120
Apostolado, corredención
Coa marabillosa normalidade do divino, a alma contemplativa desbórdase en afán apostólico: ardíame o corazón dentro do peito, acendíase o lume na miña meditación25. Que lume é ese senón o mesmo do que fala Cristo: lume vin traer á terra e que hei querer senón que arda? 26. Lume de apostolado que se robustece na oración: non hai medio mellor ca este para levar a cabo, ao longo e ao ancho do mundo, esa batalla pacífica na que cada cristián está chamado a participar: cumprir o que resta que padecer a Cristo27.
Xesús partiu aos ceos, diciamos. Pero o cristián pode, na oración e na Eucaristía, tratalo como o trataron os primeiros doce, acenderse nun celo apostólico, para facer con El un servizo de corredención, que é sementar a paz e a ledicia. Servir, pois: o apostolado non é outra cousa. Se contamos exclusivamente coas nosas propias forzas, non lograremos nada no terreo sobrenatural; sendo instrumentos de Deus, conseguirémolo todo: todo o podo naquel que me conforta28. Deus, pola súa infinita bondade, dispuxo utilizar estes instrumentos ineptos. Así que o apóstolo non ten outro fin que deixar obrar o Señor, mostrarse enteiramente dispoñible, para que Deus realice —a través das súas criaturas, a través da alma elixida— a súa obra salvadora.
Apóstolo é o cristián que se sente enxertado en Cristo, identificado con Cristo, polo Bautismo; habilitado para loitar por Cristo, pola Confirmación; chamado a servir a Deus coa súa acción no mundo, polo sacerdocio común dos fieis, que confire unha certa participación no sacerdocio de Cristo, que —sendo esencialmente distinta daquela que constitúe o sacerdocio ministerial— capacita para tomar parte no culto da Igrexa, e para axudar os homes no seu camiño cara a Deus, co testemuño da palabra e do exemplo, coa oración e coa expiación.
Cada un de nós ha ser ipse Christus. El é o único mediador entre Deus e os homes29; e nós unímonos a El para ofrecer, con El, todas as cousas ao Pai. A nosa vocación de fillos de Deus, no medio do mundo, esíxenos que non busquemos soamente a nosa santidade persoal, senón que vaiamos polos vieiros da terra, para convertelos en vereas que, a través dos atrancos, leven as almas ao Señor; que tomemos parte como cidadáns correntes en todas as actividades temporais, para ser fermento30 que ha de informar a masa enteira31.
Cristo subiu aos ceos, pero transmitiu a todo o humano honesto a posibilidade concreta de ser redimido. San Gregorio Magno recolle este grande tema cristián con palabras incisivas: Partía así Xesús cara ao lugar de onde era, e volvía do lugar no que continuaba morando. En efecto, no momento no que subía ao Ceo, unía coa súa divindade o Ceo e a terra. Na festa de hoxe convén destacar solemnemente o feito de que fora suprimido o decreto que nos condenaba, o xuízo que nos facía suxeitos de corrupción. Anatureza a que se dirixían as palabras ti es po e volverás ao po (Gen III, 19), esa mesma natureza subiu hoxe ao Ceo con Cristo32.
Non me cansarei de repetir, polo tanto, que o mundo é santificable; que aos cristiáns nos corresponde especialmente esa tarefa, purificándoo das ocasións de pecado coas que os homes o afeamos, e ofrecéndoo ao Señor como hostia espiritual, presentada e dignificada coa graza de Deus e co noso esforzo. En rigor, non se pode dicir que haxa nobres realidades exclusivamente profanas, unha vez que o Verbo se dignou asumir unha natureza humana íntegra e consagrar a terra coa súa presenza e co traballo das súas mans. A gran misión que recibimos, no Bautismo, é a corredención. Úrxenos a caridade de Cristo33, para tomar sobre os nosos ombreiros unha parte desa tarefa divina de rescatar ás almas.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/120/ (14-12-2025)