diríxese a ti a miña oración coma o incenso14. Toda a xornada pode ser tempo de oración: da noite á mañá e da mañá á noite. Aínda máis: como nos lembra a Escritura Santa, tamén o sono debe ser oración15.

Lembrade o que, de Xesús, nos narran os Evanxeos. Ás veces, pasaba a noite enteira ocupado en coloquio íntimo co seu Pai. Como lles namorou aos primeiros discípulos a figura de Cristo orante! Despois de contemplar esa constante actitude do Mestre, preguntáronlle: Domine, doce nos orare16, Señor, apréndenos a orar así.

San Paulo —oratione instantes17, na oración continuos, escribe— difunde por todas partes o exemplo vivo de Cristo. E  san Lucas, cunha pincelada, retrata o xeito de obrar dos primeiros fieis: animados dun mesmo espírito, perseveraban xuntos en oración18.

O tempero do bo cristián adquírese, coa graza, na forxa da oración. E este alimento da pregaria, por ser vida, non se desenvolve nun regueiro único. O corazón desafógase habitualmente con palabras, nesas oracións vocais que nos aprendeu o mesmo Deus, Noso Pai, ou os seus anxos, Ave María. Outras veces utilizaremos oracións acrisoladas polo tempo, nas que se verteu a piedade de millóns de irmáns na fe: as da liturxia — lex orandi—, as que naceron da paixón dun corazón namorado, como tantas antífonas marianas: Sub tuum praesidium..., Memorare..., Salve Regina...

Noutras ocasións bastarannos dúas ou tres expresións, lanzadas ao Señor como setas, iaculata: xaculatorias, que aprendemos na lectura atenta da historia de Cristo. Domine, si vis, potes me mundare19, Señor, se queres, pódesme curar; Domine, tu omnia nosti, tu scis quia amo te20, Señor, Ti sábelo todo, Ti sabes que te amo; Credo, Domine, sed adiuva incredulitatem meam21, creo, Señor, mais axuda a miña incredulidade, fortalece a miña fe; Domine, non son dignus22, Señor, non son digno!; Domine meus et Deus meus23. Meu Señor e meu Deus!... Ou outras frases, breves e afectuosas, que brotan do fervor ínti-mo da alma, e responden a unha circunstancia concreta.

A vida de oración hase fundamentar ademais nalgúns es-pazos de tempo diarios, dedicados exclusivamente ao trato con Deus; momentos de coloquio sen ruído de palabras, xunto ao  Sagrario sempre que sexa posible, para agradecer ao Señor esa espera —tan senlleiro!— desde hai vinte séculos. Oración mental é ese diálogo con Deus, de corazón a corazón, no que intervén toda a alma: a intelixencia e a imaxinación, a memoria e a vontade. Unha meditación que contribúe a dar valor sobrenatural á nosa pobre vida humana, á nosa vida corrente cotiá.

Grazas a eses momentos de meditación, ás oracións vocais, ás xaculatorias, saberemos converter a nosa xornada, con naturalidade e sen espectáculo, nunha loanza continua a Deus. Manterémonos na súa presenza, como os namorados dirixen continuamente o seu pensamento á persoa que aman, e todas as nosas accións —aínda as máis pequenas— encheranse de eficacia espiritual.

Por iso, cando un cristián se mete por ese camiño de trato ininterrompido co Señor —e é un camiño para todos, non unha senda para privilexiados—, a vida interior medra, segura e firme; e afiánzase no home esa loita, amable e esixente á vez, por realizar a fondo a vontade de Deus.

Desde a vida de oración podemos entender ese outro tema que nos propón a festa de hoxe: o apostolado, poñer por obra as ensinanzas de Xesús, transmitidas aos seus pouco antes de subir aos ceos: servirédesme de testemuñas en Xerusalén e en toda Xudea e Samaría e ata o cabo do mundo24.

Notas
11

Ps XLI, 9.

12

Ps I, 2.

13

Cfr. Ps LXII, 7.

14

Cfr. Ps CXL, 2.

15

Cfr. Dt VI, 6 e 7.

16

Lc XI, 1.

17

Rom XII, 12.

18

Act I, 14.

19

Mt VIII, 2.

20

Ioh XXI, 17.

21

Mc IX, 23.

22

Mt VIII, 8.

23

Ioh XX, 28.

24

Act I, 8.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma