12

Lux fulgebit hodie super nos, quia natus est nobis Dominus1, hoxe brillará sobre nós a luz porque nos naceu o Señor. Este é o grande anuncio que lles conmove neste día aos cristiáns e que, a través deles, se dirixe á humanidade enteira. Deus está aquí. Esa verdade debe encher as nosas vidas: cada Nadal ten que ser para nós un novo especial encontro con Deus, deixando que a súa luz e a súa graza entren ata o fondo da nosa alma.

Detémonos diante do Neno, de María e de Xosé: estamos contemplando o Fillo de Deus revestido da nosa carne. Vén á miña lembranza a viaxe que fixen a Loreto, o 15 de agosto de 1951, para visitar a Santa Casa, por un motivo entrañable. Ce lebrei alí a Misa. Quería dicila con recollemento, pero non contaba co fervor da multitude. Non calculara que, nese gran día de festa, moitas persoas das contornas acudirían a Loreto, coa fe bendita desta terra e co amor que lle teñen á Madonna. A súa piedade lévaos a manifestacións non de todo apropiadas, cando se consideran as cousas —como o explicarei?— só desde o punto de vista das leis rituais da Igrexa.

Así, mentres bicaba eu o altar cando o prescriben as rúbricas da Misa, tres ou catro campesiñas bicábano á vez. Estiven distraído, mais emocionábame. Atraía tamén a miña atención o pensamento de que naquela Santa Casa —que a tradición asegura que é o lugar onde viviron Xesús, María e Xosé—; enriba da mesa do altar, puxeron estas verbas: Hic Verbum caro factum est. Aquí, nunha casa construída pola man dos homes, nun anaco da terra na que vivimos, habitou Deus.

Notas
1

Cfr. Is IX, 2; Introito da II Misa no día de Nadal.

Referencias á Sagrada Escritura
Este punto noutro idioma