122

Cristo ensinounos, definitivamente, o camiño dese amor a Deus: o apostolado é amor de Deus, que reborda, dándose aos demais. A vida interior supón crecemento na unión con Cristo, polo Pan e a Palabra. E o afán de apostolado é a manifestación exacta, adecuada, necesaria, da vida interior. Cando se saborea o amor de Deus séntese o peso das almas. Non cabe disociar a vida interior e o apostolado, como non é posible separar en Cristo o seu ser de Deus-Home e a súa función de Redentor. O Verbo quíxose encarnar para salvar os homes, para facer que sexan con El unha soa cousa. Esta é a razón da súa vinda ao mundo: por nós e pola nosa salvación, baixou do ceo, rezamos no Credo.

Para o cristián, o apostolado resulta connatural: non é algo engadido, xustaposto, externo á súa actividade cotiá, a súa ocupación profesional. Díxeno decote, desde que o Señor dispuxo que xurdise o Opus Dei! Trátase de santificar o traballo ordinario, de santificarse nesa tarefa e de santificar os demais co exercicio da propia profesión, cada quen no seu propio estado.

O apostolado é como a respiración do cristián: non pode vivir un fillo de Deus, sen ese latexar espiritual. Lémbranos a festa de hoxe que o celo polas almas é un mandato amoroso do Señor, que, ao subir á súa gloria, nos envía como as súas testemuñas polo orbe enteiro. Grande é a nosa responsabilidade: porque ser testemuña de Cristo supón, antes que nada, procurar comportarnos segundo a súa doutrina, loitar para que a nosa conduta recorde a Xesús, evoque a súa figura amabilísima. Temos que nos conducir de tal xeito, que os demais poidan dicir, cando nos vexan: este é cristián, porque non odia, porque sabe comprender, porque non é fanático, porque está por riba dos instintos, porque é sacrificado, porque manifesta sentimentos de paz, porque ama.

Este punto noutro idioma