121
Mirade: a Redención, que quedou consumada cando Xesús morreu na vergonza e na gloria da Cruz, escándalo para os xudeus, necidade para os xentís34, continuará facéndose por vontade de Deus ata que chegue a hora do Señor. Non é compatible vivir segundo o Corazón de Xesucristo, e non se sentir enviado, coma El, peccatores salvos facere35, para salvar a todos os pecadores, convencidos de que nós mesmos necesitamos confiar máis cada día na misericordia de Deus. Velaí o desexo vehemente de nos considerar corredentores con Cristo, de salvar con El a todas as almas, porque somos, queremos ser ipse Christus, o mesmo Xesucristo, e El deuse a si mesmo en rescate por todos36.
Temos unha gran tarefa por diante. Non cabe a actitude de permanecer pasivos, porque o Señor nos declarou expresa-mente: negociade, mentres veño37. Mentres esperamos o retorno do Señor, que volverá a tomar posesión plena do seu Reino, non podemos estar cruzados de brazos. A extensión do Reino de Deus non é só tarefa oficial dos membros da Igrexa que representan a Cristo, porque recibiron del os poderes sagrados. Vos autem estis corpus Christi38, vós sodes tamén corpo de Cristo, sinálanos o Apóstolo, co mandato concreto de negociar até a fin.
Queda tanto por facer. É que, en vinte séculos, non se fixo nada? En vinte séculos traballouse moito; non me parece nin obxectivo, nin honrado, o afán dalgúns por menosprezar a tarefa dos que nos precederon. En vinte séculos realizouse un gran labor e, con frecuencia, realizouse moi ben. Outras veces houbo desacertos, regresións como tamén agora hai retrocesos, medo, timidez, ao tempo que non falta valentía, xenerosidade. Pero a familia humana renóvase constantemente; en cada xeración é preciso continuar co empeño de axudar o home a descubrir a grandeza da súa vocación de fillo de Deus, é necesario inculcar o mandato do amor ao Creador e ao noso próximo.
Documento impreso desde https://escriva.org/gl/es-cristo-que-pasa/121/ (14-12-2025)